sábado. 31.07.2021 |
El tiempo
sábado. 31.07.2021
El tiempo

Antonio Durán protagoniza 'Monstro', a nova película do meirego Andrés Goteira

Morris, en 'Dhogs'. GAITAFILMES
Morris, en "Dhogs". GAITAFILMES
A cinta é unha fábula que se inspira nos medos cotiáns

A produtora meirega Gaitafilmes e o director Andrés Goteira avanzan no que será a súa próxima longametraxe de ficción, Monstro, unha película fantástica que terá como único protagonista ao recoñecido actor galego Antonio Durán Morris, que xa contara cun papel no debut de Goteira tras as cámaras, Dhogs.

Os medos cotiáns, o elemental co que se nace e eses circuntanciais que se van incorporando segundo o contexto de cada quen, inspiran o guión e o ambiente de fábula da nova cinta fantástica na que traballa o equipo de Gaitafilmes. O proxecto encaixa na denominación de cine experimental e o seu peso recaerá nun único personaxe, o que está previsto que interprete Antonio Durán. "Quería facer algo con Morris, así que esperemos que sexa posible", explica Goteira, que fala da película coma dunha viaxe ao mundo interior.

Aquelas figuras que a avoa de Goteira dicía ver ao lonxe, nun outeiro da súa finca, que só ela vía e ás que recoñecía terlles medo, serviron de punto de partida para o que nacía coa idea de ser un proxecto pequeniño, low cost, pero que foi evolucionando e espertando o interese de quen foi coñecendo a película.

Tamén o da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), que vén de concederlle a Gaitafilmes unha subvención de 20.000 euros —2.000 na anualidade de 2020 e 18.000 na de 2021— na modalidade de desenvolvemento de proxectos audiovisuais de producción galega para que continúe avanzando na preparación de Monstro.

Andrés Goteira segue a perfilar o guión e, se a situación o permite, confía en poder gravar con Morris o teaser promocional no mes de decembro, para contar así cunha ferramenta máis coa que presentar unha longametraxe á que quere darlle prioridade.

Todo iso sen deixar de lado os outros proxectos que xa ten en marcha. O máis inmediato será o documental ficcionado Welcome to ma maison. A rodaxe, logo dun parón polo estado de alarma, concluíu en agosto e agora está en proceso de montaxe. Cofinanciado pola Deputación de Lugo, a CRTVG e Agadic, a cinta segue ao actor Igor Fernández, que sofre un colapso emocional e decide deixar a interpración para centrarse na investigación cinematográfica.

Aínda que vai máis amodo, pola envergadura do proxecto, Goteira tamén traballa no desenvolvemento doutra película, o thriller Starmucks, que tamén recibiu o apoio de Agadic.

Antonio Durán protagoniza 'Monstro', a nova película do meirego...
Comentarios