"O feito de pertencer a un país árabe non ten nada que ver coa condición relixiosa"

A Ana María Carballeira Debasa sempre a "abraiou" a civilización andalusí e leva anos traballando para o CSIC. Este venres a Asociación do Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba organízalle unha homenaxe. Será ás 19.30 horas no Parador.  

Ana María Carballeira Debasa. EP
photo_camera Ana María Carballeira Debasa. EP

A investigadora vilalbesa Ana María Carballeira Debasa leva anos traballando no CSIC, centrándose nos estudos árabes e islámicos, e este venres recibirá un recoñecemento no ciclo Vilalba coa Ciencia que organiza o Museo de Prehistoria e Arqueoloxía (Mupav) no Parador.  

É un campo descoñecido en España?
Si, aínda é unha disciplina pouco coñecida, pero estamos a traballar para achegar o noso labor á sociedade coa organización de actividades de divulgación.

Por que se decidiu por esta especialización?
Por curiosidade. Sempre me abraiou a civilización andalusí.

A xente diferencia ou asimila árabe e musulmán como un todo?
Máis ben téndense a equiparar ambos conceptos. O termo árabe non debe ser confundido co de musulmán, pois non se refire máis que a cuestións xeográficas, culturais e lingüísticas, mentres que o segundo só fai referencia a unhas crenzas relixiosas. O feito de pertencer a un país árabe non ten nada que ver coa condición relixiosa de quen o habita ou é orixinario del. Isto é así porque hai persoas árabes e arabófonas que non son musulmás e que son cristiás, xudías, de calquera outra doutrina ou agnósticas. Doutra banda, non todos os musulmáns son árabes, nin falan esta lingua, nin participan da súa cultura (caso de turcos, persas, paquistanís, etc.). 

Estuda o pasado, sobre todo a época da Idade Media e cal era a percepción que tiñan os autores andalusís sobre o recuncho noroeste peninsular e as súas xentes. Cal era a imaxe que tiñan de Galicia?
A rexión xeográfica que os musulmáns coñecían por Galicia era máis ampla que a actual. Os autores andalusís trazan límites diversos. En ocasións, nomeábase así o territorio que abranguía o cuadrante noroeste da Península Ibérica. Noutras descricións designábase como tal o extremo noroeste peninsular, incluíndo o norte do actual Portugal. Pero ás veces chamábase Galicia ao conxunto de reinos cristiáns do norte da Península. Esta vasta extensión xustifica que nalgunhas descricións xeográficas os Pireneos se estendan ata o Atlántico, o Miño naza nas montañas de Áraba e mesmo que algúns ríos como o Douro, Texo e Ebro teñan a consideración de galegos.

E que imaxe tiñan dos galegos?
As descricións dos habitantes desta ampla rexión contidas nas crónicas andalusís están cheas de clixés. Deste xeito, algúns autores distinguen os galegos pola súa braveza guerreira, loando a súa picardía e coraxe, así como a súa enerxía e gran forza física. Tamén se sinala que son traizoeiros e de poucos escrúpulos. Táchaselles, pois, de inimigos témeros. Doutra banda, ademais de salientar a súa beleza e boa figura, destacan o feito de que os galegos levan unha vida groseira e pouco refinada. Entre os seus costumes, dise que a súa alimentación se basea no millo e no sorgo, mentres que as súas bebidas son a sidra e un tipo de cervexa preparada con fariña.

Atopou referencias concretas á comarca da Terra Chá?
As fontes textuais andalusís son moi parcas neste sentido, polo que deben ser completadas coa documentación cristiá medieval. En xeral, aos cronistas non lles interesaba sinalar as vitorias cristiás. Tal é o caso de dúas derrotas sufridas nos séculos VIII e IX polas tropas islámicas nas marxes da Terra Chá: unha, na batalla de Pontoibo (As Pontes), e outra, en Narón (Portomarín). Zonas como A Terra Chá e o val medio do Miño considéranse como moi afectadas pola conquista árabe, aínda que o impacto sobre a organización territorial, poboacional e social parece que non foi tan negativo como se creu. Estudos recentes amosan que só houbo un cambio na estrutura do poder co obxectivo de recadar impostos.

Si hai referencias ao fenómeno xacobeo na narrativa árabe. Que se destaca principalmente?
Sublíñase sobre todo a significación que tivo o templo compostelán como centro de peregrinación cristiá en Occidente por diante de Roma, equiparándoo co Santo Sepulcro de Xerusalén. Mesmo se sinalan catro rutas xacobeas: o Camiño Francés, unha ruta marítima que parte da cidade francesa de Baiona, así como outras dúas que saen de Coimbra por terra e mar. Neste contexto ponse énfase na puxanza económica que Santiago acadou na Idade Media. 

A interrelación entre ambas culturas é máis difícil agora? 
A interrelación nunca foi doada. 

Estamos obrigados a coexistir? 
Non debemos esquecer que o noso xa é un pasado de coexistencia.

Cal é a saída? Que facer para cambialo?
Quizais se debería volver a vista ao noso pasado. Esa ollada á historia poderíanos levar a poñer en práctica o que aprendemos dos nosos erros e acertos. E para iso contamos coa inestimable axuda da investigación histórica.

Organizou un foro en Granada sobre o islam, pasado, presente e futuro, onde se falou de diferentes modelos de convivencia (asimilacionista, multicultural, intercultural). Cal é o mellor? E que dificultades afronta?
Estes tres modelos responden aos diferentes graos de integración das poboacións estranxeiras inmigrantes nun mesmo Estado soberano. Os participantes no foro concluíron que o modelo intercultural é o que mellor facilita a integración política, social e cultural das minorías étnico-culturais nas sociedades de acollida. No foro tamén se discutiron os problemas que este modelo pode plantexar en relación coa tolerancia e a integración.

Publicou varios libros e moitos artigos en revistas especializadas. En que está a traballar agora?
Levo un tempo traballando con documentación do período morisco (séculos XVI-XVII). Trátase dun tema do que Galicia non quedou á marxe dada a presenza nela de musulmáns conversos, por non falarmos dos galegos que repoboaron as terras do sur peninsular trala expulsión da comunidade morisca alí asentada.

"O mellor de Granada é o seu ambiente, pero de Galicia boto en falta a climatoloxía" 
Doutora en Filosofía e Letras pola Universidade Autónoma de Madrid, actualmente é investigadora titular do CSIC en Granada. Que é o mellor desa cidade?
O seu ambiente. 
Un non pode visitar Granada sen facer unha parada na Alhambra. Que é o que máis lle gusta?
A harmonía do conxunto histórico-monumental co seu contorno.
Que bota en falta de Galicia?
A súa climatoloxía. 
Cal é o mellor recordo de Vilalba?
As festas patronais. 
Que significa a homenaxe que lle organiza a Asociación de Amigos do Museo de Vilalba?
Unha honra moi grande. 
Se tivese unha máquina do tempo, a onde viaxaría e en que data?
A Galicia no século XXV. 
Un personaxe histórico? 
Isabel I de Castela.

Comentarios