martes. 19.10.2021 |
El tiempo
martes. 19.10.2021
El tiempo

Ángel Prieto: "Unha transición ecolóxica xusta pasa por unha educación ambiental construtiva"

Ángel Prieto. C.ARIAS
Ángel Prieto. C.ARIAS
O ambientólogo pontés, que leva un ano e medio dedicado a educar e divulgar entre os máis novos conceptos como emerxencia climática, cultura oceánica ou conservación de espazos naturais, asegura que queda moito por facer e que hai moita desinformación, pero defende que fomentar boas prácticas nos cidadáns do futuro terá resultados. 

Traballa no Ceida (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia), un referente para a educación ambiental de Galicia, froito dun convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente, a Universidade da Coruña e o Concello de Oleiros, dende hai algo máis de ano e medio. E é destas persoas que viven o que fan. Gústalle poder cambiar senón mentes, si mentalidades. É o maior reto dun educador e divulgador ambiental.  

Cal é o obxectivo do Ceida e canta xente traballa alí? 

O obxectivo principal é promocionar as boas prácticas ambientais, informar e sensibilizar en todos os sectores sociais, centros educativos, empresas, colectivos... Estamos no castelo de Santa Cruz, en Oleiros, e traballamos actualmente dez personas, oito educadores, dirección e documentación. 

Leva o proxecto Para unha Transición Ecolóxica. Estase a falar moito dela, pero é xa unha realidad? 

Debería ter despegado hai xa tempo. Sabemos que nada é para sempre e o IPCC acaba de publicar o informe de cambio climático que di que non estamos indo polo bo camiño. 

Hai algún tempo moitos non crían no cambio climático. Non hai dúbidas ou hai moito que explicar? 

Si que hai que explicar, soan conceptos pero hai moita desinformación, ideas erróneas... Simplemente se preguntas que é o efecto invernadoiro moitos pensan nos gases que emitimos nós pero non saben que é un efecto natural que o humano incrementa. E se a iso lle sumamos a subida do nivel do mar, a deforestación, a contaminación por tráfico... Se lle quitamos recursos ao planeta e por riba o contaminamos aí está a emerxencia climática. 

Pero existe máis sensibilidade, unha mentalidade máis crítica? 

Depende do sector social e da formación. Á poboación de máis de 50 anos costa chegar. E aínda hai de todo. O problema de todo isto está no individualismo humano, non pensamos no futuro. Onde hai máis sensibilidade é nos máis pequenos e nos centros escolares.

Son o público do programa Para unha Transición Ecolóxica.

Traballamos co último ciclo de primaria e educación secundaria. Son os cidadáns do futuro e fomentar as boas prácticas resulta básico con eles, todo o que divulgamos chega aos pais e aos avós. 

En que se basea o programa? 

Trata de traballar tres paos da baralla dentro da crise ambiental: por un lado a problemática da emerxencia climática, e non cambio climático, tamén pola perda de recursos e o mal uso das fontes hídricas; por outro a cultura oceánica, a importancia e a conservación dos océanos porque non somos nada sen eles e estamos a tratalos mal, e o seu maior problema, os plásticos, polo que traballamos moito en lixo marino; e por outra banda os espazos naturais protexidos, que na provincia da Coruña son as Fragas do Eume, as Dunas de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán e Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. 

E como se organiza? 

Os programas constan todos de dúas partes, unha presentación dialogada co alumnado a través do construtivismo e unha actividade tanxible. En emerxencia climática facemos o cálculo da pegada ecolóxia de cada alumno, en lixo marino realizamos limpezas de praias, temos sacado cen quilos en hora e media, ou obradoiros con lixo que levamos nós aos centros, e en espazos naturais unha saída para que poidan palpar o que falamos. De momento son actividades que organizamos a nivel provincial pero gustaríanos poder abrilo. 

Nas Pontes realizaron un obradoiro con alumnos do IES Moncho Valcarce, que levaron máis alá. 

