miércoles. 20.01.2021 |
El tiempo
miércoles. 20.01.2021
El tiempo

RECUNCHOS A DESCUBRIR

Área recreativa de San Xoán: fonte de natureza, de descanso e de agua

Encoro de San Xoán. C.PÉREZ
Encoro de San Xoán. C.PÉREZ
Un dos espazos máis emblemáticos de Guitiriz é o popularmente coñecido como pantano, un lugar de lecer para os veciños e tamén a principal fonte de agua dunha quinta parte da poboación do municipio
Localización
O pantano, como popularmente se lle chama ao encoro e á área recreativa, está a uns oito quilómetros de Guitiriz, tanto a pé como en coche.
No calendario 
Son varios os momentos significativos que deron pé á actual imaxe da zona. O encoro, que ten doce metros de fondo, proxectouse en
1979, a fonte da área recreativa ten gravado en pedra o 1985 e a aula forestal foi inaugurada en 2001.
Veciños
As aldeas de Cabanacomba e As Casas Vellas son as máis próximas ao lugar, que semella estar completamente illado do mundanal ruído.

A área recreativa de San Xoán, creada en terreos da comunidade de montes veciñais de Lagostelle a máis de 600 metros de altitude, é, dende os anos 80, a gran fonte de Guitiriz. En todos os sentidos. No literal, pois alí está ese gran encoro que estes días andará pola súa máxima capacidade, 95 millóns de litros recollidos de varios mananciais, a maior masa de agua do concello e da que se abastece no día a día máis dun quinto dos guitiricenses.

E no figurado. É unha fonte de vida, onde se pode atopar gran diversidade de árbores —hai acivros, loureiros, ameneiros, piñeiros ou castiñeiros—, fauna —coma réptiles, insectos, anfibios, aves ou mamíferos—, e flora. Tamén é unha fonte de relaxación e de lecer.

Son moitos os que acoden alí para comer ou compartir unha tarde en familia ao aire libre, aproveitando as instalacións da área recreativa e as grandes extensións de terreo dispoñibles. Téñense organizado actividades na aula forestal, competicións deportivas ou comidas populares e calquera momento do ano segue a ser bo para achergarse, dar un paseo e gozar da natureza.

De alí parten o roteiro de sendeirismo Pantano de San Xoán, de 20 quilómetros e dificultade media, e outro de 18,5 polos montes da parroquia dos Vilares.

Aula forestal da área recreativa de San Xoán. C.PÉREZ

Área recreativa de San Xoán: fonte de natureza, de descanso e de agua
Comentarios