A reportaxe da Chaira

'Aire negro': Un paseo polas letras de Agustín

A novela de Fernández Paz inspira un roteiro por localizacións da obra e espazos do autor, organizado dende a biblioteca municipal de Vilalba 
Laura Novo, nun momento do roteiro. C.PÉREZ
photo_camera Laura Novo, nun momento do roteiro. C.PÉREZ

Son as nove de mañá e nótase certa emoción no ambiente. Vinteseis espíritos, os máximos que podían estar, agardan inquedos o inicio dun paseo físico, literario e sensorial polos espazos de Agustín Fernández Paz e da súa novela Aire negro

Alí, na biblioteca, rodeada deses libros que son unha constante na obra, Laura Novo escribe sen parar, sen prestar atención a todo o que a rodea. Todos a descobren igual que o facía o doutor Moldes. E a Besta —con certas reminiscencias ás da comparsa do Entroido dos Edro— está aí, presente, detrás dela, agardando.

Laura, escribindo na biblioteca de Vilalba. C.PÉREZ
Laura, escribindo na biblioteca de Vilalba. C.PÉREZ

A comitiva deixa a ficción e camiña cara ao pasado, seguindo un roteiro deseñado polo alumnado IES Basanta Silva —todos os anos en segundo da Eso lese Aire negro— durante a pandemia, inicialmente de xeito virtual e logo, cando foi posible, físico. 

É 1947, o ano no que nacía, no barrio das Fontiñas, o terceiro dunha irmandade, nunha casa na que se amaba a literatura. Quen sabe as veces que pasaría o pequeno Agustín pola Fonte da Picha ou polo parque que hoxe leva o seu nome, onde a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) lle rendía tributo plantando un bidueiro que, de primeiras, secou. 

Na Fonte da Picha. C.PÉREZ
Na Fonte da Picha. C.PÉREZ

Sería o propio Agustín o que se preocupou por repoñelo, nomeando coidadores ao avó e ao pai dunha nova xeración das Fontiñas,  Baruk e Rosana, aos que agasallaba alá polo 2010 con exemplares xustamente de Aire Negro e de O único que queda é o amor. Neste compendio de contos inclúese o que inspira a peza Esa estraña lucidez, interpretada no roteiro por Corredores de Sombra —si, tamén por Agustín—, grupo que xungue música e literatura do que forman parte Baruk e Rosana Domínguez, acompañados nesta aplaudida actuación sorpresa por Luz Airado. 

Monolito nas Fontiñas. C.PÉREZ
Monolito nas Fontiñas. C.PÉREZ

E aí segue, vizoso, como poideron comprobar os camiñantes, o bidueiro, ao carón do monolito que completaba aquela homenaxe de 2009, coas verbas As paisaxes da memoria gravadas en pedra:

Os fíos cos que vou urdindo as miñas historias teñen a súa orixe nos anos da infancia, nunha Vilalba onde aprendín a nomear o mundo: nos contos que escoitei, nos libros e tebeos que lin, nas películas que vin nuns cines que xa non existen, nos fríos días escolares e nas aventuras daqueles veráns luminosos e eternos... Todo segue alí nas paisaxes gardadas na miña memoria.

Quen sabe cantos deses contos que lle contaba a señora Generosa lle serviron de inspiración para profundar na súa paixón pola escrita e pola educación, aparcando o seu labor como perito industrial mecánico. E igual que Agustín facía no seu día, retornando de Barcelona a Galicia, Laura cambiaba Madrid pola Terra Chá para reencontrase consigo mesma. 

Na casa grande de Lanzós. C.PÉREZ
Na casa grande de Lanzós. C.PÉREZ

Facíao en Lanzós, nunha Casa Grande dedicada ao turismo rural, unha edificación cuxa descrición literaria, tanto da construción coma do contorno, impulsou unha investigación por parte dun grupo de alumnas do Basanta Silva ata dar cunha que encaixaba coa que Laura Novo pensou que podería ser o refuxio.  

Laura, na Charca do Rego de Lanzós. C.PÉREZ
Laura, na Charca do Rego de Lanzós. C.PÉREZ

Non moi lonxe dese fogar ficticio de Carlos Valcárcel —na realidade a Casa de Ribado—, ao que Laura chegaba en coche e os camiñantes en autobús, atópase a Charca do Rego, parada previa para que as xentes volvesen introducirse no mundo de Laura, a oíla recitando a Neruda nun bucólico contorno. Porén, a Besta aí segue, oculta a simple vista.

