Armando Requeixo: "Os escritores non encaixan ben as críticas que non sexan gabanciosas"

Nado en Mondoñedo pero con raíces profundas en Abadín, o investigador e secretario do Centro Ramón Piñeiro e profesor na USC mantén un forte apego coa comarca da Terra Chá, onde a súa presenza é habitual en diversidade de eventos culturais e certames literario
Armando Requeixo (2)
photo_camera Armando Requeixo. EP

Vive entre letras, as que le e as que escribe. Natural de Mondoñedo e ligado á terra en Abadín, Armando Requeixo é investigador e secretario do Centro Ramón Piñeiro e profesor na USC. 

Ser crítico non é ser criticón. Que é necesario para un bo traballo?

Hai unha sentenza na que condensei este asunto. É unha máxima que me pediron no seu día para un libro de pensamentos e aforismos e que logo foi reproducida noutros lugares: un crítico sen sentido crítico é un crítico sen sentido.

Hai moito intrusismo?

Hai. Pero tamén entendo que a lectura, en xeral, e a lectura crítica, en particular, é patrimonio de todas as persoas, así que calquera pode expresar libremente o que considere sobre un libro. Outra cousa, xaora, é que o criterio de alguén que non ten a suficiente formación especializada, a experiencia acumulada necesaria e o imprescindible caudal contrastivo de lecturas previas sexa igual de válido que o doutra persoa que si reúne esas condicións.

Cantos libros pode ler nun mes?

Moitos. Ben máis que días ten o mes. Pero o importante non é o número, senón a fondura e a asimilación do lido.

Os escritores aceptan as críticas? Hai chamadas das mal dixeridas? Ou hai máis de agradecemento? 

Os escritores, como norma xeral, non encaixan ben as críticas que non sexan gabanciosas. E si, claro, tiven máis dun caso e máis de dous de autores desconformes co que escribira sobre as súas obras, pero son inmune a calquera tipo de reconvención ou presión. No extremo oposto, as críticas positivas son as que máis alegrías dan e, en moitas ocasións, recibo chamadas ou comunicacións dos autores agradecéndome a atención que presto aos textos.

Son bos tempos para a literatura galega?

Non son malos tempos. Publícase abondo e, entre o que sae do prelo, hai un feixe de obras cada ano máis que notable. Os premios estatais que os nosos autores foron acadando nestes últimos tempos son a proba máis evidente de que competimos en calidade co que se fai no resto da Península. E o feito de que cada vez se traduzan máis libros galegos a linguas de gran proxección internacional tamén é indicativo do interese que espertamos por toda parte.

Xesús Fraga gañou o Nacional de Narrativa este ano. En 2020, Olga Novo o de Poesía, Pilar Pallarés, en 2019, e Alba Cid, Poesía Joven. Antes Antonio García Teijeiro e Ledicia Costas, o de Infantil e Xuvenil. 

Os premios teñen sido unha magnífica nova para a literatura galega, pois confirman algo que algúns de nós levamos dicindo hai moito tempo: que a nosa escrita pode competir en calidade con calquera das da contorna, estea esta escrita en castelán, en vasco, en catalán ou no que for.

Tamén son bos tempos para as voces femininas. Queda moito para acadar a igualdade? 

Un repaso ás máis recentes cifras de publicación anual en Galicia pode axudar a facernos unha idea de en que punto nos atopamos: de 246 obras de literatura institucionalizada ou de adultos, 161 asínanas homes e 85 mulleres; e no caso dos 213 textos da literatura infantoxuvenil, 129 son de homes e 84 de mulleres. Son datos dos Informes de Literatura que publicamos no Centro Ramón Piñeiro.

Cal é o principal reto?

Coido que segue a ser o de consolidar e aumentar o lectorado habitual en galego, que amosa unha saúde razoable no mundo do ensino, pero que precisa gañar terreo en moitos outros ámbitos.

Está involucrado en numerosos xurados de certames literarios. Que supoñen estes concursos?

