Amigos da Madeira ofrece este sábado varias demostracións no hexágono

A entidade pontesa ten tamén exposta no Museo Provincial de Lugo a mostra Contornos
Demostración de Amigos da Madeira no local do hexágono. AEP
photo_camera Demostración de Amigos da Madeira no local do hexágono. AEP

O edificio do hexágono das Pontes acolle este sábado, 3 de xuño, unha xornada organizada por Amigos da Madeira na que haberá exposición de pezas e demostracións de torneado e talla.

Con este evento, a entidade pecha unha nova edición dos seus cursos, que tiveron moi boa acollida, segundo indica o presidente, Alfonso Franco. "Estamos moi contentos porque este ano tivemos novas incorporacións que están traballando con moitas ganas e ilusión e, incluso, algúns valoran a posibilidade de que o torno sexa un complemento ou unha alternativa laboral de futuro", indicou Franco, avanzando outros detalles sobre o evento.

Este celebrarase en horario de mañá, dende as 10.30 horas, e de tarde, ata as 19.30 horas, cunha parada para que todos aqueles que o desexen poidan compartir un xantar de irmandade.

"É unha volta total á normalidade, así que esperamos que a xente se anime a coñecer os traballos que se están a facer", indica Franco, concretando ademais que non só haberá artesáns locais, senón tamén doutras entidades. Así, está previsto que asistan integrantes de Virutas de Narón, de Amigos da Madeira de Ribadeo, e tamén de Les Forgaxes, dende Asturias.

CONTORNOS. A entidade, que xa prepara unha nova edición do Encontro Internacional de Torneiros da Madeira de Xermade, tan exposta no Museo Provincial de Lugo a mostra itinerante Contornos, composta por 72 pezas, que se poderá visitar ata o 15 de xuño.

Está aberta de martes a sábado, de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 20.30 horas. Os domingos e festivos, de 10.00 a 15.00 horas. Nos meses de verán, as pezas trasladaranse o centro de interpretación das Fragas do Eume, en Pontedeume.