viernes. 28.01.2022 |
El tiempo
viernes. 28.01.2022
El tiempo

RECUNCHOS A DESCUBRIR

Área recreativa de Porto da Pena: onde xira a trindade xénese do pai Miño

Área recreativa de Porto da Pena, en Meira.C.PÉREZ
Área recreativa de Porto da Pena, en Meira. C.PÉREZ
Os regatos Irimia, Feás e Leiras conflúen neste espazo onde cada 17 de agosto, dende comezos deste século, os meiregos peregrinan para celebrar a tradicional e concorrida Xira Campestre, broche de ouro das festas de Santa María e San Roque de Meira
O lugar
Pertence ás Corvaceiras e atópase a un quilómetro do núcleo urbano meirego, á beira da estrada LU-P-3003, que vai ao Pedregal de Irimia.
Acea
Hoxe está seca, pero tense usado como lavadoiro e durante séculos levou a agua ata o Muíño de Figueroa (1768), que pertencía ao mosteiro. Situado na actual Praza do Convento, tiña tres moas (centeo, millo e trigo), mesón e unha central anexa. Moeu ata os 60.
O fin de festa
Antes de facerse aquí, a Xira era na carballeira de Espido en Grañanova. E antes diso, nas Barreiras.

Xuntanza dos regatos na área recrativa de Porto da Pena de Meira.C.PÉREZ

Unha vez ao ano, dende comezos deste século XXI, veciños e visitantes peregrinan á área recreativa de Porto da Pena para compartir festa, comida e divertimento. Cada 17 de agosto, as festas de Santa María e de San Roque despídense coa tradicional Xira Campestre de Meira dende esta paraxe vencellada polos fíos da historia, da auga e da pedra ao antigo mosteiro cisterciense e polas correntes continuas ao aínda máis vetusto pai Miño. 

Neste recanto enmarcado por modernas estradas, pontes de nomes cheos de incógnitas e a vetusta Cerca de Figueroa —un vello muro do antigo mosteiro, que recibe o nome da actual familia propietaria—, é onde a trindade acuífera que é xénese do Miño se fai unha. 

Ponte dos tolos, en Meira.C.PÉREZ

Dende o Pedregal baixa o Irimia, para xuntarse co Feás (ou Xiromeno) xusto antes de pasar baixo a Ponte dos Tolos. E superada esta, a só uns metros, o Leiras, o terceiro pai do pai dos ríos, e tamén o máis caudaloso da familia, únese a esa longa viaxe para chegar ao océano Atlántico. 

As chapuzaduras, non sempre voluntarias, son un sinal de identidade deste punto de encontro anual que é tamén un referente ambiental. Aquí está, dende o ano 2002, un dos marcos da Reserva da Biosfera Terras do Miño

Área recreativa de Porto da Pena.C.PÉREZ

Área recreativa de Porto da Pena: onde xira a trindade xénese do...
Comentarios