Ansiado regreso ás táboas

Quince alumnos despediron o curso de verán organizado pola Escola Municipal de Teatro de Vilalba cunha representación  
undefined
photo_camera Asistentes ao curso de verán. C.ARIAS

Tras o parón obrigado pola pandemia no curso 2019-2020 e despois de que este ano non se chegaran a iniciar as clases á espera de que mellorara a situación sanitaria, a Escola Municipal de Teatro de Vilalba volveu ás táboas cun curso de verán que se acaba de despedir cunha representación na rúa. 

Un total de 15 alumnos adultos, de idades moi variadas, de entre 20 e algo máis de 60 anos, participaron nesta iniciativa teatral, que serviu para volver a reunilos arredor do que máis lles gusta facer, actuar. 

"Todos estaban con moitas ganas de volver, foi moito tempo sen clases de teatro e botábase en falta. Ofertáronse 15 prazas e cubríronse todas, había quórum de sobra", indica Cristina Mariño, a profesora da Escola Municipal de Teatro de Vilalba no curso que parou a pandemia e a responsable deste curso de verán. 

Durante xullo e agosto os alumnos volveron a subir ao escenario, cada semana dúas horas, para empaparse de teatro, rodearse de sentimento e deixarse levar. E hai uns días puxeron o colofón ás clases cunha mostra que representaron na praza do auditorio municipal da capital chairega ante un público entregado. 

"Máis que unha obra de teatro foi unha mostra do curso, unha peza máis visual, con algo de texto pero pouco, máis centrada na imaxe e na que buscabamos unha maneira de expresarnos máis poética e condensada para tratar de dicir co mínimo o máximo posible", explica a profesora de teatro, que incide que pese a que na mostra, e nas clases, a pandemia estaba implícita, a situación sanitaria e o covid non foron en ningún momento os protagonistas. 

A mostra, co título A flor na pedra, organizouse en varios clips nos que os alumnos expresaron as súas inquedanzas. "A conclusión principal era mostrar unha crítica cara a nosa forma de vida mecanizada, ás veces agresiva... pero coa tendencia de que sempre hai unha flor dentro de cada un que temos que cultivar para vivir mellor", resume Cristina. 

Próximo curso. O futuro da Escola Municipal de Teatro de Vilalba polo de agora está no aire e aínda non se sabe se haberá clases ou non este curso. «A escola ten que saír a concurso, faltan todos os trámites e ata setembro ou así non se saberá nada», di a profesora, que asegura que a afección polo teatro ten moitos seguidores en Vilalba. No curso 2019-2020 había sobre 40 alumnos, con grupo de adultos, xuvenil e infantil. 

Comentarios