Andrea Fernández Maneiro gaña o IV Certame de Poesía Torre de Caldaloba

O chantadés Rafa Lobelle foi segundo nunha convocatoria que recibiu unha trintena de obras
Membros do xurado e o alcalde de Cospeito, Armando Castosa, tras o ditame.
photo_camera Membros do xurado e o alcalde de Cospeito, Armando Castosa, tras o ditame.

A escritora de Vilagarcía de Arousa Andrea Fernández Maneiro vén de ser nomeada gañadora da cuarta edición do Certame de Poesía Torre de Caldaloba coa súa obra Contra-tempos, polo que recibirá como premio 1.500 euros e a publicación do seu poemario.

O xurado deste certame, convocado polo Concello de Cospeito e a Asociación Recreativa e Cultural de San Martiño de Pino, en colaboración con Culturalia GZ, reuniuse esta fin de semana na casa consistorial para deliberar os gañadores desta convocatoria, que recibiu unha trintena de propostas na categoría de adultos, quedando patente a consolidación desta cita, mentres que a de menores de 18 anos quedou deserta por ausencia de participación nesta ocasión.

Beatriz Dourado, Adolfina Mesa, Armando Requeixo, Patricia Torrado Queiruga -gañadora da terceira edición- e Xosé Otero Canto, actuando como secretario con voz pero sen voto Martiño Maseda, acordaron "tras unha longa deliberación" conceder "por maioría de votos" o primeiro premio á obra Contra-tempos, por "tratarse dun poemario moi equilibrado, cunha voz poética potente e conmovedora, que outorga visibilidade a unha temática tan silenciada como é a da saúde mental".

O segundo premio recaeu na obra Da carne, cuxo autor é o chantadés Rafael Lobelle González, coñecido como Rafa Lobelle, porque, segundo o criterio do xurado, "estamos ante unha posta escénica, ben estruturada, que se abre a diferentes dimensións e interpretacións, destacando a riqueza cromática no xogo das palabras". Neste caso o galardón é a publicación do poemario.

A entrega de premios está prevista para o vindeiro sábado 13, no local social da asociación cultural de Pino.

OUTROS GAÑADORES. O vencedor da primeira edición foi Xesús Rábade Paredes, con Caldaloba en terras de Valverde, seguido de Paulino Peña con Na pel das árbores do vento. O poemario Hora de penumbras de Xurxo Souto impúxose na segunda convocatoria, mentres que De casa queimada de Iria Collazo ocupou o segundo lugar. No certame organizado en 2020, a gañadora resultou ser Patricia Torrado Queiruga, por Herdar a fala, e Abraham Pérez fíxose co segundo premio con Teoría dos espectros.

Comentarios