Áreas de lecer para as primeiras raiolas

As comarcas de Terra Chá e de Meira e a localidade das Pontes contan cunha ampla oferta de espazos ao aire libre para desfrutar da chegada do verán en contacto directo coa natureza
Área recreativa dos Sete Muíños, en Guitiriz, coa súa piscina fluvial ao fondo. C. PÉREZ
photo_camera Área recreativa dos Sete Muíños, en Guitiriz, coa súa piscina fluvial ao fondo. C. PÉREZ

A crise do covid-19 trouxo consigo moitos cambios de plans e de rutinas. As restricións que ás veces só deixaban espazo para desfrutar en familia ou con amigos ao aire libre impóñense tamén agora como unha medida preventiva. Por iso son moitos os que xa teñen a mirada posta nesas áreas de lecer nas que poder gozar das primeiras raiolas de sol.

E a oferta en Terra Chá, Meira e na localidade das Pontes é ampla. Hai numerosos espazos ao aire libre para desfrutar da chegada do verán en contacto coa natureza.

Un deses enclaves é a área recreativa de Gontán, en Abadín. Coñecida como A Roxica, este espazo bañado polo río Labrada dispón de infinitas posibilidades para o descanso e o xogo.

Tamén son un bo reclamo para os días de máis calor as área recreativas de Xustás e Pino, en Cospeito; a da Veiga, en Muras; a do Chao do Pousadoiro, en Ribeira de Piquín, ou a do Azúmara, en Castro de Rei.

A elas súmanse as praias fluviais de Baamonde e de Begonte –ambas contan con servizo de bar e adoitan promover diferentes actividades na época estival–; a da Riboira, na parroquia pastoricense de Baltar, ou o CIT de Parga e a área recreativa dos Sete Muíños, con piscina incluída, ambas en Guitiriz.

En Mosteiro estase construíndo a carón da área recreativa un gran espazo multixogo con campos de fútbol e pistas de billarda

Tamén conta con espazos Meira, dende a área de recreo Profesor Río Barja ata o mesmo Pedregal de Irimia, que dispón de zona de merendas.

Un gran espazo multixogo é o que se está proxectando en Pol, a carón da área recreativa de Mosteiro, onde se está construíndo un campo de fútbol e se levantarán varias pistas de xogos tradicionais para disputar probas de billarda, bolos ou petanca.

En Vilalba a xoia da coroa e a área recreativa da Madalena —o parque acuático ubicado neste emprazamento pasará a mellor vida— e nas Pontes, o lago, que este verán ademais de servizos estreará a bandeira azul.

PROXECTO. A área da Acea, en Cabreiros (Xermade), foi punto de encontro para moitas xeracións. Hoxe está en estado de abandono, pero existe un proxecto de participación veciñal que loita por recuperar o esplendor de antano nun lugar no que se chegaron a organizar ata cursos de piragüismo.

Comentarios