Amigos do Miño inicia as festas da troita

Un cento de persoas degustaron o manxar protagonista en Ponte de Outeiro e unhas 70 persoas probaron sorte coa caña 

Participantes na Festa da Troita de Amigos do Miño. C.ARIAS
photo_camera Participantes na Festa da Troita de Amigos do Miño. C.ARIAS

A sexta Festa da Troita Río Miño, organizada pola asociación Amigos do Miño en Ponte de Outeiro, en Castro de Rei, reuniu a máis dun cento de persoas nunha cita que inaugura moitas outras. Xa sexa para pescar ou para degustar a troita como manxar principal, este fin de semana haberá citas en Begonte e Guitiriz, que continuarán segundo avanza o calendario —en maio será o turno de Ribeira de Piquín e en xuño, das Pontes—. 

"O río ía moi alto ao chover o día anterior, medrou bastante e iso dificultou a participación —houbo puntos, como no coto de Cospeito, onde non se puido pescar—, pero a pesar diso as capturas foron boas, a xornada estivo ben", explica Luis Sandamil, o presidente da asociación de pescadores Amigos do Miño, que indica que entre as tres competicións xuntaron unhas 70 cañas.

"En lance participaron 42 pescadores, en cebo, 13, máis que o ano pasado, e en mosca, doce", indicou. "Participaron socios e non socios, a competición é aberta e vén xente da comarca e doutros lugares como Mondoñedo, Betanzos ou Monforte", especificou.

Tras a celebración dos concursos e do pesado das troitas, houbo unha sesión vermú con Carpe Diem e un xantar de irmandade, tras o que se entregaron os trofeos aos mellores clasificados. José Gómez Sampayo conseguiu a peza maior en lance, cunha troita de algo máis dun quilo. Na categoría de cebo, a troita con máis peso foi capturada por Marcos Álvarez Fernández (265 gramos). En mosca, o primeiro posto foi para Alberto Luengo Rodríguez, con sete pezas pescadas.

Comentarios