Un arco da vella nocturno en Baamonde

Unha secuencia cíclica de cores no ceo de noite intrigou aos veciños, que indagaron a orixe: as luces da praza
O efecto lumínico no ceo e, no círculo, a iluminación da praza. JAMY CORRAL
photo_camera O efecto lumínico no ceo e, no círculo, a iluminación da praza. JAMY CORRAL

Tres persoas camiñan na madrugada do domingo ao luns por Baamonde. Unha delas mira cara ao ceo e parécelle ver que cambia de cor. Fala coas do lado e pregunta: "Estou vendo ben?". E si, ve ben. Todos ven o mesmo, unha secuencia de cores que van mudando: azul, vermello, verde, morado... Que clase de fenómeno é ese e por que non o viron antes?

Unha das persoas marcha e confirma, noutros puntos a noite é negra, non se aprecian as curiosas cores no ceo nocturno. O fenómeno permanece e o misterio está servido. E como todo o mundo ten un pouco de Sherlock Holmes, Colombo ou Scooby-Doo, ao día seguinte toca investigar.

Os afeccionados á astronomía teñen constancia dalgún fenómeno? Non perece haber avisos ao respecto. Nas redes sociais hai algo? Non, pero claro, de madrugada a xente tende a durmir. Serían os novos satélites Starlink de Elon Musk? Non coincide, eses parécense máis a unha procesión de vagalumes cá un semáforo xigante.

Descartados os obxectos voantes non identificados, queda indagar de onde puido saír a proxección lumínica que xera ese estraño efecto nunha noite nubrada. Porque os expertos teñen a súa explicación: podería ser un efecto óptico, provocado polo reflexo dunha luz xerada na terra que, polas condicións meteorolóxicas -probablemente gotas en suspensión nas nubes- produce ese efecto.

A iluminación dos bancos ten unha secuencia que coincide practicamente coa avistada no ceo

Mais, onde podería estar esa iluminación, nunha época na que non hai verbenas nin locais de ocio? Non pode estar moi lonxe, xa que o fenómeno non se apreciaba máis alá de Baamonde. E a resposta chega soa e case por casualidade, noutro paseo nocturno. O Concello acondicionou a praza de Baamonde e nela colocouse unha nova iluminación ornamental, semellante á da tamén reformada Praza Irmáns Souto Montenegro de Begonte.

A iluminación dos bancos ten unha secuencia que coincide practicamente coa avistada no ceo, así que esa ten que ser a orixe dun fenómeno que, nesa madrugada en concreto, tivo que ser coma a tormenta perfecta, pois as luces levan meses operativas, pero ata o momento, ninguén se percatara. Quizais fose un momento excepcional que pode ser que non se repita. Mais por se acaso, se pasades de noite por Baamonde, non esquezades fixarvos no ceo.

Comentarios