O recuncho de Martín González

Área recreativa A Riboira: o ruxir da auga á beira do Miño

No Anllo de Baltar, alí atópase a praia fluvial máis emblemática da Pastoriza
Zona de merendas da área recreativa A Riboira. NOEMI FERNÁNDEZ
photo_camera Zona de merendas da área recreativa A Riboira. NOEMI FERNÁNDEZ
Localización
Chegar á área recreativa da Riboira é posible por distintas vías. Atópase a menos de tres quilómetros da LU-120 que conecta Vilalba con Meira e conta con múltiples sinais que indican o seu paradoiro. Tamén é posible acceder dende a LU-122, á altura do quilómetro catro en dirección Vilanova de Lourenzá, seguindo as indicacións cara Baltar.  
Sendeirismo
A praia fluvial de Baltar é o punto final da ruta ‘Augas de Fonmiñá’ que parte da área recreativa de Fonmiñá e acompaña ao Miño nos primeiros doce quilómetros do seu cauce. Trátase dun sendeiro de baixa dificultade que pode completarse en catro horas.
Turismo Rural
A unha distancia de tres minutos en coche atópase Casa Ferreiro, a única casa de turismo rural do concello.

Ponte para cruzar o Miño e acceder á zona da carballeira. NOEMI FERNÁNDEZ
Ponte para cruzar o Miño e acceder á zona da carballeira. NOEMI FERNÁNDEZ

Sentar á beira do río, pechar os ollos, mollar os pés e deixarse levar pola tranquilidade que transmite A Riboira. Ou citar a amigos, montar unha merenda e desfrutar dunha tarde de ocio. Son múltiples as alternativas que ofrece a praia fluvial de Baltar. 

E ata fai uns anos tamén era posible dar un paseo polo río en barcas de madeira a disposición de todos os visitantes que por alí pasaban. É o recordo máis melancólico que garda Martín González deste lugar, un espazo que o transporta á súa infancia e polo que segue pasando con asiduidade.

Este mozo de 20 anos é veciño da parroquia pastoricense de Baltar e aínda que actualmente reside en Lugo para realizar os seus estudos, volta cada fin de semana e cada verán ás terras que o viron crecer. Concretamente na Riboira celebrou moitos dos seus aniversarios rodeado de amigos e familiares que aproveitaban as mansas augas do Miño para darse un baño. 

Zona de baño e antigo embarcadoiro. NOEMI FERNÁNDEZ
Zona de baño e antigo embarcadoiro. NOEMI FERNÁNDEZ

Para Martín a praia fluvial do seu pobo "é sinónimo de tranquilidade. Un lugar para fuxir do colapso propio das grandes urbes". Esa tranquilidade acádaa grazas ao paraxe natural no que se atopa, onde só con quedar un momento en silencio se pode gozar do cantar dos paxaros e do ruxir da auga en movemento.

Pero ademais das súas propiedades como lugar de descanso tamén destaca pola súa escolla como espazo de celebración. Pois é na área recreativa da Riboira onde se celebra cada ano o Festival da Chaira, unha cita organizada pola asociación cultural A Chaínza que regresou ás beiras do Miño este pasado xuño coa súa XVI edición

Mais esta non é a única festa que se celebra no lugar, tamén é onde se dan cita os veciños e veciñas da parroquia de Baltar cada ano nas festas do pobo e na churrascada veciñal que celebran para xuntarse e desfrutar dunha paraxe única.

E ben sexa para ir de merenda con amigos, familiares ou veciños; ou para ir só nutrirse da tranquilidade que transmiten as vistas e os sons; ou para celebrar un festival de música e tradición... Para calquera opción A Riboira é unha parada perfecta na que descubrir un dos recunchos máis fermosos e característicos do concello da Pastoriza.

Zona de merendas cuberta. NOEMI FERNÁNDEZ
Zona de merendas cuberta. NOEMI FERNÁNDEZ

Comentarios