Alberta Lorenzo: "A escola que conserva a función docente foi a que sufriu a maior metamorfose de todas"

A arquitecta Alberta Lorenzo Aspres, natural de Sanxenxo e afincada na Coruña, vén de gañar o V Premio de Investigación Hume, dotado con 2.000 euros e que concede a entidade pontesa homónima, co traballo ‘A evolución do espazo arquitectónico nas escolas da emigración no Concello das Pontes de García Rodríguez’, que tamén se publicará na revista da entidade. Doutora en Arquitectura pola Universidade da Coruña e docente no Centro de Estudos Superiores Universitarios de Galicia, Alberta é tamén fundadora e directora do Proxecto Arga: Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia, unha plataforma cultural premiada na XIII Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo

Alberta Lorenzo Aspres. ÓSCAR PAZ
photo_camera Alberta Lorenzo Aspres. ÓSCAR PAZ

Por que se decidiu por estudar as escolas habaneiras das Pontes?

Cada certo tempo, cando se podía viaxar sen restricións, adoitaba visitar os concellos galegos na procura de novas rehabilitacións para a plataforma de Proxecto Arga. Nunha desas viaxes percorrín o municipio pontés e descubrín, entre outros exemplos, as antigas escolas habaneiras, que, coa excepción do Grupo Escolar, están reconvertidas en locais socioculturais. Son inmobles que foron feitos por e para o pobo, e así continúan como parte do seu legado e da súa historia, independentemente das súas transformacións. Este feito foi o que propiciou que quixese profundar máis na súa evolución arquitectónica. Foi, sen dúbida, o xermolo do traballo que presentei ao premio de Hume.

Que foi o que máis a sorprendeu da investigación?

O respecto pola memoria arquitectónica e pola identidade patrimonial coa que se realizaron as distintas intervencións nas escolas. A pesar do carácter relativamente ríxido do deseño orixinal destas edificacións, cando o espazo educativo se volveu obsoleto e se fixo patente a necesidade dun lugar de reunión ou de certas actualizacións, as modificacións realizadas na configuración orixinal respectaron a memoria e a identidade destes vellos inmobles. Non as sacrificaron en ningún momento do proceso de intervención; e esta actitude, favoreceu, en gran medida, a conservación da súa historia e dos seus recordos. 

Hume favorece o coñecemento e a recuperación dos valores históricos, artísticos e culturais do concello

Que destacaría de cada unha?

Se ben o Grupo Escolar de As Pontes conserva a súa función docente, o conxunto sufriu a maior metamorfose de todas. Os cambios sufridos ao longo da súa existencia son evidentes a simple vista. E alén da adhesión de novos volumes que modificaron grandemente a imaxe e a configuración orixinais, a evolución dos seus espazos arquitectónicos caracterízase polos contrastes. En canto ás restantes escolas, Somede, Deveso e Freixo, porque a orixinal da Barosa foi derrubada, a evolución espacial seguiu un mesmo patrón. Co cambio de uso, a planta baixa mantívose diáfana para facilitar a realización de actividades culturais mentres que a planta alta se liberou de particións para facilitar un novo espazo multifuncional. 

Que implica este premio?

Ademais dunha alegría obvia, é todo un orgullo. Estou encantada de poder aportar o meu gran de area a un Concello e a unha asociación que traballan, a través da convocatoria deste certame e doutras actividades, para que a súa historia e a dos seus veciños non se perda nin se esqueza.

Como ve o labor de Hume?

O labor de Hume favorece o coñecemento e a recuperación dos valores históricos, artísticos e culturais do concello das Pontes, en prol da súa conservación e difusión. Por iso o seu traballo non pode cualificarse nada máis que de positivo, porque se cadra, sen el, todos eses valores se perderían para sempre. Quixera tamén agradecer e felicitar ao presidente da asociación, Manuel Souto, e por extensión a todos os membros da mesma, por un labor que non se ve, e en moitas ocasións ata ingrato, pero cuxos froitos se gozan.

Podería resultar moi interesante analizar a evolución arquitectónica e histórica das antigas escolas habaneiras da Terra Chá

Hai algún outro patrimonio pontés que lle gustaría estudar?

As Pontes ten un extenso e rico patrimonio cultural, apenas explorado. En canto ao seu patrimonio arquitectónico, partindo da miña preferencia cara aos inmobles que cambiaron de uso, decantaríame por analizar as transformacións sufridas, por exemplo, polo antigo Cine Alovi (actual auditorio municipal) ou o Mercado Vello (hoxe en día, centro expositivo).

