A suspensión de Expogrelo marca un ano difícil para o manxar verde

"Aínda que nos levanten as restricións o 17, xa pasamos os días do Entroido. A falta da hostalaría é un golpe gordo"
Maribel Galdo, greleira de Abadín. EP
photo_camera Maribel Galdo, greleira de Abadín. EP

Poucos produtos hai na leira aos que lles guste tanto o frío como ao grelo. Co resío do inverno vólvese tenro, a acidez vai a menos e a calidade medra. Ou iso din os que máis saben de nabos, nabizas e cimos, os que algunha vez quedaron prendados do manxar verde de Abadín -distinguido coa IXP-, a onde volven cada ano nunha especie de peregrinación que comeza timidamente en novembro e se dispara en febreiro. Pero a pandemia trastocouno todo e, se se lle engade unhas malas condicións meteorolóxicas, este pode ser considerado o annus horribilis en termos greleiros.

A exaltación gastronómica deste froito do nabo que se celebra en Gontán foi unha das últimas citas festeiras que viu 2020, pero desta vez non se salva. Expogrelo queda suspendido e unha boa cantidade de produto perderase nas terras.

"A temporada dámola por perdida porque o forte viña en febreiro", recoñece Marina Cendán, de Baroncelle, cando fala do peche perimetral que afecta a todos os concellos de Galicia e que repercute directamente nas súas vendas. "Viña moita xente da Mariña, porque o grelo de Abadín é menos ácedo e máis brandiño", di, "veu algún antes de pechar e a partir de agora xa nada, en tal caso algunha empresa e nada comparado con antes". 

Caso semellante é o de Orsita Sierra, que percibe como as empresas de conservas e de distribución solicitan menos cantidade de grelo. Esta veciña de Abeledo, con clientes fieis de Foz, Burela ou Viveiro, ademais de Barcelona e Ourense, está convencida de que a maior parte do prantado, a excepción do que garde para consumo propio, quedará sen saída. "Moitos chamaron antes de confinarnos e díxenlles que había que esperar á primeira semana de febreiro, porque daquela había poucos grelos, pero non contaba con isto", recorda Orsita, que contaba con numerosa clientela que optaba por conxelar o produto e que, coas restricións de mobilidade, non poderá achegarse a Abeledo para mercar.

"Aínda que nos levanten as restricións o 17, xa pasamos os días do Entroido e as xuntanzas nas casas non se van poder celebrar", engade Marina. E é que o grelo é parte indispensable do cocido, prato que se consume maioritariamente nas reunións familiares e de amigos e na restauración, agora pechada. "A falta da hostalaría é un golpe gordo", lamenta.

MAL TEMPO. As chuvias e as nevadas deste inverno non beneficiaron ao grelo, porque moitos acabaron podrecendo e o frío queimou e esmagou parte deles. "Este temporal veulles fatal, a ver se recuperan para este mes", agarda Maribel Galdo, do barrio de Augalevada, en Baroncelle, ao igual que pensan as súas colegas de produción, que tamén resaltan a boa calidade que se lles auguraba.

"De catro partes, queda unha", cuantifica Orsita, ao tempo que recoñece o "escravo" que é o traballo de recolección do grelo, a pesar de que nunha semana chegaban a recoller 300 mandas dun quilo, afirmación coa que coincide Marina: "Moi duro para o pouco pagado que está e por riba, cando máis se vende é cando peor tempo fai". 

Os produtores dan por perdida a tempada, xa que aínda que se levanten as restricións o 17, o Entroido e a época forte terán pasado

ESCAPARATE. Expogrelo supoñía para os produtores de Abadín a maneira de dar a coñecer o manxar verde e as súas excepcionais cualidades, polas que a maioría repiten cando proban. "Non era o día que máis se vendía, pero había moitas encargas", di Orsita, unha das fundadoras da cita, á que nunca faltou.

"A feira dábanos vida", conclúe a de Augalevada que, como as demais, confía en que 2022 traia consigo a normalidade no calendario de citas gastronómicas.

Desde 2006 é primeira vez sen Expogrelo
A primeira edición de Expogrelo celebrabase o 18 de febreiro de 2006 e o recinto feiral de Gontán continuou citando a numerosos visitantes e produtores ata o pasado ano.

Preto dunha trintena
Foi o récord de greleiros que acudiron a Expogrelo, coincidindo co terceiro ano da cita, unha cifra que se foi movendo ao longo deste tempo ata chegar aos 15 de 2020.

100
É o tope de mandas que poden colocar os produtores nos stands. Rondan o quilo de peso e víñanse vendendo a un euro. Normalmente, esgotábanse a media mañá.ABELEDO23

Orsita Sierra, a única greleira de Abeledo

Orsita Sierra é a única veciña de Abeledo que segue cultivando grelo para vender. Pranta uns dez ferrados que recolectan entre ela e o seu home e é das que rota o terreo todos os anos co cultivo de trigo.

Maribel Galdo, fiel asistente á feira

Esta veciña de Baroncelle continuou "botando igual, unha parcela xunto á casa de cinco ferrados", di. Hai preto de 15 anos que empezou a vender grelo, primeiro para Obenfield —sobre 20.000 quilos— e agora para Castelo, de Vilalba. Como case todos, o traballo de recolectar enfróntao ela soa. 

Marina CendDSC_0652án, das primeiras en vender

A parroquia que reúne máis produtores é Baroncelle, cuns dez, e unha delas é Marina Cendán, que comezou a botar grelo para vender fai uns 20 anos, converténdose así nunha das primeiras do municipio. Como as súas veciñas, apenas variou a superficie de terreo con grelo, arredor dunha hectárea. 

Comentarios