Sábado. 22.09.2018 |
El tiempo
Sábado. 22.09.2018
El tiempo

Alfonso Blanco: "Síntome orgulloso do voluntariado, do compromiso dos mozos co pobo, iso é Xermolos"

Alfonso Blanco. C.PÉREZ
Alfonso Blanco. C.PÉREZ

Mestre, dinamizador cultural, escritor, conferenciante e, por riba de todo, un crego de aldea. A historia vital de Alfonso Blanco está unida polos fíos do corazón a Guitirz e á comarca que el elixiu como fogar

CON CATRO ANOS, Alfonso Blanco, o maior de seis irmáns, descubriu o que era o rural. Do ambiente urbano daquel Montevideo onde nacía, como el di, polo idus de marzo de 1950, mudouse coa súa familia a Tella (Ponteceso). Alí tamén se ordenaría como sacerdote en outubro de 1976, o mesmo ano no que o bispo Araúxo o destinou a Guitiriz coa encomenda de dinamizar a xuventude. Máis de 40 anos despois daquela viaxe sen retorno, vén de ser nomeado Fillo Adoptivo en recoñecemento ao seu inconmensurable labor de servizo á comunidade.

De onde lle veu o de ser cura?
Dende adolescente aprendín na miña parroquia, en Tella, como as celebracións eran o encontro da veciñanza cada semana. Alí fun coñecendo a colegas, mozos e mozas. Eu viñera moi novo da emigración, falando castelán, dun contorno urbano e costoume adaptarme, así que aproveitaba o encontro dos domingos para crear vencellos con aquela veciñanza.

Tiña moita familia en Uruguai, que levou a seus pais a volver?
Si, a miña familia, sobre todo a materna, emigrou. De nove irmáns que tiña miña nai, foron sete para alí. Meus avós maternos viviron e morreron alí e meu avó paterno tamén estivo en Uruguai. Miña nai, Rosalía, e meu pai, Manuel, casaron en Montevideo. Aló ela era costureira e el taxista, pero decidiron volver porque meu pai tiña morriña. Os dous eran de Ponteceso, miña nai de Tella e de Corme meu pai, que ao vir atopou traballo de camioneiro.

Como lembra ese proceso de adaptación, como naceu a súa querenza polos costumes e pola fala?
Naquelas conversas alongadas no adro, con moito vagar, atopei o eixo que me unía ao novo país, a Galicia. Empecei a ter curiosidade por palabras que escoitaba en galego, fixen unha ‘pandilla’ de amigos que despois baixabamos xuntos, cada un para a súa casa. Aí entendín o que significaba a igrexa para crear comunidade e parroquia.

Expulsáronme en dúas ocasións do seminario de Santiago por ser galeguista e o bispo Araúxo acolleume e levoume para Salamanca

E que lle pareceu á súa familia que quixese conducir os seus pasos cara a igrexa?
Meu pai era máis reacio, cría que os cregos estaban algo illados da xente, pero a familia de miña nai era crente. Lembro que cando me expulsaron do seminario meus avós maternos querían que fose de misioneiro para Uruguai e que acabase alí a carreira.

Expulsárono do seminario?
Si, do de Santiago, en dúas ocasións, por ser galeguista, porque defendía o galego, e entón o bispo Araúxo acolleume para a súa diócese e levoume para Salamanca. Lembro que dunha vez aproveitaron a ausencia do cardeal Quiroga Palacios, que tiña boa relación con Araúxo, para expulsarme. Antes de ir para Santiago, onde botei oito ou nove anos, estivera un ano vivindo na reitoral de Valencia de Coristanco, para aprender latín dun gran latinista, Cipriano Reiriz de Dios, que traducía os documentos do cardeal Quiroga Palacios.

E como se forxa ese sentimento galeguista?
No seminario atopei un crego, Manuel Espiña, moi comprometido co país, que estaba a traducir os evanxeos ao galego. Eu axudáballe no seu traballo e esta iniciativa entusiasmoume. Tamén me influíu a relación con Ramón Piñeiro, con Xosé Manuel Beiras, con Xerardo Moscoso de Voces Ceibes... Mantiñamos xuntanzas que se organizaban para mestres, médicos... cando estudabamos, coa idea de prepararnos para despois traballar na mesma comarca.