Son necesarios, pois axudan a dar a coñecer novos valores e contribúen a consagrar os xa consolidados. E dinamizan o calendario anual de publicacións na nosa lingua. Son, ademais, un estímulo para os creadores, tanto polo prestixio canonizador que outorgan coma polo lexítimo incentivo económico que comportan.

Está no Díaz Castro en Guitiriz ou no de Microrrelatos de Vilalba. Que ten a Terra Chá para producir tantas letras e tantos escritores?

Unha tradición extraordinaria. Nacer e formarse nun territorio no que dende a escola aprendes que os teus conterráneos foron un orgullo para as letras matrias acaba por imprimir carácter. E ver que a túa veciñanza garda memoria admirativa deses próceres contribúe a que as novas promocións queiran continuar polo mesmo vieiro.

Estivo moi involucrado na promoción do traballo de Díaz Castro, Letras Galegas en 2014. Despois foi Manuel María. Actualmente piden o recoñecemento para Crecente Vega. Tamén para Avelino Díaz.

Sen dúbida son, cada un na súa coordenada, poetas de relevo que merecen os recoñecementos que se promovan para os honrar e os lembrar. Dedicarlles un Día das Letras é unha vía, seguro que sería moi ben recibida, pero hai outras moitas que poden contribuír a popularizalos e actualizalos.

A pandemia demostrou que o libro resiste as crises. A tecnoloxía fará desaparecer o papel?

Rotundamente non. A tecnoloxía veu para quedar, é obvio, pero non lle queda outra que convivir cos formatos tradicionais. Haberá textos que preferiremos seguir lendo en papel e outros aos que nos prestará achegarnos por diferentes vías dixitais, pero isto, lonxe de ser un problema, é unha beizón, porque multiplica as posibilidades de que frecuentemos, aínda máis, a lectura.

En que está traballando?

Ando ás voltas coa exhumación dalgúns escritos de Cunqueiro e estou a coordinar un volume colectivo de estudos arredor de Florencio Delgado Gurriarán, a quen se lle dedican o ano que vén as Letras Galegas. En breve serán presentadas edicións de obras de Luísa Villalta para as que preparei estudos introdutorios e varios libros que prologuei ou nos que figuran textos meus verán a luz a non tardar.

"Todo Cunqueiro é un prodixio, un autor que, el só, é unha literatura"
Natural de Mondoñedo pero con raíces familiares en Abadín. Cal é a súa relación coa Terra Chá?
Intensa e afectiva. Teño familia e amigos na bisbarra e ao estudo dos seus escritores dediquei (e sigo facéndoo) moitas horas.
Un lugar que un non se pode perder na Terra Chá?
Moitos. Calquera dos seus prados largacíos, con farturentos regos orlados por amieiros frondosos ou rexas abedoeiras.
Un libro que sempre recomenda?
Calquera dos de Cunqueiro. Todo el é un prodixio, un autor que, el só, é unha literatura.
Un que se lle atrancase?
Hai moitos anos, cando era estudante, atragoóuseme La voluntad, de Azorín. Seica daquela non tiven en suficiente grao a calidade que anunciaba o título. Calquera día terei que volver a el, a ver se agora si son quen de rematalo.
Un que o sorprendera? 
Os relatos de Borges. Con algún deles fiquei enviso durante horas; por exemplo, cando lin por vez primeira El Aleph. E lembro ter chorado de emoción ao rematar El inmortal.
Profesor e crítico. Son máis esixentes os alumnos ou os lectores?
Uns son máis directos, os outros máis elusivos. Con uns é preciso sempre subir a aposta, cos outros cómpre saber fidelizar.
Estudou e publicou a moitos autores: Díaz Castro, Ánxel Fole, Cunqueiro, Díaz Xácome... Non lle tenta unha obra literaria coa súa voz? Escribe poesía ou relatos?
A crítica literaria, exercida con vontade de estilo, é tamén, en si, unha forma de creación.
Os libros, limpos ou subliñados? É de escribir nas marxes?
Ás veces subliño ou escribo nas marxes, mais sempre con lapis para poder desandar. E en ocasións dobrego as esquinas das páxinas para marcar pasaxes de relevo.

Comentarios