jueves. 20.02.2020 |
El tiempo
jueves. 20.02.2020
El tiempo

Alba García: "O rural lucense está cheo de oportunidades a nivel empresarial e de autoemprego"

Alba García, técnica da Aelu. C.PÉREZ
Alba García, técnica da Aelu. C.PÉREZ
Nacida en Muimenta, diplomada en Ciencias Empresariais e licenciada en Administración e Dirección de Empresas, cun máster de Dirección Comercial e Márketing, Alba García Salgado ten experiencia como docente para a formación profesional para o emprego, como orientadora sociolaboral online ou en formación en igualdade de oportunidades e creación de empresas, coñecementos que encaixan á perfección no seu traballo como técnica da Asociación de Empresarias de Lugo (Aelu).

Hai uns días impartía na Pastoriza a charla Mulleres Creando no Rural, que lle tentou transmitir aos asistentes?

Fun á Pastoriza o Día Internacional da Muller Rural, onde quixen deixarlles claro que elas son o verdadeiro motor do desenvolvemento rural, do avance das comunidades locais e elemento imprescindible para o sostemento da agricultura familiar. A pesar de ser tan productivas e boas xestoras como os homes, non dispoñen do mesmo acceso ás terras, créditos ou servizos públicos, entre outras moitas cousas, o que limita o seu poder e promove o abandono das explotacións. Polo tanto, tratei de promover a autonomía das mulleres rurais, ademais de fomentar un emprendemento por oportunidade, non por necesidade.

Ve necesario concicenciar sobre o papel da muller no rural? Coñécese e recoñécese o labor que desenvolven?

Por suposto que hai que facelo. O labor que realizan coñécese pero só unha pequena parte, non todo o que hai detrás e non se recoñece todo o que se debería.

Cal cre que é o principal hándicap para emprender dende unha aldea?

Ningún! O rural lucense está cheo de oportunidades a nivel empresarial e de autoemprego.

O meu labor céntrase no aopio a emprendedoras e ás empresarias xa constituídas

Comezou este ano a traballar como técnica da Aelu, cal é o seu cometido e o da propia entidade?

O meu cometido nela é dinamizar o tecido socioeconómico da provincia, especialmente o autoemprego feminino. O meu labor diario céntrase en dúas liñas principais: apoio a emprendedoras a través do fomento dun emprendemento responsable e asesoramento, titorización do proxecto, plan de empresa e axuda na xestión de subvencións antes e despois de constituídas as empresas; e apoio a empresarias xa constituídas a través de asesoramento, trámites, apoio e dinamización das súas empresas, formación e calquera outra iniciativa para a mellora dos seus negocios. Ademais disto, levamos a cabo outros proxectos para fomentar o emprendemento e a educación emprendedora: obradoiros e charlas de información e dinamización, rede networking entre mulleres, mesas madriña, cursos de plan de empresa, formacións de todo tipo, organización de feiras multisectoriais, etc.

Cantas socias son? De que sectores?

Aelu ten ao redor dun cento de socias de sectores moi diversos, mulleres que crean entre elas sinerxias moi interesantes. Trátase de fomentar o empoderamento e a sororidade.

Cales son as próximas actividades que teñen previstas?

O 29 de novembro no Cei-Nodus do Concello de Lugo terá lugar a segunda Feira de Nenos Emprendedores onde, despois da realización duns talleres de emprendemento previos, nenos da provincia de entre seis e 14 anos crearán a súa propia miniempresa e venderán os seus produtos nos seus postos. E abriremos o prazo de inscrición para a segunda edición dos premios Son Muller, que terá lugar o vindeiro 13 de decembro no Vello Cárcere de Lugo.

O 29 de novembro temos a segunda Feira de Nenos Emprendedores e o 13 de decembro, a segunda edición dos premios Son Muller

Cal é a razón deste premio?

Con esta celebración queremos dar visibilidade e recoñecemento a mulleres da provincia que apostaron polo autoemprego como medio de vida. Así, haberá tres categorías distintas, cada unha con dúas premiadas: empresaria rural, empresaria e emprendedora. Tamén imos facer un recoñecemento especial á longa traxectoria empresarial dunha empresaria da provincia.

Que lle diría a quen pensa que non existe a desigualdade entre homes e mulleres a nivel laboral?

Que se deteña a mirar ao seu redor, e logo cambiará de opinión. Afortunadamente, avanzamos moito nas últimas décadas, pero aínda queda camiño por andar.

Hai un empoderamento feminino ou queda camiño por andar?

Sonche sincera, a día de hoxe vexo que hai mulleres que non saben moi ben de qué vai iso do ‘empoderamento’, son as menos, pero hainas. Pero para iso estamos nós. Sinto que a miña misión na asociación é facer que ningunha muller se sinta inferior polo feito de ser muller e que vexa que está totalmente capacitada para todo o que se propoña. Como di o lema da asociación: "Unha máis unha...porque xuntas facemos máis!".

De preto: "O feminismo é a busca de igualdade, non unha moda"
De pequena quería ser?
Maior, e periodista.
Unha muller que sexa un referente para vostede?
Miña nai.
E unha empresaria?
Blanca García Montenegro.
A quen lle concedería o premio Son Muller?
Tódalas mulleres que se presenten son merecedoras do premio, por emprender e por loitar polo seu soño.
Que significa para vostede a palabra feminismo?
É a busca de igualdade entre mulleres e homes. Non é unha moda.
Un libro?
Infamia, de Ledicia Costas.
Unha canción?
Lela, de Dulce Pontes.
Un lema?
Tódolos nosos soños se poden facer realidade se temos o valor de perseguilos.
Un recuncho da Chaira?
O meu pobo, Muimenta.

Alba García: "O rural lucense está cheo de oportunidades a nivel...
Comentarios