O CONFINAMENTO DE...

Alfonso Blanco: "Escoito a natureza e soño con que isto vai pasar"

O coordinador de Xermolos ve todo isto como "unha cura de humildade"
CHA1703P14F5
photo_camera Alfonso Blanco. ARQUIVO

Onde está a pasar o confinamento?

No local de Xermolos, onde xa paso a maior parte do tempo todo o ano. Son dependente e tráenme a comida aquí, onde leo e entro en internet, xa que agora estou acompañado pola xente de Xermolos, as parroquias e os amigos a través das redes sociais e do teléfono, grazas á tecnoloxía. Xa estou confinado de antes (ri). É a miña casa e o espazo que ten a xente para atoparme e para poñerme a disposición dela no meu servizo á comunidade.

Como o soporta, que cousas fai día a día?

Soñar que esto vai pasar e escoitar a natureza, á cal noto máis a flor de pel. Compartindo momenos coas flores e a sonoridade dos paxaros e noto que están máis presentes na nosa vida. É a compañía máis grande que estou notando estes días, e aprendendo dela, sen esquecerme da dor de moita xente e lembrándome tamén dos nenos, que nos dan unha lección coa súa creatividade e paciencia.

Que será o primeiro que fará cando saia?

Buscarei aos colegas de Xermolos e intentaremos ir escoitar o mar, como temos ido moitas veces. Disfrutar do son, da música e da luz que transmite. Esperemos que sexa pronto e poidamos tamén meternos de cheo cos preparativos do Festival de Pardiñas. Aínda temos esperanza de poder facelo e a súa organización sería unha das primeiras tarefas.

Que lección saca de todo isto, positiva e negativa?

É unha experiencia que nos está axudando a descubrir que non podemos ser prepotentes e non podemos destruír a natureza. Moitas veces queremos aplastar a vida e a natureza cos nosos caprichos e afán de ter. É unha cura de humildade. O negativo, que gastemos máis en armas que na ciencia e na medicina. Temos que humanizarnos máis, saber partillar con todos os pobos e culturas o don da vida, que é o máis fermoso que se nos deu. Axudarnos a crear vida e non poñer atrancos a ninguén, que medre a solidaridade. Démonos conta que o mundo é o mesmo para todos e temos que buscar o ben común.

Comentarios