Martes. 11.12.2018 |
El tiempo
Martes. 11.12.2018
El tiempo

Un anaco de historia a recuperar

Adela Ríos xunta ao retablo do altar maior da capela de Castro de Ribeiras de Lea. C. PÉREZ
Adela Ríos xunta ao retablo do altar maior da capela de Castro de Ribeiras de Lea. C. PÉREZ

A boticaria de Castro gardou o antigo retablo da capela local para que non fose destruído ► Adela Ríos considera que debería ser restaurado e devolto ao lugar ao que pertence

O antigo retablo do altar maior da capela de Castro de Ribeiras de Lea, o único que había no templo, leva "desaparecido" dende o ano 1992. Coa reforma do inmoble, a "orde" foi queimar o que sobraba, e iso incluía a estrutura. Mais ao carpinteiro Manolo Buíde, que traballaba nas obras, non lle parecía correcto e buscou a maneira de salvalo.

"Non recordo se fun por alí eu ou se me chamou el, pero cando cheguei tíñao desmontado e preguntou se o quería para algo", lembra a boticaria de Castro, Adela Ríos, depositaria dende entón desta reliquia do século XVIII.

Adela recorda que lle dixo "se vostede non o quere vai para o lume, pero a verdade...". Os dous parecían ter claro que aquilo era "unha barbaridade", así que ela aceptou conservalo "e ata creo que foi el quen mo baixou na furgoneta e mo gardou no garaxe". E alí leva dende entón, esperando que alguén se acorde da súa existencia.

"Téñoo comentado algunha vez, pero ninguén se interesou, nunca ninguén o reclamou", explica Adela, que precisa que en todo o tempo transcorrido só houbo unha veciña que lle preguntou con preocupación que tería sido do retablo. "Levou unha alegría cando lle dixen que o tiña eu gardado", asegura.

A estrutura do altar maior, retirada en 1992, é unha peza policromada de estilo salomónico, que data do primeiro terzo do XVIII

Malia a ser a responsable da conservación dun anaquiño da historia de Castro, Adela quítalle importancia ao feito e asegura que o seu "único mérito foi ter sitio". Incide ademais en que "nunca me considerei propietaria, só depositaria", razón pola que espera que algunha institución ou o Concello se poidan facer cargo del, restaurándoo e poñéndoo en valor.

Adela non está soa neste desexo. Malia que co paso dos anos, ela mesma se chegou a esquecer por momentos da existencia do retablo, todo cambiou cando Ricardo Lamela e a asociación Gaia chamaron á súa porta co proxecto Castro na Memoria, un arquivo gráfico virtual co que se trata de recuperar a historia da vila. Ao falar co coordinador da iniciativa, Adela comentoulle que tiña gardado o retablo e os dous uniron forzas para buscar alguén interesado na súa conservación.

O profesor recompilou varias imaxes antigas do altar maior, onde se apreza a evolución do mesmo. Estímase que data do primeiro terzo do século XVIII, igual que a capela da feira de Castro, e a súa principal reforma acometeuse entre finais dos 50 e comezos dos 60, cando ao ampliar o templo tamén se lle deu unha man de pintura ao retablo.

Trátase dunha estrutura policromada, que se cre que "foi feita por artesáns locais, copiando os estilos doutros lugares", explica Ricardo, que apunta que o retablo aparece documentado no Inventario Artístico de Lugo y su Provincia de 1975 coa seguinte descrición: "Retablo mayor, 2,80, salomónico, de cuatro columnas, primer tercio del siglo XVIII". Explícase ademais que contaba coas esculturas de San Gregorio Papa, Nosa Señora de Castro, San Ramón Nonato e San Roque, aínda que Adela só conservou a estrutura, pois as imaxes xa non estaban.

"O que nos gustaría é que se puxese en valor, na capela ou onde sexa", conclúe Ricardo, incidindo en que o primeiro é lograr "que o retablo non se siga deteriorando, necesita un tratamento anticarcoma, unha limpeza e unha consolidación".

Un anaco de historia a recuperar
Comentarios