A ficción mesturase coa realidade no Adro de Lanzós. Alí sitúa Agustín outro personaxe da novela, e alí está a escola habaneira onde súa irmá Antoñita foi unha mestra moi querida, que animaba aos seus nenos a escribir. 

No cemiterio de Lanzós. C.PÉREZ
No cemiterio de Lanzós. C.PÉREZ

Houbo tempo, antes de seguir camiño cara a San Simón, para coñecer algo máis da historia do lugar da man de Sabela Figueira —integrante do equipo da biblioteca do Basanta Silva e veciña de Lanzós—, de repoñer forzas cun tentempé e, sobre todo, de probar a maña de cada quen con eses trompos cos que tanto lle gustaba xogar a Agustín e a seu irmán Luís. Eles non os mercaban no Gayoso. Os seus eran únicos, resistentes, cunhas artesanais liñas verdes e vermellas pintadas. É o que tiña o ser fillo dun carpinteiro que sempre era quen de atopalos gardados no corazón do buxo.

Xogos e lecturas na escola habaneira de Lanzós. C.PÉREZ
Xogos e lecturas na escola habaneira de Lanzós. C.PÉREZ

De viaxe cara a San Simón, pasouse pola Revolta, onde o protagonista da novela ía cazar, e chegouse ao lugar dos Fornos. A visita á capela do San Cidre foi unha sorte de licenza poética antes de achegarse ata as Covas, onde Laura Novo, co saxofón, agardaba unha vez máis aos visitantes, coñecedores da súa historia e desa Besta tan presente en Aire negro, a escolla literaria coa que se estreaba o novo club de lectura da biblioteca pública municipal de Vilalba, que conta con dous grandes referentes moi consolidados: o do Basanta Silva, premiado a nivel nacional, e o feminista. 

Capela de San Cidre, en San Simón. C.PÉREZ
Capela de San Cidre, en San Simón. C.PÉREZ

Cada mes lerase un libro —quedan as sesións de maio e de xuño antes das vacacións estivais— e organizarase unha actividade complementaria, relacionada con obra seleccionada, tal e como precisou a bibliotecaria vilalbesa, Atenea Ruibal, que salientou que estas propostas complementarias  estarán abertas a calquera persoa que queira participar, igual que se fixo neste roteiro inaugural, ao que se sumaba tamén o fillo de Antoñita e sobriño de Agustín, Xulio Villarino

En San Simón.C.PÉREZ
En San Simón.C.PÉREZ

Atenea foi quen exerceu de guía desta primeira iniciativa na que contou co apoio de Tamara Grandío e de Marianna Fato, do grupo de teatro, e de Tereza Ctvrtnickova e Susana Pérez, as lauras dun percorrido que nas distintas paradas, nas voces de varios voluntarios, incluíu fragmentos de entrevistas ou de discursos de Agustín Fernández Paz. E é que este paseo por Aire negro foi tamén un recordo e unha homenaxe ao seu autor.

Alumnas do IES Basanta Silva, traballando no futuro herbario de Agustín. EP
Alumnas do IES Basanta Silva, traballando no futuro herbario de Agustín. EP

Un herbario da man do IES Basanta Silva

A idea xurdiu a partir da mostra O herbario de Rosalía, que puido verse en Vilalba da man do Iescha. No IES Basanta Silva pensaron en facer tamén o seu propio herbario co escritor que lle dá nome á biblioteca do centro e que ademais foi mestre, o vilalbés Agustín Fernández Paz.

O proxecto, que se iniciaba co repaso das obras de Agustín buscando referencias a elementos vexetais, conta co apoio do profesorado e do alumnado e esta aberto ás familias. Coordínase dende a biblioteca e colaboran o club de ciencias, o de lectura ou o departamento de plástica.

Creouse un excel para documentar as referencias vexetais de cada libro e transcribíronse os parágrafos correspondentes. As tarefas organízanse por semanas, expoñendo na biblioteca as dúas ou tres especies sobre as que se traballa: fotografíanse, recóllense nun caderno e, no obradoiro de papel recliclado, prénsanse e fanse láminas estampadas de cada unha. 

Seguirán a traballar o que queda de curso e mesmo ao comezo do que vén para despois, xa sexa con todas as variedades ou cunha escolma, elaborar unha exposición

Teñen contabilizadas 66 especies vexetais, sen descartar atopar algunha máis.

Traballos do herbario. C.PÉREZ
Traballos do herbario. C.PÉREZ

Comentarios