O recuncho de Manuel Regal

Área recreativa do Arnela: alá no curuto, un remanso de paz

Nos cumios de Castromaior, no concello de Abadín, hai un lugar idóneo para conectar coa natureza agreste e para desfrutar do verán
A cabana e as mesas na área recreativa. S.IGLESIA
photo_camera A cabana e as mesas na área recreativa. S.IGLESIA
Localización
Dar coa área recreativa do río Arnela non é sinxelo. Está nos cumios de Castromaior, en Abadín, e a ela chégase seguindo a N-634 ou a A-8, para logo coller a estrada LU-P-0108. A uns tres quilómetros da igrexa hai que tomar unha pista á esquerda que leva monte adentro. As coordenadas son N 43º 22’ 40.1’’ W 7º 31’ 35.0’’.
Creación
O Concello encargouse de levantar unha cabana, mesas e bancos de pedra e unha pasarela entre os anos 90 e os 2000. As brigadas desbrozan a contorna no verán.
Pernocta
Na casiña de madeira pode pernoctar quen o desexe, previa solicitude nas oficinas municipais. Dispón de cociña-sala, baño e habitacións, aínda que non están equipadas con mobiliario, salvo armarios.
 

No máis alto de Castromaior, alá onde os lindes tocan coas veciñas parroquias de Candia, Fanoi e Labrada, está o monte de Toxoso e nel, un río que nace preto e baixa apurado. Mais no treito que hai entre a súa orixe, das escorreduras dos cumios que o rodean, e a desembocadura no río de Abadín, ao Arnela dálle tempo a ofrecer pequenas fervenzas e unha especie de descanso que fai as veces de zona de baño.

Zona de baño no Arnela. S.IGLESIA
Zona de baño no Arnela. S.IGLESIA

Manuel Regal naceu en Chantada, pero xa hai moito que fixo de Candia o seu fogar. O seu amor polo monte, polo agreste e por andar levouno en moitas, moitísimas ocasións, á área recreativa do río Arnela, onde hoxe se escoitan os ecos daquela algarabía de hai anos, cando familias, mozos e nenos se reunían á beira das súas augas para merendar, xantar ou para desfrutar dos días de verán.

Manuel Regal, veciño de Candia. S.IGLESIA
Manuel Regal, veciño de Candia. S.IGLESIA

"É un sitio ideal para vir cuns amigos, unhas empanadas, bañarse e pasar aquí o día", di Manuel, armado con botas altas e unha vara que facilita a andaina pola área. Porque aínda que na súa hora foi epicentro das diversións en Abadín —alí fixéronse sardiñadas veciñais, houbo sesións de orientación e acolleu excursións de pequenas e pequenos—, o tempo fixo das súas, deteriorando algunhas das mesas e a ponte que cruzaba o leito do río.

Malia todo, segue merecendo a pena subir monte arriba —pertence á comunidade de Castromaior—, observar as greas de cabalos, albiscar os confíns da Terra Chá e poñer os cinco sentidos na contorna do Arnela, onde, ademais, hai moito de historia.

Fauna que poboa a contorna, coas vistas da Terra Chá ao fondo. S.IGLESIA
Fauna que poboa a contorna, coas vistas da Terra Chá ao fondo. S.IGLESIA

Preto das fervenzas do río hai unha pena á que se lle coñece como O Castelo, lugar no que se advirten uns relevos que se atribúen a un posto de control no camiño que ía da comarca chairega ao Xistral e máis ao norte, enlazando co Camiño Real de Mondoñedo a Ferrol. Pero respecto ao Castelo non hai nada estudado, aínda que se supón que a súa historia vai varios séculos máis atrás.

Un pouco adiante está a Cabana do Capitán, "onde queda a base dunha pequena construción que pode ter que ver coa outra construción defensiva da pena", explica Manuel, que anda montes na busca "de paz, vistas e paisaxes" e atopou no Arnela un dos seus lugares aos que sempre volver.

A pena coñecida como O Castelo. S.IGLESIA
A pena coñecida como O Castelo. S.IGLESIA