En primeira persoa

Alba María: "Na regueifa hai que estar atenta ao momento e pensar o final"

Nacín en Las Palmas de Gran Canaria en 1995, aínda que a miña infancia se afinca en Vigo. Son profesora de lingua galega, cantora e improvisadora oral. Dedícome a investigar sobre a regueifa, facer cancións, improvisar outras tantas e escribir. Tamén lle ensino cousas a persoas de entre doce e dezaoito anos no IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz neste curso 2021-2022.
Alba María imparte hoxe martes un obradoiro na Casa Habanera de Guitiriz. C.PÉREZ
photo_camera Alba María imparte hoxe martes un obradoiro na Casa Habanera de Guitiriz. C.PÉREZ

Para profanos, que é a regueifa?

Un xénero de improvisación oral que nace como rito do reparto do pan nas vodas. 

Regueifeira, nácese ou faise?

Completamente faise, e dedícome a iso, a demostrar que se fai. Tradicionamente dicían que se nacía, porque a aprendizaxe era inconsciente, inmersiva, pero agora podemos permitirnos o luxo de aprender a regueifar conscientemente.

Cales son as claves para facer unha boa regueifa?

A primeira é estar atenta ao momento presente, ao aquí e o agora, de aí é de onde sae a inspiración. Outra é empezar a pensar polo final. Este é un dos segredos que direi no obradoiro. E teño que insistir en que non se pode ter medo a improvisar, que é recoller a realidade e adaptala para poder permanecer nela, e en que non importa cantar mal, senón ter boa destreza coas palabras.

Tradicionalmente dicían que se nacía regueifeira, porque a aprendizaxe é inconsciente, pero agora podemos permitirnos o luxo de aprender a regueifar conscientemente

Ese obradoiro do que fala é hoxe martes, ás 20.00 na Habanera, da man de Xermolos. En que se vai centrar?

En dar as claves básicas da improvisación: estrutura métrica, ritmo, melodía, rima... e a vinculala coas bases do rap, para enganchar tamén ás persoas novas dende un referente próximo. Aquí hai tradición de improvisadores, coma o Reinote, e molaba que renacese a través de persoas que xa fan rap. Non descarto organizar unha regueifa en Guitiriz. 

Que une e que separa estes dous xéneros? 

A regueifa é tradicional e o rap, contemporáneo. Dende a regueifa, moitas estruturas poden ser aplicadas ao rap. 

Custou ver mulleres no rap, na regueifa tamén? 

Si, é complicado aínda que as mulleres collamos os espazos públicos. Na miña experiencia como profesora, ás rapazas cústalles máis que aos rapaces falar en público e están educadas pola sociedade, de forma tácita, para seren discretas, para non figuraren demasiado. Eu sempre tento nos obradoiros integrar unha perspectiva feminista, é necesario para que esas persoas que eu estou educando de xénero feminino algún día poidan subir ao escenario e siga habendo regueifeiras, coma Lupe Blanco, Olalla Liñares, Sara Marchena...

A regueifa é un espazo de liberdade e ela mesma se autorregula; se un tema non lle gusta á persoa coa que estas dialogando, vaicho dicir.

Cando e como sentiu o frechazo? 

Nun obradoiro en Vigo, onde hai escola, con Pinto d’Herbón e Luis O Caruncho. Gustoume moito e seguín. Cando cheguei a Santiago a estudar empecei a facelo profesionalmente. 

A regueifa, soa en compañía?

A tradicional, acompañada, e a improvisación oral, en compañía de instrumentistas. 

Hai temas tabú?

En xeral non sinto que haxa. Hai os da sociedade, empezamos hai pouco a falar das nosas sexualidades diverxentes, había moita homofobia e agora estamos intentando mudar iso. É complicado, porque a regueifa é un espazo de liberdade e despois ela mesma se autorregula. Se un tema non lle gusta á persoa coa que estas dialogando, vaicho dicir.

Unha regueifa para rematar esta entrevista... 

As palabras que eu ensino
non se escriben con xiz
compóñense con palabras
que se fan en Guitiriz

Comentarios