martes. 09.03.2021 |
El tiempo
martes. 09.03.2021
El tiempo

A Anpa do Ceip de Baamonde tilda de "histórico e bochornoso" o pleno do venres

Un pleno en Begonte. AEP
Un pleno en Begonte. AEP
O punto máis tenso da sesión foi a aprobación da solicitude que se remitirá á Consellería de Educación para a unificación dos colexios de Begonte e Baamonde

A asociación de nais e pais de alumnos do Ceip de Baamonde definiu a sesión plenaria celebrada este venres en Begonte como "histórica e bochornosa" e criticou que tan só puidesen estar presentes no interior do salón de plenos, de reducidas dimensións, un representante da Anpa e outro da asociación de veciños Montenegro. Tamén afearon aos edís populares os aplausos que lle dedicaron á intervención do tenente de alcalde, o cal animou ao rexedor na consecución desta proposta, e denunciaron a "censura aos medios de comunicación".

O punto máis tenso da sesión foi a aprobación da solicitude que se remitirá á Consellería de Educación para a unificación dos colexios de Begonte e Baamonde, a desafectación deste último e a creación dun conservatorio nel, unha proposta que saíu adiante cos nove votos populares contra os dous da oposición socialista.

A Anpa tacha o plan de "erróneo, igual que os datos que se expuxeron" e cos que o goberno local xustifica a unión de ambos centros educativos. Consideran que as instalacións de Baamonde contan con "moito máis espazo que as de Begonte", polo que cuestionan a idoneidade neste momento, en plena pandemia, para que o Ceip Virxe do Corpiño pase de albergar os 65 alumnos actuais a preto dun cento.

A oposición á proposta do goberno local agudízase co paso das semanas e os colectivos que se negan ao peche do colexio trasladaron a súa loita das rúas ás redes sociais. En Facebook, a publicación do Concello de Begonte na que se resume o plan levaba na tarde do sábado centos de comentarios de rexeitamento.

A Anpa do Ceip de Baamonde tilda de "histórico e bochornoso" o...
Comentarios