Aposta total polo rural

A gandaría Roidiz, xestionada por Jorge Filgueiras e Teresa Molina e localizada na parroquia pontesa de Ribadeume, proxecta transformar e comercializar o seu propio leite 100% ecolóxico e outros produtos derivados nun breve periodo de tempo
Jorge Filgueiras e Teresa Molina, na súa finca en Ribadume, nas Pontes. AEP
photo_camera Jorge Filgueiras e Teresa Molina, na súa finca en Ribadeume, nas Pontes. EP
HAI TRES ANOS lograron a certificación de ecolóxico despois de moito traballo e esforzo, un paso previo para poder transformar e comercializar o seu propio produto, "esa idea romántica" pola que pelexan día a día Jorge Filgueiras e Teresa Molina, os propietarios da gandaría Roidiz, localizada na parroquia pontesa de Ribadeume, está cada día máis preto.

Jorge incorporouse á gandaría familiar en 2003. A súa parella, Teresa, fíxoo máis tarde, nun regreso ao rural propiciado pola crise económica. "Crieime neste contexto, nunha gandaría, pero estudei Publicidade e Relacións Públicas e traballei na cidade un tempo. Coincidindo coa crise, e que botaba de menos esta vida, decidín seguir o impulso de volver as orixes", explica a gandeira, quen confirma que actualmente a súa explotación de Roidiz conta con 80 cabezas e unhas 90 hectáreas.

Nestes terreos non só se limitan a cumprir coa normativa para a obtención do selo ecolóxico, senón que sempre tratan de ir un paso máis alá. "A conservación do medio e o fomento da biodiversidade no noso contorno é algo fundamental para nós, case coma un mantra, polo que cada vez máis empregamos prácticas de gandería rexenerativa para fomentar a saúde do solo e tamén a fixación de CO2", explican, indicando ademais como é o día a día das súas vacas.

"Pastorean todo o ano, salvo días puntuais nos que as condicións climáticas o impiden, ben sexa pola seca a finais de verán ou polos temporais ou pola neve no inverno. Isto non adoita ser máis de 15 días ou tres semanas en todo o ano", afirma Teresa, mentres engade cifras da súa produción láctea.

"Recollemos sobre 400 litros diarios, algo menos no inverno, e un pouco máis na primavera. É unha produción modesta. Temos agora moita recría, porque a nosa idea é producir un pouco máis de cara a posta en marcha do obradoiro", afirma a gandeira, dando pistas de por onde van encamiñados os seguintes pasos do seu proxecto.

E é que estes dous emprendedores, que fan unha aposta total polo rural, están á espera de que o Concello das Pontes inicie os traballos de mellora no antigo matadoiro localizado no polígono industrial dos Airíos, onde se vai a instalar un viveiro con diferentes empresas do sector primario, e no que eles pretenden poñer en marcha o seu obradoiro lácteo ecolóxico.

"O Concello encargaríase da carcasa e nós correriamos cos gastos da maquinaria e da súa instalación", explica Teresa, quen confirma que o investimento inicial deste ambicioso proxecto polo que levan moito tempo traballando sería "duns 30.000 euros".

Con esa maquinaria poderían iniciar a transformación do seu produto 100% ecolóxico e con selo pontés. "A idea que temos é envasar leite enteiro e desnatado, queixo fresco e algo de manteiga e de nata", enumera a gandeira, confirmando que a súa aposta pasa por vender os seus produtos "no mercado de cercanía".

"O noso obxectivo é que o noso leite non teña que percorrer grandes distancias para ser consumido. Queremos vendelo preto, sen ter que ir buscar clientes a Madrid", di entre risas Teresa, quen confirma que os produtos ecolóxicos "cada vez teñen máis saída".

"Co tema covid si que se freou un pouco esa demanda, propiciada en gran medida polos problemas graves da economía familiar. Pero a tendencia vai ser que siga medrando, sobre todo no mercado local, porque coa pandemia a xente deuse conta da importancia que ten, e por iso funciona máis a economía a pequena escala", analiza, engadindo que a diferencia de sabor do ecolóxico se aprecia "moitísimo" e é un valor engadido.

"A xente que o proba di que non ter cor", afirma Teresa, desexando xa poder sacar a ese mercado os seus produtos e ver a reacción que teñen os seus veciños cando os leven á boca.

"Cremos que o futuro do rural galego pasa por pequenos proxectos coma este que temos entre mans, que fomenten a economía local e a creación de emprego, que son as que finalmente fixan xente que viva no contorno rural e que coide del. Con iniciativas como a do Concello das Pontes de facilitar o acceso á transformación agroalimentaria a pequenos produtores, farase posible", conclúe.

Comentarios