Os Argalleiros das Letras ultimarán a alameda literaria con plantas celtas

Os alumnos do IES Castro da Uz preparan un libro sobre as dedicatorias dos escritores nos seus libros

Algúns integrantes dos Argalleiros das Letras. C.A.
photo_camera Algúns integrantes dos Argalleiros das Letras. C.A.

O traballo do club de lectura dos Argalleiros das Letras do IES Castro da Uz das Pontes non ten fin e este curso, para completar un proxecto que se iniciou hai anos, investigan as plantas celtas, que completarán unha alameda literaria que se inaugurou en 2014.

"Estamos investigando sobre estas plantas. Facemos debuxos, indicamos o seu nome en latín e en galego e explicamos o seu significado celta", din os alumnos, que explican que, unha vez finalizado o traballo de documentación, se plantarán na alameda un total de 21 plantas.

A hortensia, a violeta, a campaíña, a ruda ou a vinagreira silvestre, entre outras moitas, compartirán espazo co acivro, a nogueira, o alcipreste ou a abeleira e as 21 árbores que xa foron plantadas e fan da alameda do instituto pontés un recuncho de unión de literatura e natureza.

"Cada planta ten un significado", din os alumnos, que contarán, dentro deste proxecto, cunha charla dunha farmacéutica especialista en plantas, que os achegará ás propiedades que tamén ten cada unha das especies coas que traballan.

NOVOS PROXECTOS. A maiores do proxecto das plantas celtas que finalizarán a alameda literaria, os integrantes dos Argalleiros das Letras do IES Castro da Uz das Pontes acaban de pór en marcha outro reto máis, a publicación dun libro sobre as dedicatorias coas que os escritores presentan moitas das súas obras.

"Distribuímos as estanterías e os libros da biblioteca do centro para apuntar todas as dedicatorias dos libros que hai e desas escollemos nós as que máis nos gustan", explican os estudantes, que tras facer a compilación tratarán, nun novo traballo de investigación, de comunicarse cos autores dos libros para saber o porqué das súas dedicatorias e a quen van dirixidas as súas obras.

"A dedicatoria é algo que moita xente non le e ás veces é o máis bonito dun libro", precisan os alumnos do instituto, mentres destacan a calidade literaria dalgunhas dedicatorias, a sensibilidade que transmiten moitas delas ou o moito que poden chegar a sorprender.

"Hai dedicatorias a persoas, a amigos e a familiares, pero tamén moitas a famosos, e hai outras a espazos, a diversos lugares, hai unha a unha illa enteira", apuntan os estudantes do IES Castrro da Uz, que esperan publicar o libro, baixo o título ‘Lemos para e por que’, con todo o traballo que realicen ao longo deste curso.

Será unha das moitas publicacións dos Argalleiros das Letras, un club de lectura dinámico que vai pasando o testemuño de xeración en xeración de alumnado para seguir traballando a prol da cultura e da literatura galega. O ano pasado xa presentaron o seu primeiro audiolibro.

Comentarios