Guitiriz acabou sendo o seu primeiro destino. Cal foi a razón desta elección?
Nomeáronme coadxuntor de Manuel Bande en Guitiriz, e cura de San Salvador e de Trasparga. Araúxo insistía en que tiña que vir traballar coa mocidade en Guitiriz. El estaba ao tanto, nas visitas a Salamanca, do meu traballo na universidade coa colectividade galega de alí, ata tiñamos unha publicación, O Sacho, e quería que seguise aquí con ese compromiso de acompañar á mocidade.

Queriamos que o Festival de Pardiñas foise un espazo de diálogo de todas as artes, nun lugar máxico e prodixioso

Cal foi a súa primeira impresión?
O primeiro foi un encontro coa mocidade. Estábanme agardando cando cheguei, en outubro de 1976, e despois da misa fomos tomar algo ao Gaibor. Dende ese día programamos xuntanzas semanais e plantaxábanse distintas alternativas sobre o que se podía facer, coma un cineclub, para o que ata pensamos en alugar o antigo cine. Finalmente apostamos polo formato da asociación xuvenil.

E creouse Raíces e Cañotos. Tivérono doado?
Costounos legalizala, atopamos atrancos, porque había xente en Guitiriz que sostiña que habendo xa outras asociacións non tiña sentido crear un colectivo da mocidade.

Ao pouco tempo cambiaron o nome polo de Xermolos, cal foi o motivo?
Xermolos era un nome que sempre barallamos, pero gañara Raíces e Cañotos, votouse e aceptámolo. Pero o de Xermolos seguía presente e un ano despois decidimos volver a el. Molábanos máis. Raíces e Cañotos xurdira naquela polémica cos maiores, coa idea de que ‘raíces’ eran os maiores e ‘cañotos’ a mocidade. Con Xermolos quixemos gañar o noso propio terreo.

Cales foron as súas primeiras propostas?
Nacimos con forza no rural e unha das nosas primeiras iniciativas foi, provocada polos labregos, a reforma do tendido eléctrico nas parroquias. Constatamos que Fenosa non estaba dando a luz que cobraba ás explotacións que estaban a renovarse e denunciamos á empresa. Tivemos varias xuntanzas con eles na Coruña e á fin aceptaron as nosas reivindicacións. Tamén colaboramos con Preescolar na Casa, comprometendo a nais e pais no ensino das crianzas de menos de seis anos que estaban sen escolarizar; e con Auxilia, facendo un censo de persoas con discapacidade e asesorando ás familias. Ademais, creamos unha escola social rural, con conferencias nas parroquias e na vila sobre saúde, gandería, ensino, historia do país e da comarca...  E na vila creamos a primeira biblioteca da zona, en locais cedidos polo Concello.

A distinción de Fillo Adoptivo comprométeme máis con esta nai que é para min Guitiriz, que me axudou a medrar en moitos eixos da miña vida

Que cre que significaron todas estas iniciativas para Guitiriz?
En primeiro lugar, aproveitar a achega da mocidade, a súa paixón e entusiasmo, a súa cultura, que daquela estaba un tanto marxinada nas actividades do pobo. Tamén serviu para valorar máis as raíces e o patrimonio que herdamos dos nosos antepasados, que estaban esquecidos. Foi unha toma de conciencia da vocación rural e labrega desta zona, coa organización de teatro, de música e doutras actividades nas aldeas.

