Ana Naseiro: "A demanda de traballadores para as fábricas das cidades non foi allea á Chaira"

Esta vilalbesa, residente en Alcalá de Henares, dedica boa parte do seu tempo á investigación e ao arquivamento de fontes documentais, primeiro no Arquivo Xeral da Administración, onde estivo once anos, e agora no Ministerio de Emprego. Proximamente presentará na capital chairega a súa última obra, A Fábrica de Tabacos da Coruña e a Fábrica de Mistos: Factores de transformación dunha cidade

Ana Naseiro. EP
photo_camera Ana Naseiro. EP

Que destacaría deste libro para os lectores non coruñeses?
É unha obra de interese para o total de Galicia durante o século XIX e comezos do XX. A demanda de traballadores nas fábricas das cidades supuxo o tránsito progresivo da poboación rural ás zonas urbanas durante a industrialización e a Chaira non foi allea. Coñecemos o pasado migratorio da zona, incluso alén da propia patria.

Hai algún capítulo que a sorprendese máis?
Toda a obra presenta cousas interesantes, pero un dos capítulos que destaco é o proceso de depuración que afectou ao persoal da Fábrica de Tabacos durante a Guerra Civil e a posguerra, que serviu de referencia a outras fábricas da xeografía nacional. Estes procesos afectaban aos traballadores de todas as categorías profesionais e a súa resolución finalizaba co pago de multas ou a separación do servizo. Un elemento máis do aparato opresor do réxime.

Como afronta o reto de presentar o libro na casa? 
Cando vou a Vilalba sinto que son a nena que corría e xogaba polas rúas. Aínda que falo moito en público, dáme respecto presentar a obra na vila. Será a primeira vez.

Aínda que falo moito en público, dáme respecto presentar a obra en Vilalba

Escribiu dous artigos para o Caderno de Estudos Chairegos. En que se baseaban?
Un trata sobre o catastro de Ensenada, que teño para todas as parroquias e agardo publicar algún día. Neste caso quedei co de Santa María de Vilalba. É moi interesante para coñecer a situación económica e social durante a Idade Moderna, xa que hai que recordar que Vilalba non dispón de moitas fontes históricas nesta época debido á destrución do seu arquivo municipal durante o século pasado. O segundo é unha recompilación de fontes sobre a educación en Vilalba, sobre os edificios empregados e outros datos que atopei entre o Arquivo Xeral da Administración e o Arquivo Central de Educación.

O ensaio é o estilo que máis escribe. Gustaríalle experimentar con outros?
Realmente escribo dende hai moito, non só literatura profesional. No caixón gardo varias investigacións que requiren revisión, pero nestes intres estou inmersa en escribir unha obra inspirada na historia de Galicia. Gústame moito a novela histórica.

Estudou Historia Moderna e Contemporánea, ten a percepción de que a sociedade valora menos esas épocas? 
Son dúas etapas moi importantes na nosa historia, pero a contemporánea garda moitos aspectos por investigar porque as fontes saen pouco a pouco á luz. Quizais hai tendencia a valorar os fondos máis antigos deixando de lado os recentes, a non ser que sexan relativos á Guerra Civil e ao franquismo, pero hai máis aspectos a estudar, como o urbanismo e a industrialización.

Hai tendencia a valorar os fondos antigos e deixar de lado os recentes, excepto da Guerra Civil e do franquismo

Que volume de traballo se manexa nun posto como o seu no Arquivo Xeral da Administración?
Levaba once anos que, sen dúbida, serán os que marquen a miña carreira profesional. O AGA é como un mastodonte documental, con escasos recursos de persoal e técnicos, o que o converte nun reto para calquera arquiveiro. Considérase o terceiro arquivo máis grande en soporte papel, despois dos Arquivos Federais en Washington D.C. e os Arquivos Departamentais de Fontenainebleau. Contén 200 quilómetros de estantes.

Que aprendeu nestes once anos?
Todo o que sei de arquivos. Foi o centro de referencia durante moitos anos da Escola Iberoamericana de Arquivos, así que é un lugar onde flúe o coñecemento.

Cal é o método que segue a comisión para decidir que publicacións se conservan e cales se desbotan?
O meu traballo consistía na identificación e valoración. Existe unha metodoloxía que se basa na teoría arquivística e en determinados valores que teñen os documentos. Ademais, estúdanse outros criterios para determinar se un documento vai ser eliminado ou conservado. Toda a análise elévase á comisión de expertos que deciden se hai obxeccións ou non.

Os documentos cambian a visión que tes da historia e algúns removen a alma

Hai algún documento arquivado que lle chamara máis a atención?
A verdade é que cambian a visión que tes da historia. Algúns documentos removen a alma, cando ves un rexistro da Guerra Civil onde se apuntaban os nenos orfos ou as fichas de nenos enfermos que se enviaban ás colonias. Para un arquiveiro, cada peza documental é importante e interesante.

Agora comezou no Ministerio de Emprego. En que varían as súas funcións?
Penso que variarán pouco porque ambos arquivos son moi semellantes. Os arquivos centrais —no que acabo de empezar— son os que transfiren os seus arquivos aos intermedios —no que estaba antes—. Participarei máis en tarefas de apoio á implementación dos arquivos na administración electrónica. 

Que hai do futuro?
Espero poder seguir investigando, publicando e dando a coñecer os nosos arquivos. E espero que as xeracións futuras sigan conservando o noso legado e memoria histórica.

De preto: "A superwoman é un mito e paréceme unha mensaxe de escravitude para a muller"
Reside en Alcalá de Henares. Que nexo mantén con Vilalba?
Escapo cando podo.
Que é o que máis lle gusta?
O seu olor a pedra, a terra e a chuvia. A natureza que a rodea.
Con que acontecemento da historia moderna e contemporánea se queda?
Co final da Guerra Civil, espero que non teñamos que volver vivir algo así.
E con que personaxe?
Calquera muller que destacase na historia. Hai que reivindicar o seu papel, por exemplo Aspasia de Mileto, que foi unha adiantada ao seu tempo.
Que recordos seus arquiva?
As cartas persoais e as fotos, que son recordos das miñas viaxes.
É unha amante das bibliotecas?
É un lugar onde a alma atopa repouso.
Un libro preferido?
Non podería quedar unicamente cun favorito, así que recomendo Berta y las estrellas de Juan Vilches.
Se non se dedicase á súa actual profesión, que sería? 
Non me vexo noutra profesión.
É doado compatibilizar a súa vida profesional coa faceta de nai?
Ás veces si, ás veces non. Sen axuda non podes evolucionar na vida laboral, iso é así. A tarefa de nai require dedicación e a carreira profesional tamén. A superwoman é un mito que vexo circular moito e paréceme unha nova mensaxe de escravitude para a muller. A conciliación é necesaria para evitar esa situación.

Comentarios