Alfonso Franco: "O encontro foi para nós como un parque de atraccións para un neno que nunca foi a unha festa"

Preside a Asocaición Amigos da Madeira das Pontes, que tomou o relevo para impulsar o Encontro Internacional de Torneiros que cumprirá este fin de semana a súa maioría de idade en Xermade. O pavillón será o centro do mundo para os amantes da madeira, que poderán gozar cos talleres de Elisabeth Mezièrez, Rod Page, Toni Porto e Lolo Castro 

Alfonso Franco, no local do Hexágono, nas Pontes. C.ARIAS
photo_camera Alfonso Franco, no local do Hexágono, nas Pontes. C.ARIAS

Di que o seu co torno é un amor "dilatado no tempo pero moi concentrado na última parte". De familia de carpinteiros e ebanistas, con raíces en Xermade e afincado nas Pontes, Alfonso Franco é o actual presidente da asociación Amigos da Madeira, promotora do Encontro de Torneiros de Xermade. "Sempre tiven ilusión pero non me espertou ata 2001 cando fun á Casa da Fraga e vin o que se podía facer cun torno", asegura un home que xa non sabe vivir alonxado das labras. 

O Encontro Internacional de Torneiros, que se celebra a fin de semana en Xermade, cumpre a maioría de idade. Que balance fan?  
O encontro, no que é o torneado a nivel España, é todo un referente e puxo no mapa a tornería tradicional en Galicia con novos coñecementos, técnicas, materiais... aportados por torneiros de todo o mundo. O balance é moi positivo. Pasouse dunha tornería artesanal con medios moi precarios e sen evolución centos de anos a estar ao nivel de calquera país como Francia ou Inglaterra a nivel técnico, de acabados, formación...   

Tras 18 anos,  o Encontro de Torneiros é o suficientemente coñecido? 
É unha tarefa de ‘graniño a graniño’, pero coñecido é e para todos os que teñen relación co torno, un referente; en España e tamén fóra. 

Cantos torneiros expertos pasaron neste tempo por Xermade? 
Sobre 50, e do máis ‘granado’ do torneado a nivel internacional, excepto de EE.UU., quizais. Veñen principalmente de Francia e de Inglaterra, pero tamén de Australia, Nova Celandia, Alemaña, Grecia ou Portugal. Estes anos estamos facendo o deseño de catro relatores por edición. A idea é ter dúas figuras con innovación a nivel internacional, un nacional dos que están xurdindo cun nivel considerable, para apoiar a esta xente, e Lolo Castro, que é un fixo.  

O pontés é o clásico da cita. 
Lolo é a conexión da tornería artesanal co presente da tornería en Galicia e España. É un dos poucos que se mantivo no oficio de torneiro e mentres el queira para nós é un orgullo contar con el. E que interesa queda claro cando empeza a facer labras, a concentración de xente é impresionante. O resto de relatores sempre solicitan un receso para velo e falar con el. 

O Encontro pode medrar máis?
Cada ano o pavillón queda pequeno, pero a intención é seguir medrando. O ano pasado calculamos que pasaron 5.000 persoas, había 50 expositores e  unhas 500 pezas. A algúns relatores sorpréndeos que non se cobre entrada. 

E valorouse? 
Non queremos cortapisas (rí). 

Cal é o reto para a cita? 
Conseguir que os concellos se impliquen máis á hora de mover a exposición de Contornos, feita coas pezas de Xermade. Bota moito tempo parada. Quizais non se considera unha actividade relevante e hai concellos con máis sensibilidade que outros. 

Fernando Vérez e Tito Ledo foron os precursores. Cando asumiu máis papel a asociación? 
No ano 2015, a raíz de que Fernando morreu, a asociación empezou a implicarse dunha forma máis activa, en colaboración co Concello de Xermade. 

Que queda de Fernando? 
Quedan os encontros, esa é a súa herdanza. E a afección e o amor á tornería artesanal. É un nome que abre moitas portas no mundo da tornería por aí adiante. 

O torneiro pode vivir do oficio? 
Esa é a meta que temos en mente. A tornería artesanal de madeira goza de moi boa saúde, agora falta futuro e poñela en valor para poder vivir do oficio. De momento é máis unha afección pero gustaríame que empezase a ser un complemento de cara a que poida ser unha actividade con futuro e que poida sosterse por si soa. 

Que se necesita para ese futuro? 
Un sistema máis flexible para poder comercializar nos oficios que non son primeira actividade e algo nas escolas de formación profesional, que actualmente só se orientan ao torneado industrial para a construción. quizais debería haber unha escola para que se convertese nun oficio regrado. 

Hai relevos? 
Hai unha serie de rapaces na asociación que se están poñendo en marcha e sabemos que hai outros por Outeiro de Rei que teñen certas actividades de tornería comercial. A nosa ilusión é que nun futuro a curto prazo haxa máis xente que tome esa iniciativa. 

Cantos son actualmente en Amigos da Madeira? 
Somos 55 agora. Hai de toda a comarca, pero tamén xente de Vigo a Inglaterra.

Por que hai tanta afección nesta zona, tanta concentración? 
Fernando e os encontros. Todos podiamos ter afección pero cando vías as súas obras, alucinabas. Partiamos de cero. Tiñas un concepto, torneabamos para facer unha copa, un prato de polbo... e de repente vimos que se abría un mundo de posibilidades, como un neno que nunca foi a unha festa e vai ao parque de atraccións. O que faciamos no ano 2000 era antidiluviano, un neno faino mellor, e a evolución de todos foi impresionante. A xente xa dende o primeiro encontro quedou tan cultivada que son agora de primeiro nivel.

Que actividades ten a asociación? 
A maiores dos encontros damos clases, facemos obradoiros, unha xornada de portas abertas no Hexágono e participamos en eventos locais, como a Cita coa Historia, os Cogomelos ou o Grelo. 

"Gústanme as cousas ben acabadas, que non sempre saen, pero tornear é moi relaxante"
Dedícalle moitas horas ao torno?
Si. Ao mellor non tanto á tornería, pero si ao mundo do torno. 
Qué é o que máis lle gusta?
É moi relaxante e ilusionante. 
Mellor só ou acompañado?
Para tornear, só, pero en canto paras o torno, en compañía. 
Participa en moitos eventos? 
Ademais dos que facemos na localidade, participamos en eventos en Asturias, Narón, Ortigueira, Pontevedra, imos ir a Arteixo...
Algún internacional á vista? 
Gustaríame ir ao que se fai en Inglaterra agora en outubro. 
Cal é a mellor madeira? 
Todas, as autóctonas todas teñen unha parte vella que é a que ten que buscar o torneiro. 
E algunha manía? 
Moitas. Gústanme as cousas ben acabadas, que non sempre saen. 
Algunha peza favorita? 
Teño dúas ou tres preferidas, por dar moito traballo, porque quedaron bonitas ou porque me deron moitos quebradeiros de cabeza.
Tradición ou modernidade?
O conxunto das dúas. 
Un torneiro? 
Hai moitos que xa vin, pero un que me gustaría ver nun Encontro é a John Beaber. É americano e encántame, fai cousas imposibles. 
Como recomendaría o Encontro?
A mellor maneira é que veñan e o vexan. O visitante non vai perder nada, seguro que vai atopar algo que lle faga ilusión. 

Comentarios