Sábado. 22.09.2018 |
El tiempo
Sábado. 22.09.2018
El tiempo

Aleixandre Lago Barcala: "De vocación e de oficio son escritor en galego"

Aleixandre Lago Barcala. EP
Aleixandre Lago Barcala. EP

O autor vén de gañar o XLIV Certame Literario de Vilalba co seu poemario Cartafol de miraxes

O escritor de Culleredo, recoñecido en Mondoñedo en 2014 co Díaz Jácome, vén de gañar o XLIV Certame Literario de Vilalba co seu poemario Cartafol de miraxes, premio que recollerá o día 30 no auditorio Carmen Estévez, no marco dos actos institucionais das festas de San Ramón e Santa María. A obra foi elixida por unanimidade do xurado entre os preto de 60 presentados a unha convocatoria dotada con 7.000 euros e a publicación do libro por parte de Alvarellos Editora. Aos seus 25 anos, este mozo licenciado en Filosofía, colabora cos seus pais na compañía Teatro do Atlántico mentres agarda facerse un oco no mundo da docencia.

Cal foi a sensación ao comunicárenlle que era o gañador?
De agradecemento e, especialmente, de honra, porque consideraran de algún valor a miña obra para que se premie e se publique.

Presentárase con anterioridade ou esta era a primeira vez?
Foi a primeira vez. Levo escribindo moito tempo, pero entre que estaba estudando e outras ocupacións non me sentía capacitado e nunca completara un libro de poemas ata o de agora, cando me presentei a varios certames, entre eles o de Vilalba.

Que lle parece a existencia de convoctarias coma a de Vilalba, que ademais ten un premio moi significativo?
Paréceme un lubricante fundamental para un sistema literario coma o noso e creo que iso é o que pensa case todo o mundo. É unha engrenaxe fundamental para que a xente que teña un interese na poesía vexa a súa obra recoñecida, premiada e publicada. E ademais contribúe a que se traballe máis, a que se fomente máis o esforzo.

Os poemas son unha serie de desenganos respecto das ilusións vagas e narcisistas que se fai un cando é pequeno

O premio inclúe a publicación, é dicífil ver unha obra editada sen ser a través dun certame?
Non falo dende a experiencia, pero a miña impresión é que hai varias editoriais en activo publicando poesía galega, ademais dos premios, así que creo que se alguén ten un libro de mediana calidade si é posible publicar.

Que vai atopar o lector en Cartafol de miraxes?
É un libro de poemas que non ten un fío unitario, aínda que si unha articulación: unha serie de motivos temáticos e estilísticos que se van repetindo. Son moi amigo da métrica tradicional, do ritmo de metrónomo, e hai poemas en verso branco, un par deles con rima consonante e algúns en rima asonante, de tipo canción, e outros en verso libre. A linguaxe é bastante tradicional e, no tocante ao enfoque, paréceme que os poemas son unha serie de desenganos respecto das ilusións vagas e narcisistas que se fai un cando é pequeno respecto de cousas como o amor, a morte, o tempo... e ao medrar vai vendo que son espellismos.

Cre que esta obra o representa como escritor ou ten un abano máis amplo que o que se pode ler neste poemario?
Represéntame ata o día de hoxe e estou ledo por iso. O libro en si representa un abano bastante diverso de técnicas e de maneiras de facer. É un libro de aprendizaxe, onde se recollen os meus esforzos en distintas direccións. Pero non pretendo quedarme con isto, quero ir máis aló.

O libro representa un abano bastante diverso de técnicas é de maneiras de facer. É un libro de aprendizaxe

Ten algunha obra en proxecto?
Estou traballando nun novo libro de versos, pero aínda non sei moi ben que vai ser.

Tamén está a prepararse para ser profesor, non ve posible vivir da escrita ou para vostede só é un complemento?
De vocación e de oficio son escritor. A literatura é o meu oficio principal, pero aínda que hai algunha xente que vive deste mundo, eu non teño esperanza de que no meu caso sexa así, polo que complementarei a escritura co traballo de profesor cando o consiga.

O poemario está en galego, é a súa lingua para escribir ou élle indifente o idioma?
Pretendo ser un escritor en galego. Tiven unha etapa de bilingüismo, pero descrubín que a relación íntima coa parte profunda da lingua só a teño en galego e é nesta lingua na que podo conseguir algo miminamente vivo e orixinal e non unha repetición do que fixeron outros.

Aleixandre Lago Barcala: "De vocación e de oficio son escritor en...
Comentarios