O arquivo dixital do Monte Caxado suma máis de 5.000 documentos

O museo etnográfico pontés mostrará unha selección na nova web que estreará o 10 ► A empresa Cultureume realizou os traballos de dixitalización ao longo de 2019 e 2020

Tras dous intensos anos de traballos, o arquivo dixital do Museo Etnográfico Monte Caxado das Pontes pode presumir de sumar máis de 5.000 documentos e de ser unha referencia. Unha selección duns 500 poñeranse a disposición de todo o público a través da nova páxina web do museo, que se presentará o próximo día 10 na Casa Dopeso. O acto será ás 20.00 horas.

"O obxectivo da web é facilitar o acceso ao fondo documental do museo a calquera persoa dende a súa casa", indica o presidente da Fundación Museo Etnográfico Monte Caxado, José María López Ferro, que avanza que a esta selección inicial irase incorporando máis material co paso do tempo para facer da web un espazo dinámico e de interese.

A CONSULTA. Con esa vontade de servizo público, que dende os seus inicios, hai máis de 30 anos, ten o museo etnográfico pontés, nace o arquivo dixital. "A idea é constituír un fondo documental a nivel comarcal e poñer este fondo a disposición de todo o mundo para que se converta nunha ferramenta de consulta para a propia comunidade científica e educativa", explica.

A empresa local Cultureume, co financiamento conxunto do Concello das Pontes e da Deputación da Coruña, foi a encargada de realizar todos os traballos de dixitalización durante os anos 2019 e 2020.

O arquivo dixital do museo conta con 3.300 fotografías e 1.800 documentos. No apartado gráfico, as imaxes, que datan dende finais do século XIX ata a actualidade -a maioría son en branco e negro e están nun estado de conservación moi bo-, aparecen clasificadas en dez seccións diferentes: deporte, agro, emigración, oficios, vella escola, milicia, industria, casa, relixión e vida cotiá. Hai 2.868 feitas en Galicia e o resto divídense entre distintos puntos da xeografía española e, sobre todo, na emigración.

"Aparte da dixitalización, creouse unha base de datos coa información de cada fotogafía e reproducíronse todas en papel para telas tamén en soporte físico no propio museo", indica o responsable da fundación, que avanza que outro dos obxectivos do museo é poder chegar a realizar exposicións por temáticas.

Na parte documental, o arquivo dixital inclúe preto de 1.800 entradas, con documentos que van dende o século XVIII ata a actualidade e tipoloxías moi diversas: "partixas", documentos de herdanzas, escrituras de propiedade, correspondencia persoal, libros, revistas, cómics, xornais -hai moitos números da publicación local A Nova Unión ou a colección completa de A Nosa Terra-, revistas das festas das Pontes, programas de man do cine Alovi e do Hispania, selos...

unha nova fiestra. A nova web do museo dá un paso máis e incorpora, ademais de parte do arquivo, unha videoteca, con enlaces a audiovisuais das Pontes -gravados por particulares, como Fernando Fresco, ou da propia Filmoteca Española- e unha audioteca, cedida polo Concello, con todas as entrevistas realizadas ao que foi cronista oficial das Pontes, Enrique Rivera Rouco, na radio municipal na década dos 90.

Tamén haberá na páxina unha sección de patrimonio etnográfico local, onde Xosé María López Ferro irá publicando información sobre cruceiros, reloxos de sol e hórreos. Súmase a apartados de historia do museo e da propia colección. Ademais anunciaranse as actividades organizadas e poderase realizar a xestión de visitas.

Comentarios