Andainas para coñecer a casa

O Concello organiza distintos roteiros de sendeirismo para dar a coñecer o municipio

Participantes na Ruta da Agua dende Parga ata o San Alberte. EP
photo_camera Participantes na Ruta da Agua dende Parga ata o San Alberte. EP

En Ruta. Ese é o nome que engloba a iniciativa posta en marcha polo Concello de Guitiriz, recuperando outra levada a cabo hai varios anos, coa que se anima a descubrir o municipio pasiño a pasiño.

Nove roteiros de sendeirismo, un por mes e todos eles de carácter circular para facilitar os desprazamentos dos participantes, compoñen este programa que arrincaba cunha ducia de camiñantes no mes de outubro e que xa na segunda convocatoria, en novembro, case triplicaba a participación con case unha trintena de asistentes.

Todos os itinerarios teñen unha duración que vai de tres a catro horas e están abertos á participación do público en xeral, sen límite de idade. Nin sequera é necesario apuntarse previamente para participar, porque abonda con presentarse ás 10.00 horas no punto fixado para a saída —de suspenderse, avisaríase con antelación—, con roupa e calzado apropiado para andar. Dende a organización tamén se recomenda levar algo para picar no camiño, xa que adoitan facer un descanso, e agua.

"O obxectivo destas andainas é dar a coñecer e poñer en valor o patrimonio natural, arquitectónico ou cultural que temos, dar a coñecer o concello doutra maneira", explica Mónica Paz, a coordinadora do programa, cuxa próxima camiñada está fixada para este domingo. Adiántase ao día 17 —os roteiros son o último domingo de mes— para non coincidir coas celebracións do Nadal.

CALENDARIO. Os dous primeiros roteiros discorreron pola Ruta da Auga, o primeiro de Guitiriz a Parga e o segundo de Parga ao San Alberte, mentres o deste domingo será polos montes da parroquia dos Vilares, con saída dende a aula forestal da área recreativa de San Xoán.

Xa en 2018, o 28 de xaneiro, a andaina será polo Camiño Norte de Santiago, seguindo o itinerario tradicional, dende o San Alberte cara ao límite con Friol e volta ao punto de partida. O 25 de febreiro tocará descubrir a Ruta da Pedra de Xosé María Díaz Castro, con saída do campo da festa do Buriz.

O 25 de marzo os participantes poderán coñecer a chamada Ruta das Bidueiras e a de Sambreixo, con saída dende o San Alberte e percorrendo tamén tramos da Ruta dos Caneiros ou da nova variante do Camiño Norte.

O 29 de abril volverase ao pantano de San Xoán, ao que se irá camiñando dende o Campo da Feira de Guitiriz, pola Ruta da Agua, Pardiñas e os montes de Lagostelle.

O 27 de maio o destino será Parga, con visitas ao Muíño da Ruxida, Pena Xiboi e as canteiras.

O programa despedirase o 17 de xuño cun ascenso á mítica Cova da Serpe, saíndo dende a casa escola das Negradas.

Comentarios