Os alumnos de Momán recolleron os diplomas da Uned Sénior

O alcalde de Xermade, Roberto García, presidiu o acto, celebrado no adro da igrexa parroquial e que serviu para pechar un atípico curso
photo_camera O alcalde de Xermade entrégalle o seu diploma a unha das alumnas. C.PÉREZ

O adro da igrexa parroquial de Momán acolleu este domingo, xusto antes da celebración da misa, o acto de entrega dos diplomas do primeiro e do segundo cuadrimestre do atípico curso 2019/2020 da Uned Sénior de Eume e Terra Chá, marcado pola suspensión das clases apenas un mes e medio despois do comezo do segundo cuadrimestre, logo da declaración do estado de alarma.

Malia as dificultades, moitos dos case 100 alumnos da aula de Momán continuaron coa súa formación vía online, unha alternativa que tamén se lle ofrece a todo o alumnado da Uned da Coruña para o vindeiro curso, cuxo prazo de prematrícula xa está aberto, aínda que a formalización oficial se fará a partir de setembro.

A idea, se as circunstancias sanitarias o permiten, é recuperar tamén as clases presenciais, cunha oferta similar a destes últimos anos. Así, os alumnos de Momán poderán seguir asistindo as materias de Cultura Musical de Galicia, impartida por Fran García Canto; Informática, a cargo de Antón Cabaleiro; Saúde Pública e Envellecemento, da que se responsabilizan Marcelino Mosquera e Marian Sánchez; e Historia da Arte e Patrimonio Histórico, cuxo docente é Felipe Senén López.

A Uned Sénior de Eume e Terra Chá contou este curso con máis dun milleiro de matrículas de 14 concellos. Ás aulas de Xermade e de Guitiriz súmanse as dos municipios coruñeses de Monfero, Aranga, Irixoa e Paderne, con cuxos alumnos comparten moitas actividades. Nos últimos cursos tamén se incorporaron varios concellos da zona do Barbanza.

Comentarios