A historia da coñecida como Casa dos Señores da parroquia de Santa María de Duancos, en Castro de Rei, fundada ao redor de 1530 e que agora, aos seus 500 anos, estrea unha nova vida como Finca Val dos Soños, non se entendería sen o apelido López.
É o que levaba o exitoso comerciante Domingo López de Carvajal, nado nesa casa en 1697, impulsor do antigo colexio e da capela de Duancos e a quen o Rei Carlos III lle concedía o título de I Marqués de Atalaya Bermeja; e é o de Ramiro López, hostaleiro de renome natural da parroquia, quen hai xa máis de 15 anos adquiría o vello inmoble e a súa finca de 5,5 hectáreas coa ilusión de que fose o que hoxe finalmente é: un hotel casa de aldea e restaurante.

"Empezamos con eventos —no Val dos Soños e na Lenda do Quercus organizáronse durante anos incontables celebracións—, pero para min este sempre foi o proxecto máis importante da miña vida, porque nacín nesta aldea", conta quen para moitos segue a ser Ramiro da Palloza, restaurante no que botou máis de medio século, primeiro como traballador e logo como empresario.
Tan claro tiña o que quería facer cos máis de 300 metros cadrados desta antiga casa señorial, que durante anos foi mercando antigüidades para, chegado o momento, vestir o proxecto. E agora eses cabeceiros, armarios, lámpadas, cadeiras... locen aquí e acolá, nunha harmonía na que conviven o esplendoroso pasado do que foron testemuña as centenarias pedras, portas, vigas, o forno, a lareira ou a gran cheminea, cos toques de modernidade nos baños ou no papel pintado das paredes.
Non faltan tampouco os detalles orixinais, coma ese gran aparador construído cos restos de madeira da vella casa, aquela mesiña da sala de estar cunha corida árbore pintada ou as escaleiras tipo barco para acadar os sobrados dos cuartos.

Deste soño convertido en realidade, Ramiro fixo partícipes aos seus fillos, Nacho e Lucía, os seguintes López, ámbolos dous involucrados no que xa é un negocio familiar. "É importante que eles vaian collendo as rendas e que os clientes pregunten por eles, porque non é que pense en xubilarme xa, pero nalgún momento hai que deixalo", di Ramiro. E así, esta semana, os López abrían ao público o hotel casa de aldea e restaurante Finca Val dos Soños.
Servizo
O hotel ten seis cuartos no primeiro andar da casa principal e dous apartamentos, que poden unirse nun, nun antigo alboio exterior rehabilitado.
O restaurante dispón dunha sala común con capacidade para unha trintena de persoas e doutra privada, para unhas oito. Este servizo está operativo para xantares (de 13.00 a 16.00 horas) e ceas (de 20.00 a 22.30) de mércores a domingo a mediodía e ofrece unha carta con entrantes fríos e quentes, arroces, peixes e carnes e postres, así coma unha ampla carta de viños na que destacan os da Ribeira Sacra.

"Apostamos polos produtos da terra, que se produzan o máis cerca posible", detalla Ramiro, que avanza que terán "auga quilómetro cero", cun envase propio e orixinal serigrafiado, aproveitando o manancial que hai na finca, e logo de cumprir con todas as analíticas e medidas sanitarias que se lles requiren.
Faltan cousiñas, coma rematar de acondicionar a sala do forno, pero a idea é ir botando a andar pouco a pouco, tal e como fixeron na Fervenza do Corgo, operativa dende 2019 e que soubo sobrevivir ao díficil momento que viviu a hostalaría durante a pandemia.
Polo momento, no renovado establecemento hostaleiro de Duancos traballa un equipo de nove persoas, que se irá reforzando segundo se vaia vendo a necesidade. E a maiores, manteranse a carpa e as instalacións da Lenda do Quercus para a organización de eventos.
"Aínda que sexamos profesionais e levemos tempo, esto é como unha primeira vez e hai que facelo funcionar", confesa Ramiro López, mentres continúa a ultimar detalles para que todo estea como ten que estar. A fin de contas, non todos os días se consegue converter os soños en realidade.