Antonio Calvo Varela: "O belén de Begonte é especial, ten algo máxico"

O exprofesor foi o gañador do certame de poesía do nacemento con 'O belén que namorou Begonte'
Antonio Calvo Varela. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Antonio Calvo Varela. VICTORIA RODRÍGUEZ

Antonio Calvo Varela naceu en Pontedeume (A Coruña) hai 80 anos. Estudou Maxisterio e conseguiu unha praza axiña. Cursou Filosofía e Letras en Madrid. Leva 40 anos vivindo en Lugo, impartindo clases en diferentes centros de estudos ata que se xubilou. Ademais, foi delegado provincial de Cultura da Xunta de Galicia.

A súa obra O belén que namorou Begonte logrou o primeiro premio nesta XLVII edición do certame poético. Cal é a temática?
O meu poema é o reflexo do que é o belén. A reprodución da vida dun pobo, co nacemento como principal protagonista. A obra intenta reflectir o ambiente que se crea neste espazo relativamente pequeno, todo o que sucede coas actividades do sistema electrónico, o movemento das pezas ou a aparición de raios. É unha especie de retrato do belén, facendo referencia ao propio pobo de Begonte, que en certo modo, púxose no mapa grazas ao nacemento.

Onde nace a idea?
É unha obra que tiña feita dende hai bastante tempo. Eu crieime nunha casa onde tiñamos un belén que fixo meu pai e as pezas tamén imitaban o contorno, como o de Begonte. De aí vén.

Cales son os puntos máis destacados do seu poema?
Non sei. Se digo a verdade, eu son moi mal xuíz de min mesmo. Quizais é falsa humildade, pero creo que o texto que fixen carece de valor. Pero agradecín moito que me deran o premio, levantoume moito o ánimo.

Porque vostede non adoita participar en certames deste estilo.
Para nada. Eu sempre escribín e nunca deixei de facelo, pero cando lía as miñas obras non me gustaban. Non creo de todo en min mesmo, entón nunca me presentei a un certame. Como anécdota, recordo a miña etapa no colexio maior en Madrid, que organizaba un certame anual de poesía. Eu fixera un poema dedicado á xente do mar de Pontedeume e amoseillo aos meus amigos. Eles decidiron presentalo ao certame e acabei levando o primeiro premio. Eu nunca o tería feito (ri). Foi unha alegría porque gañei 1.000 pesetas, que por aquel entón facían falta.

Por que decidiu participar nesta edición do certame begontés?
Decidín probar sorte, participar e ver que sucedía.

Que sentiu cando lle comunicaron que era o gañador?
Incredulidade, pero parece que si é certo. Non mo esperaba. Sinto algo de orgullo. Estiven durante unha tempada longa sen escribir. Isto provocou que volvese coller o ordenador. Estou repasando, refacendo e creando novas cousas. Entroume o ‘gusanillo’.

Seguirá participando en certames agora?
Non o sei. Non sei que será de min, a verdade. Ademais, teño 80 anos, que non é unha broma. Entón, non creo que me presente a máis. Xulio Xiz é o que me mete presión para que lle mande cousas.

Que simboliza o belén de Begonte para vostede?
É algo moi importante para min, vin un parecido en Betanzos, pero este ten algo máxico. Para min ten algo especial. É normal que o visite tanta xente.

No pasado, foi pregoeiro alí.
Cando me nomearon delegado provincial de Cultura en 1990 comecei a ter moito contacto co belén. A pesar de ser puntual, é das actividades culturais máis importantes. Por aquel entón, Xulio Xiz traballaba comigo de funcionario e pediume que fixese o pregón. Costoume, pero ao final foi máis ou menos ben (ri).

Comentarios