sábado. 31.07.2021 |
El tiempo
sábado. 31.07.2021
El tiempo

Tenreiro: "O festival de poesía pretende ser unha iniciativa coa que Guitiriz se identifique"

Antón de Guizán (2)
Antón Tenreiro. EP
Dende moi novo estivo vencellado a iniciativas culturais pero o seu compromiso e dedicación á divulgación fíxose máis forte en 2014 coas Letras Galegas a Díaz Castro, xermolo das iniciativas Lareira de Soños e Nova Poesía Guitirica, das que forma parte. A finais de ano publicarán un libro do fondo fotográfico do Armeiro de Berulfe.

Dinamizador cultural e unha das cabezas visibles de iniciativas como Os Vilares, Lareira de Soños ou Nova Poesía Guitirica, Antón Tenreiro, ou tamén coñecido como Antón de Guizán, é un dos homes que traballan máis activamente a prol da riqueza cultural da Chaira. Natural de Lanzós en Vilalba, pero moi vinculado a Guitiriz, Tenreiro forma parte de moitas iniciativas culturais da zona.

En que momento nace a súa inquedanza cultural?
Eu levo en temas culturais case toda a vida, dende que era un rapaz na asociación Alexandre Bóveda e logo máis vinculado á Terra Chá dende que coñecín a Pastora Veres.

Houbo algún momento clave?
O 2014, cando se lle dedican as Letras Galegas a Díaz Castro foi unha inxección de compromiso, tanto coa divulgación da figura de Díaz Castro como o vencello coa parroquia dos Vilares e a Terra Chá. 

Pouco despois comeza Lareira de Soños. Cal foi o xermolo?
Foi unha decisión de Pastora Veres de retomar ese proxecto sobre Os Vilares que xurdira a partir da encomenda que lle fixera Manuel María. As Letras Galegas de 2014 foron a mecha para levar a cabo o libro, o documental e a asociación. 

As Letras Galegas de 2014 foron a mecha para levar a cabo o libro, o documental e a asociación. 

Cal era a idea inicial? 
Nace para reunir nun libro todas aquelas fotos vellas das que falara Pas Veres con Manuel María, e queríaselle dar un contido. Logo vimos que a linguaxe audiovisual tiña cabida no proxecto e de aí nace o documental. 

E en 2015 bota a andar a Nova Poesía Guitirica. 
Si, o que ía ser un recital conmemorativo do 25 cabodano de Xosé María Díaz Castro culminou na creación dun grupo de poetas estable que foi medrando. 

Guitiriz é un bo caldo de cultivo para iniciativas culturais? 
Dende logo, hai un bo caldo de cultivo que leva moitos anos xa, e é a existencia dun movemento asociativo como é Xermolos. Vai máis aló dunha asociación cultural, é unha entidade social. Guitiriz e a Terra Chá tal e como é non sería entendible sen a existencia de Xermolos. 

Entre as iniciativas que se fan en Lareira de Soños e a NPG están as Vilariñas, o Trapeiro de Honra, a NPG Gazeta ou o Festival de Poesía, como se xestionan todas estas actividades? 
Non nos paramos a pensalo. É posible por unha cousa, todo o que facemos é un proxecto comunal, entendido como que é voluntario e aberto, no que cada un se implica no que pode e cando pode. Un só sería imposible, pero por sorte hai un grupo que colabora, uns nunhas actividades e outros noutras, que fai posible que todo saia adiante. É un traballo colectivo, e esa é a clave de calquera iniciativa desta índole. 

Todo o que facemos é un proxecto comunal, entendido como que é voluntario e aberto, no que cada un se implica no que pode e cando pode

O máis recente é o festival de poesía, como xurdiu a iniciativa? 
A idea do festival é a idea da propia existencia da Nova Poesía Guitirica. Que é que a memoria e a dedicatoria das Letras Galegas a Díaz Castro non quedara nun 17 de maio de 2014, senón que perviva. Para iso non chega só falar de Díaz Castro senón que hai que crear as bases para que haxa unha identidade coa poesía no concello de Guitiriz. Por sorte, hai máis xente traballando ca nós, está o IES Poeta Díaz Castro cos rapaces e os seus roteiros con outros institutos e está o propio Xermolos, que sempre ten como referencia a Díaz Castro e que fixo o traballo precisamente para que se lle dedicasen as Letras Galegas. Ao final, a suma de todos, que é o que pretendíamos con este festival, é crear unha iniciativa de refencia. Un festival poético no que a xente de Guitiriz se sinta identificada.

