A reportaxe da Chaira

Aires novos para a hostalaría de toda a vida

O sector vive unha nova etapa trala pandemia; algúns quedaron polo camiño e outros preferiron emprender antes de renderse
Tostas do bar Pafe. S.IGLESIA
photo_camera Tostas do bar Pafe. S.IGLESIA

Bares, que lugares! Iso dicían os Gabinete Caligari e así llelo confirman os que se quedan coa barra, co pracer de comer a prato posto e co barullo que só se atopa á calor dun bar. Logo dun tempo difícil para propietarios, traballadores e clientes, atrás queda unha pandemia que trouxo límites de cabida, de horarios e nas distancias, barreiras que non todos superaron.

Houbo quen optou por emprender en vez de tirar a toalla e, aínda que 2020 pintaba negro, foron moitos os que deron un paso adiante nun sector que parecía condenado a reinventarse.

Desde hai tres anos, só en Vilalba abriron 13 locais hosteleiros e pecharon cinco, tal e como apuntan desde a asociación Sete Pontes, unha cifra que se volve máis discreta noutros concellos da comarca, pero que dá conta da saúde da que goza o sector.

A Pereira, A Esmorga, El Favorito, Os Roques, Marsu, Brasil ou Pizzca son algúns dos que arrancaron na capital chairega, igual que fixeron Casa Maragata en San Xoán de Alba, a agrotaberna I máis D en Meira, Beiramiño en Xustás ou Zeus en Guitiriz, aos que se suman Pafe, Ebos, Mesón Suso, Bañal e A Carballeira, e que son uns poucos exemplos dunha chea de xente non menos valente que a que aguantou meses de preguntas sen resposta.

Eduardo Balsa (Ebos Obradoiro Doce, Vilalba): "Necesitaba un descanso e fixen un FP de pastelaría"

Eduardo Balsa, dono de Ebos Obradoiro Doce, con Elena e Mari Luz. S.IGLESIA
Eduardo Balsa, dono de Ebos Obradoiro Doce, con Elena e Mari Luz. S.IGLESIA

Logo de traballar como maitre no spa de Santaballa, Eduardo Balsa, nado en Lousada (Xermade) e afincado en Vilalba, quixo repouso. "Necesitaba un descanso, así que fixen un FP de pastelaría en Pontedeume", explica un home que vén de impulsar un novo concepto de bolería na capital chairega logo de facer un máster con Paco Torreblanca e un de pastelaría biosaudable. A el, a longa sombra da pandemia non o asustou.

Ebos Obradoiro Doce non ofrece pasteis tradicionais, senón "algo diferente". "Quixen darlle un xiro e facer doces con menos azucre e con produtos naturais", explica Eduardo, polo que os seus croissants, "sempre frescos", levan "manteiga 100% natural e o azucre xusto". Ademais, complétanse con variados recheos, dende chocolate ou avelá ata doce de leite, pistacho ou mascarpone con amorodo.

Na súa pastelaría, onde tamén traballan Elena e Mari Luz, tamén se ofrecen tostas, zumes naturais de piña, mazá, melón ou pera, e cafés, nun intento de sumar na oferta de almorzos que había en Vilalba.

"Abrimos aínda hai pouco e de momento estamos asentando, pero xa temos moito peregrino, pese a que non temos terraza, e moitos dos clientes que veñen probar, repiten", apunta Eduardo Balsa, de cuxo obradoiro saen de 200 a 250 pezas doces ao día e, previa encarga, elaboradas tortas como a Crunchy Vilapedre ou a Aldara Skate.

Mónica Barrio (Pafe, Vilalba): "Quero dar á xente o que quero recibir como cliente"

Mónica Barrio, no Pafe. S.IGLESIA
Mónica Barrio, no Pafe. S.IGLESIA

Mónica Barrio é esteticista, pero na busca de «darlle á xente o que a min me gusta recibir como cliente », asegura, deu coa chave do que faltaba en Vilalba: un local de almorzos diferentes. Por iso o Pafe deixou de ser "o Pafe do Suso", o de sempre, para ser "o Pafe da Mónica", di entre risas.

Dous días despois de pechar o anterior dono, Barrio poñíase á fronte dun bar con clientes de sempre ao que querían incorporar xente nova, por iso se embarcaban nunha profunda reforma e un xiro no modelo dun negocio que o pasado mes de marzo encaraba a súa nova etapa.

Tostas con marmelada de tomate, con aguacate, pavo ou melón; bol de iogur con froitos vermellos; tortitas e unha longa carta de propostas atraen a clientes de tódolos lados. "A media de almorzos que damos é de 40 ao día", explica, e moitos que proban, volven.

Mónica foi ata o final coa idea de "facer algo diferente" ao Estudiante —lévao a súa parella, Miguel— e así creou un recuncho "acolledor, tranquilo", con vistas á Torre dos Andrade e no que deixarse sorprender á hora do almorzo.

Jesús Calderón (Mesón Suso, Rioxoán): "Este é un punto de reunión, a xente está contenta"

Jesús Calderón, do Mesón Suso de Rioxoán. S.IGLESIA
Jesús Calderón, do Mesón Suso de Rioxoán. S.IGLESIA

"De tódolas cousas que inaugurei, esta foi a máis forte de todas", di con ben seguridade Jesús Calderón cando bota a vista atrás ata comezos deste mes de agosto, cando abría as portas do Mesón Suso en Rioxoán, na parroquia polense de Valonga.