Onde encaixa o Festival de Pardiñas en todo isto?
Démoslle voltas dous ou tres anos á idea de crealo, porque algúns mozos e mozas pensaban que Guitiriz non aguantaría un festival. Daquela asistiramos a outros, coma os de Guísamo ou de Ortigueira ou a Festa Balura de Castro de Rei e non vían aquí eses folgos. Non querían que fose flor dun día, pero á fin decidímonos, apostamos pola coraxe da nosa xente e aí están 40 anos case. Neste tempo matizamos os contidos, o formato e os obxectivos do festival. Sabiamos que cada un ten as súas esencias, os seus apelidos, e nós apostamos por Feira e Festa da Música e da Arte porque queriamos que fose un espazo de diálogo de todas as artes. Xa na primeira edición tivemos mostras de artesanía, de pintura ou de libros e o certame Terra Chá a nivel local.

E por que en Pardiñas?
Escollemos Pardiñas polo noso aprezo á natureza, era e é un espazo máxico e prodixioso. Démonos conta de que non podía ser un macrofestival, porque este regazo da Terra Nai máis ben acolle un festival de amizade, de familia, onde nos coñezamos e nos queiramos todos. E molábanos o balneario porque naqueles anos xa queriamos que o festival fose fonte de saúde, que crease ‘bo rollo’ entre a xente, entre as distintas xeracións e entre diferentes culturas.

De todo o que se leva feito, que o fai sentir máis orgulloso?
O voluntariado, o compromiso de mozas e mozos no día a día para sacar adiante as actividades, as relacións de amizade e de compromiso co pobo. O nome de Xermolos significa iso, a coraxe coa que xermola a mocidade, a súa xenerosidade, o afán de unirse e integrarse en cousas.

Cando mes destinaron a Guitiriz, só coñecía esta paisaxe a través da poesía de Díaz Castro, o frechazo foi coa súa poesía

Nestes 40 anos, nota cambios entre a mocidade de antes e a de agora?
Tanto nos anos que botei como profesor no instituto como na miña relación actual, aprendín que cada xeración é diferente, pero hai algo que non morre, a paixón da mocidade no que fai e no que vive. Perdura sempre neles esa ilusión polo que é noso.

Que lembranza ten deses anos como mestre?
Fun 40 anos mestre e o primeiro día do curso sempre lles dicía que eu tamén ía aprender, así o concibía. A educación acompaña ás persoas no seu crecemento. Os alumnos e as alumnas eran compañeiros dunha convivencia e hoxe sigo recibindo visitas de exalumnos e colaboro co IES e coas actividades relacionadas con Xosé María Díaz Castro.

É o depositario do legado do poeta, como comezou a súa relación?
Cando me destinaron a Guitiriz, só coñecía esta paisaxe a través da poesía de Díaz Castro. Era un poeta que me alucinaba. Primeiro coñecín a súa obra, o frechazo foi coa súa poesía, e despois busquei coñecelo en Madrid e nas súas visitas ao seu berce. Fixémonos amigos e mesmo tiven a fortuna de darllo a coñecer a Manuel María, Méndez Ferrín, Ramón Piñeiro...

Polo seu inmenso labor, en Guitiriz nomeárono Veciño Necesario e agora Fillo Adoptivo, entre outros recoñecementos por toda Galicia, cal destas homenaxes lle mola máis?
É moi difícil, pero se teño que dicir unha, escollería o Facer País que compartín con Xermolos. É moi especial porque é o noso obxectivo. E no plano sentimental e persoal o de Fillo Adoptivo de Guitiriz, porque me compromete máis con esta nai que é para min Guitiriz, que me axudou a medrar en moitos eidos da miña vida, sempre compartíndoo con esas xeracións de xente que me axudaron a realizar tantas actividades. Non creo na capacidade dunha persoa soa, illada, considérome froito da colaboración de moita xente en cada paso que dou.

O que me envelenou mandoume una carta dende a cadea pedíndome perdón e eu perdoeino. A xente axudoume a asolagar o que había de netagivo e a seguir crendo nas persoas

Non está libre de críticas, chamábanlle o cura ‘roxo’, chegouse a dicir que colaboraba con Eta e hoxe hai quen cuestiona o seu apoio aos represaliados ‘que queimaban igrexas’.
As críticas véxoas normais, aínda que me doian, estamos nunha sociedade plural. Quizais as que máis me fastidian son as críticas por axudar á xente prexudicada, porque colaboro co Proxecto Home ou con persoas que fan servizos comuntarios alternativos ao cárcere. Eu creo que teño que estar aberto a todas as persoas, porque todos necesitamos axuda, comprensión e colaboración. O de Eta foi unha barbaridade, son maneiras de desacreditar sen fundamento. E no tocante aos represaliados, coido que hai que reivindicar a investigación da verdade secuestrada pola represión da posguerra e teño claro que a Deus dóenlle igual as barbaridades que puideron facer os dous bandos e que todas a vítimas merecen a súa atención.

