Alba Díaz: «Sobre o patriarcado aséntase o resto das dominacións e violencias»

Nada en Vigo e afincada en Lugo, Alba Díaz é mestra no Ceip de Xermade, onde o seu gusto pola fotografía e polo audiovisual son unha ferramenta máis á hora de impartir clase. E parte dese alumnado que pasou polas súas mans ten a oportunidade de coñecer de primeira man a súa faceta artística a través das mostras ‘Miradas na ducha’ do IES Santiago Basanta Silva de Vilalba e 'María Violencia', na galería Vieiros de Lugo
Alba Díaz
photo_camera Alba Díaz.

Como xorde a posibilidade de facer esta exposición no instituto?

O ano pasado eu fixera unha exposición no Vello Cárcere de Lugo. E a raíz dela xurdiron varias cousas, entre elas a posibilidade de levala ao IES Basanta Silva. E estou moi agradecida; ademais é moi especial para min porque alí encontrei antigo alumnado meu.

E a idea de retratar as mulleres na ducha?

A ducha, para min, é un reduto de liberdade. Nela libérome das máscaras, as conscientes e as inconscientes. E podo ser. Así que decidín explorar ese espazo artisticamente. A auga, o vapor, a soidade... Son elementos poderosos para unha fotografía. 

Quen son as protagonistas da mostra? Prestáronse de boa gana para saír?

Contei con miña nai Veva, miñas irmás Sabela e Rosalía, a miña sobriña Veva, e dúas Anas importantes na miña vida: Ana de la Barrera e Ana Hernández. E tamén a Uxía, que ademais é a nosa cantante máis internacional e unha boa amiga. Foron sesións moi divertidas, onde afondamos na nosa complicidade, na convivencia e, de paso, algo de música elixida por elas.

O feminismo promove un ideal irrenunciable de xustiza e un mundo mellor, libre de desigualdades, violencia ou discriminacións.

A exposición do instituto enmárcase dentro da programación conmemorativa do 8-M. Considérase feminista?

Todas as persoas deberan ser feministas. O feminismo promove un ideal irrenunciable de xustiza e un mundo mellor, libre de desigualdades, violencia ou discriminacións. Quen o entenda doutra maneira ou de xeito equidistante, é que non entendeu absolutamente nada. Queda moito camiño por andar.

Paralelamente, tamén expón María violencia en Lugo, cal é a súa temática?

As Miradas na ducha son luz e María Violencia é a escuridade. O nome de María representa, entre outras cousas, iso: 'a mística da feminidade’, pois así somos vistas con frecuencia quen somos críticas coa discriminación das mulleres. E este é un mandato tradicional do patriarcado, que é o sistema básico de dominación onde se perpetúan a violencia e a discriminación. Sobre el aséntanse o resto das dominacións e violencias como a de clase, raza e outras... 

A galería-taller na que expón, Vieiros, acaba de abrir as súas portas na Rúa Nova, era necesario un espazo coma este?

Penso que si. Alfredo Bongianni, Silvia Martos e Félix Pedrouzo, responsábeis da galería, son xente cunha sensibilidade especial para a fotografía e a apertura deste espazo supón un avance importante para a nosa cidade, toda vez que careciamos dun lugar enfocado especialmente á nosa disciplina, onde se pode visibilizar o noso traballo e dignificalo, rodeadas como estamos de imaxes por todas partes.

De onde vén a súa afección pola fotografía?

Do meu gusto por mirar. E un dos mellores lugares para mirar o mundo e as persoas é a través dunha cámara. Logo a vida vaite levando ao que é realmente importante para ti.

Que preferencias ten á hora de fotografar? Branco e negro ou cor? Persoas ou paisaxes?

Gústame o retrato e o branco e negro. Gústame a súa atemporalidade, supoño que no meu caso o gusto vén moi influído polo cine, pero tamén por outras fotógrafas e fotógrafos que admiro: Diane Arbus, Tina Modotti, Baldo Pestana, Cristina García Rodero, Isabel Muñoz, Donna Ferrato, Vivian Maier...

En que outros proxectos traballa?

Teño en marcha un proxecto algo máis extenso que lle chamei ‘A resistencia’. E estou traballando nun libro conxunto de poesía e fotografía con Lois Pérez, que inclúe parte do traballo que fixen nunha viaxe aos Estados Unidos o verán pasado. Foramos ver os Stones.

Traballo por proxectos, non usamos libros de texto, así que a fotografía é un recurso estupendo para promover o achegamento do alumnado á realidade

É mestra en Xermade, usa a fotografía nas clases?

Si, o audiovisual é un apoio fundamental nunha aula. Eu traballo por proxectos, non usamos libros de texto, así que a fotografía é un recurso estupendo para promover o achegamento do alumnado á realidade. É unha ferramenta de coñecemento.

En que proxectos traballa cos seus alumnos?

Son mestra de inglés e plástica, levo adiante diferentes proxectos e son a coordinadora do proxecto plurilingüe do centro. Ultimamente fixen un en plástica coas Meninas e Frida Kahlo, o ano pasado desenvolvemos no centro canda as miñas compañeiras un proxecto interdisciplinar de recuperación da microtoponimia, a xente das parroquias, os oficios...Dignificar as orixes do alumnado e poñelas en valor.

Os centros educativos cada vez tenden máis a organizar propostas complementarias, como podería ser a súa mostra no Basanta Silva, á actividade docente clásica, á materia das clases, cre que é o camiño a seguir na docencia?

As aprendizaxes deben ser significativas, relacionadas coa realidade do alumnado e, na medida do posible, que promovan a curiosidade e o espírito crítico. Se a escola é un lugar de transformación, as propostas deben ser transformadoras.

De preto: "Dispárolle moito á xente de costas a min"
Unha fotografía?
Marcial Dorado con Feijóo no iate. ‘Había nieve’.
Unha imaxe que teña gravada?
A do neno Aylan, morto na beira do mar.
Unha que lle gustaría ter feito?
Calquera da serie Holy, de Donna Ferrato, pero non sei se sería quen de facelas eu.
A foto soñada?
Gustaríame xuntar de xeito imposible a Amy Winehouse, Mon Laferte, Nathy Peluso e Tina Turner.
Lembra cal foi a súa primeira foto?
Si, con nove anos para un concurso da escola. Nunha excursión escolar déronnos cámaras de usar e tirar; recubrín unha amiga con follas das árbores e só se lle vía a cabeza. Gañei. Pero non sei que foi da foto.
E o motivo máis repetido?
Pois creo que me pasa como a Utrillo. Dispárolle moito —coa cámara— á xente de costas a min.
Usa o móbil para facer fotos?
Si, pero de tipo persoal. Estoume saíndo dos selfies...
Unha imaxe vale máis ca mil palabras?
Si, se é boa.
Un libro?
Lo estás deseando, de Kristen Roupenian (Anagrama).
Unha canción?
Proud Mary, de Tina Turner.
Unha viaxe?
Nápoles. Ou ver os Stones en Philadelphia. Ou Xamaica.
Un recuncho da Chaira?
O río en Muimenta, co maínzo ao fondo, no mellor festival do mundo, o de Pozomouro. O cemiterio vello de Xermade e o seu encanto. Paso por el todos os días, sempre é diferente.

Comentarios