Martes. 19.03.2019 |
El tiempo
Martes. 19.03.2019
El tiempo

Alfonso Blanco será nomeado Fillo Adoptivo de Guitiriz o sábado 24

Alfonso Blanco. AEP
Alfonso Blanco. AEP

O párroco e dinamizador cultural asegura que asume o título como "un recoñecemento colectivo" aos que o axudaron "a manterse en pé"

O párroco e dinamizador cultural Alfonso Blanco Torrado recibirá a distinción de Fillo Adoptivo de Guitiriz o sábado 24 deste mes nun acto público que se celebrará na igrexa de Santa María a partir das 12.00 horas.

A corporación guitiricense respaldou por unanimidade no pleno ordinario de xullo a proposta do goberno local que preside Regina Polín de recoñecer o papel de Blanco Torrado por ser «unha persoa imprescindible» a nivel cultural, social e pastoral.

O crego, que naceu en Montevideo o 15 de marzo de 1950 e que se instalou en Guitiriz hai algo máis de 40 anos, foi fundador da asociación cultural Xermolos e da Irmandade Manuel María da Terra Chá, das que continúa a ser coordinador, igual que da Universidade Rural Galega. Ademais, é o gran impulsor do Festival de Pardiñas e un dos máis importantes divulgadores do traballo do poeta Xosé María Díaz Castro -dende Xermolos loitan por conseguir que se rehabilite a súa casa natal do barrio do Vilariño, nos Vilares, para usos culturais-.

"Asúmoo como un recoñecemento colectivo cos que fixen camiño, non a min só senón a todos e todas os que me axudaron a manterme en pé todo este tempo e a medrar nos valores que queremos espallar como a amizade, a solidariedade e a cultura", expresou o párroco e exmestre, que recoñeceu sentirse "moi agradecido" e "algo desbordado" ante tantas homenaxes.

O pasado 8 de xullo, en Santa Mariña, Xermolos inaugurou un monolito deseñado por Valdi en recordo aos Irmáns da Lexía e en recoñecemento o labor de Alfonso Blanco, que, como se adiantou tamén ese día, terá o seu propio Hectómetro Literario no Paseo dos Soños de Vilalba.

"Gústame que fora unha decisión tomada por unanimidade", destaca Blanco Torrado sobre o seu novo título como Fillo Adoptivo de Guitiriz, ao tempo que valora que sempre "é bo integrar sensibilidades e vontades". No acto de entrega, aberto a todo o mundo, actuará a Coral Xermolos e a banda de Guitiriz.

Alfonso Blanco será nomeado Fillo Adoptivo de Guitiriz o sábado 24
Comentarios