Álvaro Pérez: "A mecha atopada en Viladonga é unha peza case única na península"

O número 30 da revista Croa, que se presenta oficialmente este xoves 10 no Museo do Castro de Viladonga, publica un estudo sobre unha mecha achada no xacemento de Castro de Rei en 1988. A súa análise e investigación, a cargo do arqueólogo Álvaro Pérez Rozas, ofrece información clave para profundizar no coñecemento do xeito de vida dos antigos poboadores da zona 
Álvaro Pérez. EP
photo_camera Álvaro Pérez. EP

As historias que lle oía contar as seus avós levárono a interesarse polo pasado, e o que comezou coma unha afección acabou por converterse nunha profesión. Álvaro Pérez, chairego de Cospeito, estudou Xeografía e Historia, fixo un máster en Prehistoria e Arqueoloxía e agora está a facer a tese de doutormanto sobre o Paleolíto mentres desevolve o seu labor de catalogación e dixitalización dos fondos do Museo do Castro de Viladonga —é depositario dos achados do castro e doutros puntos da provincia—, a onde se incorporou, logo dunha estadía en Roma, no ano 2016. E aí, na exposición do museo, descubriu un pequeno obxecto, de apariencia intrascendente, sobre o que quixo saber un pouco máis, unha mecha de bronce.

Por que é importante esta peza?

Porque é unha peza practicamente única na península. En todo o mundo antigo só hai un puñado de mechas identificadas como tales, en Israel, algunha de liño, ou no norte de Europa, asociadas aos romanos. Moi poucas veces se conserva o textil e no caso desta mecha intuímos que pode ser dunha lámpada, porque se atoparon tamén uns elos dunha cadea similares aos usados nalgunhas lámpadas atopadas en contextos romanos, pero tamén podería ser para levar o lume dun sitio a outro. É unha pena que esta peza pasase desapercibida, porque é única. Hainas máis espectaculares, pero ás veces a información provén destes pequenos detalles. Non sempre é a peza máis chamativa a que dá máis información. 

Onde e como apareceu?

A peza atopouse nas escavacións que dirixía Felipe Arias en 1988, na parte exterior da muralla, na zona defensiva, onde estaba o torreón, e estivo exposta no museo durante 30 anos, ata outubro de 2019, sin que se soubese exactamente que era.

No castro atopáronse máis de 400 fusaiolas e outros enseres, o que nos fala da importancia que tiña que ter o téxtil

Que o levou a investigala?

Desde que estou aquí estou interesado no téxtil en Viladonga, onde se atoparon máis de 400 fusaiolas e outros enseres, o que nos falaba da importancia que tiñan que ter estes traballos no castro, porque é unha cifra desproporcionada comparándoa con outros xacementos. Pensamos que tiña que haber unha ‘industria’, que neste asentamento era algo importante na vida da xente, pero non atopabamos evidencias desa produción máis alá dos propios instrumentos de traballo. Fixeramos unha investigación sobre o téxtil e agora, intentando profundizar, vimos que súa mineralización ou asociación cos bronces son unha das escasas maneiras de conservalo. Revisamos algúns a ver se había sorte e no interior desta peza vimos que había algo identificado como madeira, pero decatámonos de que era outra cousa. Ao miralo coa lupa aprezábase que era un trenzado téxtil e pensamos se podía ser unha mecha. Para saber o tipo de fibra que era, levámolo a analizar. Hai que ter en conta que é un traballo complicado, porque resulta moi difícil identificar as fibras no estado no que se atopaban. Usouse un microscopio electrónico de barrido, que permite, ademais do aumento en si, estudar as súas propiedades químicas.

E que datos ofreceu esa análise?

Descubrimos que era un bronce ternario, de cobre, estaño e chumbo, e apareceron tamén minerais como a magnesio, que podían servir como acendedor. Viuse que o téxtil, por comparación morfolóxica con outro tipo de fibras, é pelo de animal, probablemente la de ovella, cuxa presenza no castro está documentada.

Que información nova achega a mecha?

En primeiro lugar, a evidencia do traballo do téxtil e do uso da la, algo que se intuía, pero pensabamos máis no uso do liño, polo que foi ata certo punto unha sorpresa que fose la. Estes usos son difíciles de probar, pola falta de conservación, debido a humidade e a acidez desta zona, que o dificulta. Esta é unha das primeiras evidencias de téxtil que atopamos. E en Viladonga tamén tiñamos curiosidade pola ausencia de lucernas, típicas dos lugares romanos, porque só se atopara unha oliña de seis asas, que podería estar colgada como se fose unha lámpada. Non tiñamos evidencias do uso de luz, salvo a que puidese saír das propias lareiras, e parecía que Viladonga fose un mundo escuro.

No museo amosarase esta peza ou o machadiño votivo que apareceu nesta última campaña de escavacións no castro

Pode verse na exposición?

Si, retirouse para esta investigación e agora volverá expoñerse, unha vez que acaben algunhas reformas que se están a facer no museo. Está previsto colocar unhas bases para amosar esta peza ou o machadiño votivo que apareceu nesta última campaña de escavacións no castro.

Está tamén a traballar na súa tese doutoral, que pouco ten que ver cos castrexos e cos romanos...

Vai sobre o Paleolítico no norte peninsular e proximamente esperamos presentar algúns achados importantes, sobre todo na Terra Chá, que é unha zona practicamente inédita no relativo ao Paleolítico Inferior e ao Medio, aínda que si hai información do Superior, sobre todo grazas ao traballo do Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba e de José Ramil. 

Que o levou a interesarse por esta rama da historia?

Son curioso por natureza, sempre me gustou investigar como funcionan as cousas e de pequeno encantábame escoitar as historias que contaban meus avós sobre a guerra e despois cada vez fun indo un pouco máis atrás no tempo. Empecei coa contemporánea, pasei a Idade Media e na carreira deime de conta de que me gustaba a Prehistoria.

Mecha atopada en Viladonga

Comentarios