Cales son os visos de futuro do festival de poesía?
Nas vindeiras edicións vai ter cambios. Este primeiro ano era de aprendizaxe e obviamente vai haber axustes de cousas que funcionaron mellor e outras que o fixeron menos ben. Queremos ir mellorándoo cada ano, pero na base, vai ser moi semellante ao que foi nesta primeira edición. Vai seguir habendo poesía, música, libros e, sobre todo, o que queremos ampliar é esa poesía na rúa, nos bares ou nos supermercados. Levar, en definitiva, a poesía á xente. 

Esperan que o ano que vén haxa menos restricións para poder facer actividades máis diversas? 
Adaptarémonos ao que haxa pero queremos intentar estar máis na rúa coa xente.

Queremos levar a poesía á rúa, aos bares, aos supermercados... en definitiva, levar a poesía á xente

Que outros proxectos están por vir? 
Hai unha publicación que intentaremos que saia a finais de ano que é o álbum fotográfico de José Lobeiras, o Armeiro de Berulfe. Todo o traballo que fixemos sobre o armeiro, que xa leva dedicado un capítulo no libro de Lareira de Soños, fixo que descubríramos unha enorme testemuña visual dunha época. Temos fotografías do seu fondo particular que imos publicar co fin de salvar toda esa memoria visual e que irán acompañadas de textos de Pastora Veres e de Moncho Fuentes. Veres abordará a parte sobre a vida do Armeiro de Berulfe e Fuentes a parte máis relacionada coa fotografía e cos fotógrafos ambulantes. A finalidade é seguir contribuíndo ao rescate da nosa memoria. 

Con que apoios contan para sacar adiante todas as iniciativas? 
Agora mesmo imos facendo o que podemos, intentamos que colaboren as institucións. Por exemplo, no festival estamos contentos coa colaboración de diversas entidades e asociacións. Buscaremos nun futuro que sexan aínda máis participativas tanto nas actividades como nas publicacións. E xa non só buscamos a colaboración de institucións, senón tamén de editoriais que se comprometan para a difusión de todos estes traballos. E, ao final, queremos que nos xeren a nós o mínimo custo.

"Creo que a miña casa, máis que un verxel cultural, é unha horta cultural"

Cal é o último libro que leu?
Abril, de Luz Darriba, unha novela moi interesante dunha muller que pertence á NPG e que o presentou no festival. 

É de rematar un libro antes de empezar co seguinte ou de ter varios comezados? 
Son de ter varios abertos, agora estou con O abecedario no país das Albarizas, de Xulio Pardo de Neyra, e con Versos do desasosego, de Ana Barral.

Un escritor que hai que descubrir. 
Pois Xulio Pardo de Neyra, que se estreou en poesía co libro que comentaba e Teresa Ríos, que publicou Non estamos preparados para medrar. 

Ten algún libro de cabeceira? 
Si, O valo de Manselle, de Anxo Angueira 

Un filme. 
Calquera de Kubrick, por exemplo Senderos de Gloria. 

Última película que viu. 
Ultimamente deume por ver cine italiano, unha que me gustou foi El traidor. 

A súa familia está moi vencellada á cultura, como os difiniría? 
Pas Veres é unha activista total, Cibrán é un artista audiovisual e musical e agora vén forte a pequena, Clara, que gañou dous certames poéticos. 

Esa casa é un verxel cultural. 
Creo que a miña casa, máis que un verxel cultural, é unha plantación, unha horta cultural (ri).

Tenreiro: "O festival de poesía pretende ser unha iniciativa coa...
Comentarios