Á beira da LU-750, a estrada que une Meira co Cádavo, atópase un local que xa se converteu "nun punto de reunión", afirma o seu propietario, quen especifica ao mesmo tempo que se trata do "único que atopas na estrada, sen necesidade de desviarte», entre ambas localidades.

Nesa circunstancia atopa Jesús, que naceu en Pousada (Baleira) e regresou de Barcelona para asentar en Rioxoán, a súa gran fortaleza: "Por aquí pasa moita xente e moitos camións e, despois de oito anos pechado este local, a xente animoume a collelo. Fun pouco a pouco e agora todos están contentos con que reabrira".

E é que en Rioxoán, o bar Novo era o único local hosteleiro que había ata que pechou, por iso a iniciativa de Jesús e a boa acollida que recibiu dá boa conta de que "a xente tiñan ganas de volver". 

Pilar Gómez (A Carballeira, Castro): "Se non me tivese animado a familia, eu non abriría"

Pilar Gómez, na Carballeira. S.IGLESIA
Pilar Gómez, na Carballeira. S.IGLESIA

O apoio dos que rodean a un é indispensable, e senón que llo digan a Pilar Gómez, a cabeza visible do bar A Carballeira de Castro de Ribeiras de Lea. Ela é contundente: "O marido e os fillos sempre, sempre, me animaron; se non fora por eles eu non tería aberto o local", di esta veciña de San Xiao de Mos que botou a andar o seu proxecto o pasado 4 de febreiro. 

E fíxoo mudando o concepto, de restaurante a bar de "bocatas, hamburguesas, pratos combinados, tapas e viños", enumera.

E sobre os inicios? "Non puideron ser mellores, temos unha clientela 10", asegura, mentres lembra o que a xente lle dicía, "que este é un local para estar aberto", pois está á beira da carballeira de Castro. Pilar confesa, aínda así, o medo que puido sentir "cando estabamos arranxando o local e vía que estaba todo morto. Eu pensaba que para que me metería nisto, pero a familia deume para adiante e a día de hoxe estou moi contenta", lembra unha muller que antes de ser xefa foi empregada

"Levaba tres anos nun restaurante en Lugo, pero isto é 100% distinto", apunta.

Jose Lamas (Parrillada Bañal, Muimenta): "A grella encéndese todos os días para facer as carnes"

Jose Lamas, na Parrillada Bañal. S.IGLESIA
Jose Lamas, na Parrillada Bañal. S.IGLESIA

O ano 2022 comezaba para Jose Lamas, de Bazar (Castro de Rei), e Mercedes Varela, de Carballo, con novo negocio entre mans, un establecemento hosteleiro situado nun local "arrendado xa antes do confinamento", pero o virus fixo das súas e 20 días despois de abrir as portas da Parrillada Bañal, en Muimenta, tiveron que pechar "por covid", recorda el.

Non era a primeira vez que a pandemia lles truncaba plans, pois a idea primixenia era "abrir antes da Festa da Filloa de 2020", explica Jose, anterior propietario do bar Plaza e do Neira, que viu nos meses de encerro a ocasión para facer reformas no seu novo proxecto.

Así, abría un local cuxo prato forte son as carnes, como o entrecot, o chuletón ou o churrasco, por iso, asegura, "a grella encéndese tódolos días que abrimos; somos os únicos da contorna que ofrecemos sempre especialidade de parrilla". Será iso e o bo facer o que leva a numerosos comensais de martes a domingo ao comedor de Bañal, estratéxico pola súa situación á beira da estrada de Vilalba a Meira.

"Pola semana o que máis temos son traballadores e, na fin de semana, o que mellor funciona é a carta; de media vimos dando de 90 a 100 comidas tódolos días", cifra o copropietario dun local que está en pleno proceso de ampliación cun novo comedor para 40 comensais —súmase ao xa existente para 60 persoas— e forno para asados.

Ocio nocturno: As Pontes conta con dous pubs e unha discoteca máis
As restricións derivadas da pandemia afectaron con máis intensidade, se cabe, ao sector do ocio nocturno. Malia todo, só nas Pontes sumáronse a finais do pasado ano dous pubs e unha discoteca máis á oferta que xa había na localidade, que o empresario Juan Trastoy cifra nunha docena. O seu nome está detrás da apertura de Enigma e Purgatorio, ademais de Medulio, unha discoteca "de toda a vida".
Tempos difíciles
Trastoy, que dá emprego a "70 persoas", mantén unicamente aberto nestes meses de verán o caféconcerto Pecados. "Desde maio e ata outubro os demais terémolos pechados porque senón é inviable; cambiou moito o xeito de saír e a movida nocturna e para min que é o peor verán da historia, antes nunca tiveramos que pechar", explica.
Reinventarse
Ante a falta de traballo durante estes meses, Juan Trastoy optou por reinventarse e así "poder soster os locais". Por iso adquiriu tres furgonetas, toldos e equipos de música exterior co que ofrecer o seu servizo ao aire libre, en festas e verbenas. "Imos desde Sarria ata Oleiros, pero en outubro volveremos aos pubs e á discoteca", avanza.
En Vilalba
Ademais de abrir locais de ocio nocturno nas Pontes, Vilalba sumou unha nova incorporación —aínda que son máis as baixas— coa apertura do pub Xanela a pasada primavera.

 

Comentarios