Todo se pode perdoar?
Si. Gústame perdoar porque é o camiño para entendernos e para querernos. Non hai perdón ata que se poidan desenterrar as vítimas da guerra das cunetas.

E perdoulle a quen o envelenou? Houbo un antes e un despois dese momento?
El dende a cadea mandoume unha carta pedíndome perdón e eu perdoeino. Para min foi un momento no que recibín moita solidariedade e agarimo por parte da xente e con iso penso que curamos o que tivo ese feito de doenza e de sufrimento. A xente axudoume a asolagar o que había de negativo e a seguir crendo nas persoas, mesmo nesas situacións límite.

"Coñecer Galicia aldea a aldea é a miña ilusión"
Volveu algunha vez a Uruguai?
Non quixen, e iso que me pagaban a viaxe. Dende que vin para aquí, prefiro coñecer as persoas e os camiños de aquí, da Terra Chá e de Galicia, que non dou acabado de coñecer. De mozo viaxei moito, porque ía traballar nos veráns por Europa, pero cando aterricei aquí, na Terra Chá, deixei de viaxar. Teño a teima que me contaxiou Manuel María, procurar coñecer Galicia aldea a aldea, esa é a miña ilusión.

Ofrecéronlle irse de Guitiriz?
Varias veces, algunha moi pública. Cando levaba un par de anos, Araúxo quíxome levar para Ferrol e con Gea Escolano houbera manifestacións da xente, foran falar con el, recolleran sinaturas...

Gustaríalle ter ascendido ou o seu é ser un crego rural?
Non me gusta esa dinámica e non estou de acordo cos ascensos. Na Igrexa temos que ser servidores e non buscar o noso proveito ou beneficio persoal. A miña vocación é traballar no rural e aquí estou.

Que cambios cre que sería necesario facer na igrexa?
Temos que vivir máis o día a día e as inquedanzas da veciñanza onde traballamos, acompañando á xente nas luces e nas sombras.

Cre que os curas deberían poder casar?
Creo que o celibato tiña que ser voluntario. Admiro ás parellas que deciden ter fillos e fillas, é un labor arduo que esixe moito tempo e moitos recursos que non valoramos moitas veces dentro da igrexa. A afectividade e a sexualidade son importantes para as persoas.

Arrepentiuse algunha vez de ser cura ou pensou en deixalo?
Non, e mólame cando en poboacións onde non me coñecen me teñen dito: «Ti es aquel que en Guitiriz tes o mote de cura?» A xente coñéceme polo labor que fago como crego.

E que lle queda por facer?
Son dos que penso que o máis difícil é manter e alongar as actividades que nacen. Aí está á porta o XL Festival de Pardiñas e seguimos contando coa xente moza para todo o que facemos. Agora preocúpame en Trasparga, onde presido a xunta rectora do monte, a supervivencia dos labregos e das labregas no rural e da xente moza e quero, no que estea da miña parte, botar unha man para que se manteña viva esa xente nas miñas aldeas. E gustaríame ver convertida a casa de Díaz Castro na Casa da Xente e nun motivo para traer xente a Guitiriz e promocionar o noso rural, a nosa paisaxe e a cultura chairega.

E se falta Alfonso?
Agora estou xa limitado, son un dependente, e puidemos vivir un Festival de Pardiñas que se montou e funcionou sen a miña colaboración na primeira liña. Vexo a sementeira que abrolla e os xermolos seguen nacendo e medrando.

Alfonso Blanco: "Síntome orgulloso do voluntariado, do compromiso...
Comentarios