Ana Díaz: "Este mes presentarase a cervexa de Castiñeiro Milenario"

Esta veciña de Saavedra asumiu hai pouco máis dun mes a presidencia da asociación cultural Castiñeiro Milenario de Begonte, que suma uns 40 socios, coa idea de darlle continuidade ás actividades que xa se viñan realizando. A máis impediata será a celebración dos Maios e da Foliada da Primavera este sábado, día 12, na Casa do Pobo da parroquia do Castro

Ana Díaz Torrón. C.PÉREZ
photo_camera Ana Díaz Torrón. C.PÉREZ

A doutora Ana Díaz mudou o seu Lugo natal pola tranquilidade da aldea. Afincada na parroquia begontesa de Saavedra dende hai 16 anos, integrouse na asociación cultural Castiñeiro Milenario xunto ao seu home. Hai dous anos entraba na directiva como vogal e agora vén de aceptar a responsabilidade de presidir a entidade coa ilusión de sumar ao proxecto, promover máis actividades e incrementar a participación nestas.

Como afronta esta nova etapa na asociación?

Con ganas de darlle continuidade ao marabilloso labor desenvolvido polos compañeiros que me precederon, que deixan o listón moi alto en todos estes anos de traballo dende que se creou a asociación, hai doce anos. Ten moito mérito. Para min é unha responsabilidade, porque non é doado xestionala, aínda que por sorte teño moita axuda. Só espero non decepcionar aos que confiaron en min.

Quen a acompaña na directiva?

O que era o presidente, Carlos Fernández, pasa a ser o secretario e Nuria Felpeto é a tesoureira.   Ademais, hai oito vogais. Todos colaboramos no que podemos e o traballo repártese.

Na Foliada de Primavera tocarán As Cernellas, A Legua Dereita, Troupelear e Foliadeir@os do Castro

Que a levou a pórse á fronte desta entidade?

Non foi por ambición persoal nin tiña interese no cargo, pero a maioría dos que estaban na directiva xa ocuparan postos de responsabilidade. Propuxéronmo e é un orgullo que confíen en min.

Que propostas teñen previsto desenvolver nos próximos meses?

O máis inmediato é a celebración dos Maios o día 12. Faremos un acto pola tarde cos nenos e con Branca Villares e á noite será a Foliada de Primavera na Casa do Pobo do Castro, con Cernella de Bóveda, A Legua Dereita do Corgo, Troupelear, con Branca Villares e Pablo Pintor, e nós, Foliadeir@s do Castro, o grupo residente. En xuño faremos o Lume Novo, en colaboración coa asociación de veciños do Castro, coa que temos unha estreita relación, xa que nos ceden o local para moitas actividades, porque nós non temos un propio. E xa en outono teremos teatro do ciclo Buxiganga, unha obra sobre o bullying e outra infantil. Tamén faremos un ou dous paseos micolóxicos, en colaboración coa sociedade micolóxica Lucus e seguiremos cos obradoiros.

E o Festival 27373.

Si, o festival é a nosa actividade estrela, este ano celebramos a sétima edición, que se vai facer o día 11 de agosto no club fluvial de Begonte, un lugar inigualable, non creo que haxa moitos festivais cun espazo así. Estamos xa traballando, falando cos grupos para os concertos. Tamén haberá actividades para os nenos e un aberto de billarda, que é un clásico do festival.

Queremos organizar unhas xornadas centradas na billarda e crear un equipo propio

Teñen algunha outra nova proposta que lles gustaría pór en marcha?

A finais deste mes está previsto  que se presente a cervexa de Castiñeiro Milenario, en colaboración con Alberto de Aloumiña. Organizáramos un curso e hai dous asociados moi implicados neste proxecto. Relacionado con isto, tamén queremos facer unha cata de cervexas, pero aínda non fixamos unha data concreta. Tamén temos en mente organizar unhas xornadas centradas na billarda e crear un equipo propio, para poder participar no campionato do Festival 27373, no que xa participan algúns socios de xeito individual.

Se non tivesen que axustarse a un orzamento, que actividade lles gustaría facer?

Creo que poder facer un festival máis grande, con actuacións que mobilizasen máis xente. Non pretendemos ser Pardiñas, nin moito menos, pero si nos gustaría ter máis impacto. E tamén nos gustaría crear un grupo de música tradicional de Castiñeiro Milenario.

Tamén dicía que non teñen local social.

Si, esa é unha demanda que xa lle temos feita ao Concello dende hai tempo. Precisamos un espazo propio porque agora as cousas da asociación andan espalladas polas nosas casas, como por exemplo as chapas ou as camisetas que vendemos para recadar fondos. E tamén nos viría moi ben para organizar algunha actividade.

Hai tempo que lle demandamos ao Concello un local social, precisamos un espazo propio para ter as nosas cousas e organizar algunha actividade

Con que colaboracións contan para promover iniciativas?

Contamos con subvencións da Deputación e do Concello, sobre todo para o festival, e colaboramos con outras entidades, coma a asociación de veciños do Castro, Alberto de Aloumiña, Lucus, Ernesto e Marta de Non Estreses, o club fluvial de Begonte...

Que función cre que cumple a asociación?

O propósito é dinamizar a vida cultural do municipio. Coas nosas iniciativas posibilitamos que a xente vaia ao teatro, que escoite música tradicional, que se afeccione á micoloxía... Facemos todo o posible por manter a cultura galega e o galego vixentes no concello.

E que balance fai do camiño percorrido pola entidade ata hoxe?

Positivo, porque se fixeron moitas cousas, como recuperar a Feira de Pacios, unha actividade estupenda que se organizaba antes de crear o festival. A xente que estivo ata o de agora fixo un gran traballo levantando unha asociación pola que moitos non daban un duro. E non é fácil, porque perdes tempo de traballo e de lecer para poder sacar proxectos adiante.

"A asociación é unha parte moi importante da miña vida, nela atopamos amigos entrañables"
Está en Foliadeir@s do Castro, xa tocaba antes?
Non, eu non sabía nin coller a pandeireta, aínda que sempre me gustou moito a percusión e tiña interese, pero non tiven a oportunidade. Empezamos nas clases de Castiñeiro Milenario e agora estamos na escola de música de Rábade, Begonte e Outeiro de Rei.
Ten un grupo favorito?
Non son moito de favoritismos, pero Milladoiro marcoume moito. E a nivel xeral, son moito máis dos Beatles que dos Rolling.
Un libro.
Cien años de soledad, gústame moito García Márquez.
Unha película.
Dersu Uzala, de Kurosawa, marcoume a primeira vez que a vin e cada vez que a volvo ver. O ecoloxismo, a amizade, os vínculos que se crean nela...
Un recuncho de Begonte.
Diría que o club fluvial de Begonte, aínda que hai moitos moi bonitos. Begonte ten unha gran riqueza natural, con moitas posibilidades.
Que é Castiñeiro Milenario para vostede?
É unha parte moi importante da miña vida, porque boa parte do meu tempo libre e do meu lecer están relacionados coa asociación ou coa xente que forma parte dela. Tanto o meu marido coma min encontramos nela amigos moi entrañables.
 

Comentarios