Aprazada a xira campestre de Meira para o sábado

As condicións meteorolóxicas obrigan á comisión de festas a mover o día da cita
Xira de Meira. T.LÓPEZ
photo_camera Xira de Meira nunha edición pasada. T.LÓPEZ

A tradicional xira campestre meirega que tería que celebrarse mañá no seu emprazamento, o Porto da Pena, aprázase ata o vindeiro sábado día 20 de agosto por mor das condicións meteorolóxicas

A comisión de festas de Meira viuse obrigada na mañá deste martes a tomar a decisión debido ás previsións de choiva e ao estado do campo do Porto da Pena. "Non se pode entrar alí", asegurou Miguel Ángel Rodríguez que aproveitou para confirmar que se manterá o mesmo programa a pesar do aprazamento. 

A nova deuse a coñecer por parte do párroco de Meira, Miguel Asorey, durante a celebración da misa solemne deste martes na que falou en nome da comisión. Esta tamén advertiu do cambio de data a través das súas redes sociais. 

Agardáse así o festexo da xira campestre o sábado, que contará coa actuación dun grupo musical, unha charanga e unha discoteca móvil, ademais da celebración de xogos tradicionais.

Comentarios