Cultura

Alvarellos edita os libros do Certame Torre de Caldaloba

O Museo das Aves acolleu a presentación dos poemarios gañadores na primeira edición, as obras de Rábade Paredes e de Paulino Peña
De esquerda a dereita, Lozano, Maseda, Rábade Paredes, Castosa, Peña e Alvarellos. S. I.
photo_camera De esquerda a dereita, Lozano, Maseda, Rábade Paredes, Castosa, Peña e Alvarellos. S. I.

As obras gañadoras do I Certame Torre de Caldaloba, 'Caldaloba en terras de Valverde', do cospeités Xesús Rábade Paredes, e 'Na pel das árbores do vento', de Paulino Peña, foron presentadas nun acto que tivo lugar no Museo das Aves.

Ao evento asistiron os autores, ademais do director da editora Alvarellos, a cal se encargou da publicación de ambos poemarios, Henrique Alvarellos; o rexedor, Armando Castosa; o responsable de Culturalia GZ, Martiño Maseda, e a representante da asociación de veciños de Pino, Inés Lozano.

A Torre de Caldaloba volveu a ser a protagonista cando Alvarellos falou da súa visita á vella fortaleza, tamén cando Martiño Maseda lembrou as súas "fondas raíces en Pino", ou cando Paulino Peña, antes de entoar os seus versos, lle atribuíu ser a testemuña "do último episodio dos aristocráticos galegos fronte á política centralista dos Reis Católicos".

Tamén a recordou Rábade Paredes como "o castelo que eu vía cando ía repartir o correo a Gaibor", igual que fixo coas terras de Valverde, "o reino da miña infancia", e co escenario do acto de presentación, que durante anos foi cuartel da Garda Civil, "no que pasei horas baixas detido por culpa da palabra".

Esa palabra resoou onte máis ca nunca cando o veciño máis ilustre de Seixas recitou a súa 'Invocación no sitio de Balura' e as súas contralendas sobre "un dos símbolos de Cospeito", definiu Castosa, quen tamén manifestou a súa satisfacción pola numerosa asistencia e, "sobre todo, sabendo que este acto serve de desagravio para quen estivo aquí por culpa da palabra". A palabra gañou grazas a un certame que «ten os alicerces para ser referencia en Galicia», concluíu Alvarellos.

Comentarios