Alfonso Blanco entrará no Paseo dos Soños vilalbés o 9 de febreiro

Xermolos e a Irmandade Manuel María adicaranlle un Hectómetro Literario á beira do río Magdalena 

Alfonso Blanco. C. PÉREZ
photo_camera Alfonso Blanco. C. PÉREZ

O sacerdote, exmestre e dinamizador cultural Alfonso Blanco Torrado, coordinador da asociación Xermolos de Guitiriz ou da Irmandade Manuel María e promotor de eventos tan recoñecidos como o Festival de Pardiñas, entrará o segundo sábado de febreiro, día 9, no Paseo dos Soños de Vilalba cun Hectómetro Literario propio. Será o número 13, algo que non provoca superstición no homenaxeado, que vén de recibir gran cantidade de recoñecementos nos últimos meses, como o título de Fillo Adoptivo de Guitiriz, un acto popular na parroquia de Santa Mariña, tamén na memoria dos Irmáns da Lexía, ou outro na Eira da Xoana, no concello de Agolada.

"Son demasiados recoñecementos. Engúrrante", di Alfonso Blanco ao outro lado do teléfono, mentres trata de quitarse protagonismo para falar dun traballo de moita xente e para afrontalo con normalidade. "Igual que me tocou vivir meses de enfermidade, tocoume esta época de homenaxes", di mentres fala do que supón para el entrar no Paseo dos Soños.

"Síntoo como un exceso pero estou moi agradecido, en concreto porque son un amante dos ríos e dos regatos e entrar no Paseo dos Soños de Vilalba vai supoñer convivir para sempre con ese río Magdalena e a través del con toda a comarca chairega e toda a terra. Penso que a vida dos humanos vai ligada á paisaxse, porque penso que vivimos na música dos ríos, en tódolos penedos, nas raíces dos carballos...", expresa Alfonso, que destaca que os doce homenaxeados anteriormente por Xermolos e a Irmandade Manuel María neste lugar vilalbés entre natureza e letras "son todos amigas e amigos, e é un motivo de alegría compartir con eles".

PROGRAMA. O acto de homenaxe está previsto o día 9 ás 12.00 horas, con varias intervencións na casa da cultura de Vilalba, onde falarán voces da cultura como David Otero, Mero Iglesias, Marica Campo, Paco Martín, Xulio Xiz ou Valdi, o autor do monolito que se inaugurará despois no Hectómetro Literario de Alfonso Blanco "en agradecemento polo seu traballo na Terra Chá", reza o cartel anunciador.

Tamén haberá tempo para a música e será Miro Casabella, Raúl Galego e Os Ceibes de Xermolos os encargados de poñerlle música a unha xornada que continuará a partir das 14.00 horas cun xantar no restaurante La Casilla, xa en Guitiriz. O menú terá un prezo de 20 euros por persoa e os interesados en asistir xa poden apuntarse chamando ao número de teléfono 646.41.38.90.

O monolito de Valdi representa un abrazo 
Para esta ocasión o escultor Valdi, autor da maioría dos monolitos do Paseo dos Soños de Vilalba, quixo representar a Alfonso cunha aperta. Así deseñou unha estrutura cilíndrica na que un pode entrar e darlle un abrazo e recibir outro. 

Comentarios