E na comarca chairega?

Pois continuando coa liña de investigación do traballo presentado, paréceme que tamén podería resultar moi interesante analizar a evolución arquitectónica e histórica das antigas escolas habaneiras da Terra Chá, profundando na posibilidade da existencia de nexos e/ou paralelismos entre as modificacións acometidas nestas edificacións docentes.

Puxo en marcha o Proxecto Arga, que obxectivos persegue?

É unha plataforma cultural, sen ánimo de lucro, que naceu da necesidade de coñecer e explicar o proceso de metamorfose mediante o cal un edificio obsoleto ou abandonado consegue, a través dun novo uso, unha segunda oportunidade para seguir formando parte activa da sociedade. A principal intención é elaborar un inventario, un atlas, de todas as arquitecturas rehabilitadas de Galicia. Esta idea preséntase como un espazo virtual en constante actualización, aberto a todo tipo de público, e dende o que consultar e divulgar a totalidade das reutilizacións edilicias que se fan na nosa comunidade autónoma.

A principal intención do Proxecto Arga é elaborar un inventario, un atlas, de todas as arquitecturas rehabilitadas de Galicia

Cales son as claves dunha boa rehabilitación?

O arquitecto pontevedrés Alejandro de la Sota defendía que a boa arquitectura está chea de renuncias de todo. Co seu permiso, eu engadiría que ademais debe amosar sensibilidade e respecto. 

Rehabilítase en Galicia ou hai moita obra nova? E faise ben?

Durante a última década constatouse unha tendencia cara ás intervencións en edificios xa existentes, tanto de restauración como de rehabilitación, en detrimento da obra nova. En Galicia temos moitos e bos profesionais, co que o bo futuro da boa arquitectura está garantido.

Cambiaron as tendencias?

Trala Segunda Guerra Mundial produciuse un intenso debate en toda Europa sobre a necesidade de reempregar os edificios históricos para garantir a súa supervivencia. Aínda que moitas veces estas actuacións comportaran graves perdas, prevalecía o discurso funcional. Porén, dende finais do XX, a ‘restauración integral’ recomendaba utilizar eses edificios abandonados única e exclusivamente cando existise compatibilidade entre o uso orixinal e o novo uso demandado. Hoxe en día asumimos que o abandono dunha edificación, histórica ou non, significa a súa ruína, polo que a súa posta en valor permite a súa reincorporación social. Entendemos que a nova función se presenta como a mellor garantía para a súa supervivencia e salvagarda, entendendo este acto dende a capacidade do inmoble de estar vivo e de participar na sociedade do momento.

Alejandro de la Sota defendía que a boa arquitectura está chea de renuncias de todo. Co seu permiso, eu engadiría que ademais debe amosar sensibilidade e respecto

En Galicia hai moita porta pechada, poderíase reverter?

Debemos ser conscientes de que uns usos vanse e outros veñen, pero os edificios quedan. Grazas a eles, somos quen non só de satisfacer novas necesidades, senón tamén de convivir co noso pasado. En consecuencia, o exercicio da continuidade na arquitectura ten unha dobre vantaxe: a económica e a cultural.

Que a levou a interesarse pola arquitectura?

Sempre me chamou a atención o proceso de materialización das ideas, a maneira en que se dá forma e corpo aos pensamentos. A arquitectura, como carreira artística e técnica, ou tecnolóxica, ofrecíame a oportunidade de saciar esas inquietudes.

Imparte clase, que intenta transmitirlle aos seus alumnos?

Actitude, para que nunca deixen de aprender. A arquitectura é un complexo exercicio mental que require de todo o noso compromiso e respecto; pero tamén é unha forma de vivir e de ver o mundo. 

De preto: "O diálogo harmónico entre todas as partes é o máis importante dunha obra"
Un edificio que lle guste moito?
A capela da Lanzada (Sanxenxo), un lugar onde a luz é maxia.
E un que tiraría?
Calquera que atente contra a natureza.
Un proxecto que lle gustaría ter feito?
A rehabilitación de Santa María de Bouro (Amares, Portugal).
Cal é a parte máis importante dunha obra arquitectónica? 
Precisamente o equilibrio unitario, o diálogo harmónico entre todas as partes.
Un arquitecto? 
Elizabeth Wilbraham, considerada a primeira muller arquitecta da historia.
Un libro de cabeceira?
The seven lamps of Architecture (As sete lámpadas da Arquitectura), de John Ruskin.
O material de traballo imprescindible?
Ilusión.

Comentarios