viernes. 18.06.2021 |
El tiempo
viernes. 18.06.2021
El tiempo

A CHAIRA, 15 ANOS: OPINIÓN

Unha aproximación á relixiosidade popular na Terra Chá

Romaría dos Milagres de Saavedra. EP
Romaría dos Milagres de Saavedra. EP
Delegado de Peregrinacións da catedral de Santiago

A relixiosidade popular é obxecto de atención e de estudo por especialistas de numerosas disciplinas e son diversos os elementos presentes no fenómeno: fe, devoción, penitencia, superstición, simbolismo, mística, festa, representación, comuñón humana, estética... A acentuación duns ou outros depende das súas realizacións concretas. 

Hoxe, na recuperación de certas formas de relixiosidade mal chamada popular, presente en pastores, políticos ou animadores sociocultuais, o popular acentúa o interese e o gusto polo arcaico. Asistimos a unha especie de obsesiva conservación e restauración de costumes antigos, sen pensar demasiado na súa conformidade ou disconformidade co Evanxeo, nin na súa acomodación ou non á sensibilidade do momento. Alguén falou dun proceso de museización da fe relixiosa. E sen deternos en explicar conceptos e diferenzas, queremos deixar constancia da diferenza que existe entre unha piedade popular máis clásica porque ten as súas raíces na larga historia e na tradición dos pobos, transmitida de xeración en xeración; e unha piedade popular máis nova, porque xurdiu recentemente, motivada pola evolución sociocultural e relixiosa dos pobos.

En xeral, é posible afirmar que a relixiosidade popular é unha expresión privilexiada da inculturación do Evaxeo en cada pobo. Ou, como afirmou o cardeal Ratzinger, "a relixiosidade popular é a primeira e fundamental forma de inculturación da fe". E é que cando os valores evanxélicos se expresan con manifestacións de relixiosidade popular, é indicio de que o Evanxeo chegou ao máis profundo da cultura dun pobo, de que a fe "foi introducida no mundo da cotidianidade".

 Non cabe dúbida que a relixiosidade na Terra Chá ten a súa orixe e vinculación coas confrarías e ordes terceiras que xorden sobre todo a partir do século XIII. Está sementada de pequenos santuarios que apenas traspasan o meramente local, pero que están moi vivos na actualidade.

Unha aproximación á relixiosidade popular na Terra Chá
Comentarios