miércoles. 04.08.2021 |
El tiempo
miércoles. 04.08.2021
El tiempo

Arqueoloxía observada con ollos de artesán

Illa Bufarda
María Martín Seijo firma un documental no que dous torneiros e unha cesteira analizan tres vestixios do castro de Castromaior. O filme proxectarase este sábado, ás 18.30 horas, na escola de Cabreiros, dentro das xornadas do ciclo Invernada de Cine

Unha vasilla, un cesto e unha culler de madeira carbonizados que contan os anos de mil en mil, con dous torneiros e unha cesteira, protagonizan o documental O latexo do tempo humano. Tres pezas, tres artesáns, un proxecto que vai máis alá da posta en valor dos oficios de sempre e que simboliza a simbiose entre ciencia e artesanía.

A pontesa María Martín Seijo, arqueóloga e investigadora na Universidade de Santiago de Compostela, deu forma a unha cinta cuxo xerme está nun proxecto de investigación co que pretendía "estudar os materiais vexetais usados durante a Idade de Ferro" e máis concretamente as tres pezas que apareceron queimadas no castro de Castromaior, en Portomarín, por mor dun incendio.

Castro de Castromaior. ARQUIVO

Ao estudo arqueolóxico de María sumouse a análise con ollos de artesán. Os torneiros Manuel Castro Lolo, das Pontes, e Vicente Ledo Tito, de Xermade, e a cesteira Lola Tourón, natural de Samos, achegaron o seu coñecemento sobre os procesos, os usos, as técnicas... E mentres que tiveron a oportunidade de cuestionarse "cousas que nunca nos plantexaramos", dicía Tito, a propia María arroxoulles luz para comprender "a noción de profundidade dos seus oficios". Uns traballos que se remontan aos anais da historia sen apenas sufrir cambios.

"Non hai tanta diferenza entre como se facía antes e agora", afirma Tito e corrobora Lola. "A cestería foi un dos primeiros oficios e moitas cousas, como o tear e a cerámica, evolucionaron a raíz dela. De feito, a de colmo ou en espiral, que se fai con silva e palla de centeo, mantense igual que no Neolítico", detalla a samonense. Pola súa parte, Lolo engade que lle resulta curioso que as pezas de uso cotián, como pode ser a culler, "eran pezas elaboradas, como as que facían os nosos avós", o que demostra que o tempo se dilúe cando de artesáns se fala.

Apenas hai diferenza entre como se traballaba antes e agora, como a cestería de colmo, que se elabora igual ca no Neolítico

Do diálogo entre ambos universos para acadar un obxectivo común, "enfrontarse á recuperación da historia artesá" e "reivindicar uns oficios que, se non se remedia, se acabarán perdendo", todos destacan a relevancia de que "o estamento académico recorra a nós, como artesáns, que non é habitual en Galicia, e iso que somos os que recollemos o testemuño dos vellos oficios", resalta Tito, quen, en consonancia cos seus dous compañeiros, considera a María "unha excepción" pola sensibilidade e o respecto co que tratou na súa obra o estudo dos tres vestixios.

De non ser por aquel lume que puido suceder hai máis de 2.000 anos no castro de Castromaior, hoxe non se conservarían nin a vasilla, nin a culler, nin o cesto, polas cualidades húmidas do terreo galego. E da man de María Martín pódense coñecer en todas as súas dimensións.

Logo de ser visionado en Santiago, nas Pontes e en Pontevedra, este sábado 7, ás 18.30 horas, poderase ver na casa escola de Cabreiros, en Xermade, con motivo da VIII Invernada de Cine, para logo seguir xirando por Galicia, compartindo con todos a historia e o saber dos gardiáns do noso patrimonio inmaterial.

A Invernada segue con outros tres actos 
A Invernada de Cine de Cabreiros, organizada pola asociación de veciños da parroquia xermadesa e a USC, en colaboración co Colexio de Educadores e Educadoras Sociais de Galicia, a Deputación e o Concello, continuará con outras tres actividades ata decembro. 

O que arde 
A galardoada película de Oliver Laxe será proxectada o día 21 deste mes ás 18.30 horas. 

O país da moura 
Un documental sobre a moura que recolle localizacións galegas poderase ver o 5 de decembro. 

A fraga do meu avó
Mamá Cabra chegará a Cabreiros cun espectáculo musical o día 19 de decembro.

Arqueoloxía observada con ollos de artesán
Comentarios