Estamos abertos ás propostas dos centros e necesitamos ter profesores motivados. Neste caso Kiko Dasilva, que foi profesor meu no instituto, propúxonos a idea de levar a pegada de carbono ás entidades e a través de Cohempo sumáronse dez negocios que hoxe teñen un cartaz que indica as toneladas de CO₂ que emiten.  

Sorprenden os resultados? 

Si, para ambos lados. Aquí calculamos a pegada de carbono, tamén se pode medir a ecolóxica, que se mide en hectáreas polos recursos que consume e os residuos que xera unha persoa, un negocio ou unha industria e que deberían caber en dúas hectáreas. 

Nas Pontes cando se fala de transición enerxética ou ecolóxica ponse en dúbida se é xusta ou inxusta polo impacto laboral que supón. 

Nas Pontes a transición non é xusta, pero porque chegou tarde e nos pillou o touro. No ano 2009 cando se pecha a mina e se empeza a falar da restauración do lago non se buscaron alternativas nin enerxéticas nin laborais. O chicle foise estirando e se nos comparamos con países como Alemania, que aínda lle están dando potencia ao carbón, poderiamos pensar que se pode estirar máis, pero tamén hai que ser pioneiros. O erro estivo en non buscar alternativas antes, pero temos marxe de maniobra para reinventarnos. O carbón e o petróleo teñen data de caducidade e as novas tecnoloxías son fundamentais. Unha transición ecolóxica xusta pasa por unha educación ambiental construtiva. E a transición non é só desindustrialización e emitir menos, tamén por deixar hábitos, buscar alternativas aos plásticos, conservación dos espazos naturais, eliminar especies invasoras, regular plantacións como as de eucalipto para que non quiten espazo ás autóctonas... É un cómputo global. 

Que pode facer cada un? Ideas? 

Comprar a granel e non todo con plásticos, non empregar tanto o ascensor, empregar bolsas de tea reutilizables na compra, os electrodomésticos usalos en modo eco... Todos podemos facer algo. É un tira e afrouxa de oferta e demanda. Se demandamos unha sociedade máis sostible váiseno devolver iso.

Nas formacións e nas actividades, cal é a maior satisfacción? 

Saír dunha aula de rapaces e notar que tocaches o seu corazón, que lles fixeches ver cousas e arraigaches conceptos é a sensación máis satisfactoria que se pode ter. 

"As Pontes creouse en torno á térmica, pero todo ten data de caducidade e hai que avanzar"
Natural das Pontes, vivir a carón dunha térmica conciencia máis? 
Si, pero teño sentimentos encontrados do que significa porque é unha vila que se crea en torno a ela. Pero todo ten unha data de caducidade e hai que avanzar. 
Tamén é exemplo de transformación ambiental, de mina a lago. 
Si e sei que a calidade da auga é excelente porque fixen prácticas na empresa que facía os controis de calidade. Pero máis alá da praia e a zona de recreo, o gran potencial está na entulleira. 
Debería abrirse ao público? 
Primeiro debería estudarse, censar as poboacións. E como noutros espazos naturais o turismo ten que ser activo, pero non masivo para non degradar. 
Por que ciencias ambientais? 
Por un profesor, Emilio Duque, que me deu clase no IES Moncho Valcarce. Motivoume e foi pioneiro en ver aos alumnos como intelixencias e non botellas baleiras.
Se non fose ambientólogo? 
Sería pinchadiscos (risas).
Un lugar nas Pontes? 
Un dos que máis me gusta é o paseo da Fraga ao pantano. Pero onde me sinto mellor é no campo de rugby Monte Medulio. 
Sigue xogando? 
Menos por falta de tempo. 
Un libro? 
‘Capital fósil’, de Andreas Malm, e para máis pequenos ‘123 curiosidades sobre el clima’, de Matilde Masters.
Un pecado ambiental? 
A emisión de gases polo uso do coche, síntome mal comigo.  

Ángel Prieto: "Unha transición ecolóxica xusta pasa por unha...
Comentarios