E aínda queda unha semana de patronais

O día de Santa María, con actuación na peonil Rúa da Pravia e a tradicional visita ao Hospital Asilo, pecha tres intensas xornadas de actos nas festas de Vilalba, que culminarán o domingo 8 coa celebración do Día das Parroquias
A Mekanika Rolling Band, en la Rúa Pavía. C.PÉREZ
photo_camera A Mekanika Rolling Band, en la Rúa Pavía. C.PÉREZ

Este luns será xornada de descanso en Vilalba. Non hai nada programado. Un día de relaxación non vén mal logo de tres intensas xornadas cheas de propostas que culminaban onte coa celebración do día de Santa María.

A comitiva oficial, cuxo paso marcaron a asociación cultural Andrade e Entre Lusco e Fusco, partía dende diante da casa do concello ata a igrexa parroquial que leva o nome da patroa, pasando a carón da Rúa da Pravia, baleira como poucas veces se veu. Sería por pouco tempo, pois por ela pasou a concorrida procesión e logo encheríase de tradición coa cantigas e os bailes de Andrade.

A orquesta Miramar amenizaba a vermú para logo repetir á noite cos Satélites, pero a súa non sería a única música do día. Mekanika Rolling Band tomaba á Rúa da Pravia nun concerto vespertino que puxo a mover os pés a todo o mundo con ritmos dende o Xabarín Club ata Mercedes Peón.

Pouco antes, era a Charanga a que animaba a todos a bailar noutra das tradicións de Santa María, a visita das autoridades ao Hospital Asilo de Vilalba. E por suposto, das raíñas e dos representantes de moitas das asociacións da localidade, eses que son "o corazón e a alma de Vilalba", tal e como as definía presidente do padorado, Carlos Zoilo López Eimil, agradecendo a visita e pedíndolle aos que teñen poder de decisión que non deixen de apoialas "porque son quen move o pobo".

Un pobo, o vilalbés, que despois da merecida xornada de descanso de hoxe -as festas comezaban xa o 21 coa Xira da Terceira Idade- volverá ter múltiples opcións de entretemento ata o domingo 8, no que a festa na honra da parroquia de Mourence despedirá o patrón.

Dende mañá ata o xoves, VeoVeo ofrecerá obradoiros infantís na Praza da Constitución (11.30 horas), onde mañá tamén actuará o Mago Romarís (18.00) O auditorio acollerá o 4 e o 5 os espectáculos de Arco Iris e de Tanxarina (19.00) e a Praza de Santa María, un concerto de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre o venres (22.30). O festival Pepe Guntín será o sábado (20.00 horas) e chegarán as derradeiras verbenas.

Comentarios