Antón Losada: "Nunca lle pagaremos ao rural todo o que lle debemos"

O pregón do politólogo deu o pistoletazo de saída á volta da Moexmu, que cumpre 38 anos ► O recinto feiral de Muimenta acolle uns 160 animais, cifra récord desde 2002, e 50 postos
Antón Losada, durante o pregón. S. IGLESIA
photo_camera Antón Losada, durante o pregón. S. IGLESIA

Antón Losada comprometeuse en 2020 a que, cando se puidese recuperar a Moexmu, alí estaría para cumprir coa súa función: a de pregoeiro. E non fallou.

"Tiña que elixir entre estar no congreso do PP en Sevilla ou estar aquí, pero onde se poña un vaca galega...". Con esas verbas arrancou a súa intervención o politólogo de Xove desde o recinto feiral Manuel Vila de Muimenta, que, tres anos despois, volve lucir en todo o seu esplendor. Losada recoñeceu ese traballo que se esconde tras a celebración desta trixésimo oitava edición e puxo en valor que "os de Muimenta facedes as cousas como é debido; ten moito mérito o que facedes aquí, ogallá houbese máis que se organizasen así de ben".

Niso concordaron a deputada Pilar García Porto, que destacou que "a Moexmu xira arredor do gando, a maquinaria e a artesanía, símbolos do noso rural"; e o alcalde de Cospeito, Armando Castosa, quen aventurou que esta cita "seguirá sumando moitas máis primaveras". A próxima data marcada no calendario será o 1 de maio e así o avanzou o coordinador, Xosé Manuel Rus, que tivo palabras de recordo para tres membros da comisión falecidos nestes tres anos: Antonio e Perfecto Morán e Antonio Basanta.

Corte da cinta inaugural por García Porto e Castosa. S. IGLESIA
Corte da cinta inaugural por García Porto e Castosa. S. IGLESIA

Para o pregoeiro, o resumo é que "nunca lle pagaremos ao rural todo o que lle debemos", facendo así un símil coa súa avoa Encarnación, que desde a súa Santa Marta de Riotorto natal foi quen de sacar adiante aos seus fillos "despois de enterrar a catro deles e quedar viúva dun profesor da República". Á súa casa ía o pequeno Antón cada 15 días e, desde alí, Encarnación trasladoulle un consello que este venres rememorou: "Sempre debes ter unha vaca na casa, nunca sabes cando volve a fame. Iso vémolo agora", engadiu o responsable de abrir unha edición de luxo.

Un total de 160 vacas inscritas, que supoñen a cifra récord desde 2002, medio cento de postos de alimentación, artesanía ou labranza, e expositores de maquinaria e vencellados ao sector primario danse cita durante a fin de semana en Muimenta.

PREPARADORES. O día inaugural, dedicado á veciñanza e na que estiveron presentes, ademais dos participantes no pregón, a vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, os deputados Roberto Fernández e Roberto García e alcaldes da contorna, representantes da corporación municipal cospeitesa e outras autoridades, tivo como prato forte o concurso de novos preparadores de Fefriga.

Lorena Rodríguez, gañadora do concurso de preparadores. S. IGLESIA
Lorena Rodríguez, gañadora do concurso de preparadores. S. IGLESIA

No certame, xulgado por Henrique Moniz, os participantes tiveron dúas horas para a posta a punto dos seus animais e niso as mellores foron Lorena Rodríguez, natural de Pol; e Lorena Iglesia, veciña da Pastoriza. Foron seguidas por Xabier Montes, de Rodeiro, e por Mario Noya, do Val do Dubra.

Programación
Este sábado, concurso de Fefriga e poxa
Na xornada do sábado, chea de actividades, a entrada ao recinto valerá tres euros, agás para os menores de doce, para os que será libre.

9.00h. Apertura do recinto para gandeiros e expositores.
10.00h. Apertura ao público.
10.15h. Abre a exposición do Centro de Artesanía e Deseño.
10.30h. Concurso de gando frisón, sección de xatas e xovencas.
12.00h. Abre o Museo da Zoca e da Escola Vella, gratis.
15.00h. Concurso de gando frisón en vacas de leite.
18.00h. Poxa de gando selecto.
21.00h. Peche do recinto.

José Álvarez, do restaurante Río Lea: "Hai xente que vén desde León só para degustar as lampreas"

O restaurante Río Lea de Castro de Rei celebra ata o 1 de maio as súas tradicionais xornadas gastronómicas da anguía e a lamprea.

José Álvarez. AEP
José Álvarez. AEP

Levan xa cinco anos impulsando estas xornadas. Por que escolleron estes manxares?
O certo é que me animei a innovar un pouco. Nesta zona sóese enxalzar sobre todo a carne e eu decidín apostar por dous produtos que son un pouco distintos ao habitual.

De que xeito se poden degustar as anguías e as lampreas?
Nós preparamos as lampreas á burgalesa, que son cunha salsa feita co seu propio sangue e con arroz branco e unhas tostas de pan. As anguías facémolas con unto e aceite á tixola, ou guisadas.

Que produto ten máis éxito?
Sen dúbida, as lampreas, porque nesta zona este é o único sitio onde se preparan. Son un produto de tempada difícil de conseguir, de feito este ano retrasamos un pouco as xornadas porque ían a un prezo bastante elevado. Anguías pódense degustar en máis sitios e nós ademais témolas todo o ano, entón non chaman tanto a atención.

Para asistir ás xornadas hai que reservar mesa?
É recomendable, para iso poden chamar ao número de teléfono 982 31 06 58.

Xa teñen moitas reservas?
A verdade é que si, antes de que se inaugurasen as xornadas xa tiñamos varias mesas reservadas.

De onde adoita vir a xente?
De toda Galicia, e tamén veñen familias de León ou de Asturias só para degustar as lampreas.

Teñen previsto facer máis xornadas nos próximos meses?
En maio temos previsto facer as xornadas gastronómicas do cordeiro ecolóxico.

Comentarios