Agustín Bolaños: "En Galicia temos moito e moi bo teatro amador"

Dirixe as dúas compañías de teatro afeccionado das Pontes, que participan na III Mostra de Teatro Amador organizada polo Concello. O evento comenza este sábado, ás 20.00 horas, no Cine Alovi. Haberá funcións os días 2, 9 e 16 de marzo. 
Agustín Bolaños, director do Catre e Quemaistén Teatro. M.M.
photo_camera Agustín Bolaños, director do Catre e Quemaistén Teatro. M.M.

A mostra iniciarase co Paripé, o Cabaré! Que pode adiantar?
Esta obra xurdiu do traballo que fixemos durante o curso pasado co Catre. Como nos pareceu un traballo que gustou de facer e de ser visto, decidimos estrealo ao grande e presentalo en formato espectáculo dentro da mostra. Veredes un numeroso grupo de divas das varietés que quererá facervos pasar un rato agradable e divertido. Temos un tema de fondo que sería o paripé, as aparencias, que temos todos nós e coas que convivimos todos os días. Si, tamén esa persoa que che sorrí falsamente agora mesmo (ri).

Teñen previsto xirar coa obra? 
Cando propoñemos un espectáculo como este, a nosa intención é levalo a todas partes! A parte máis importante do teatro é cando tes a posibilidade de ofrecelo ao público, xa que así todo ten sentido. Sen o público o teatro non existiría, sería outra cousa. Tentaremos que nos seleccionen para o Certame da Deputación da Coruña deste ano, xa que é unha oportunidade de saír fóra das Pontes e de sentir ese nervio de actuar ante outro público diferente.

Veredes un numeroso grupo de divas das varietés que quererá facervos pasar un rato agradable

Manteñen varios grupos activos dentro do Catre. Hai canteira?
Seguimos a filosofía da asociación cultural Alende, da que formamos parte, e considerámonos escola, impulsores de ilusións e, nalgún caso, berce de vocacións e interese por este oficio. Temos varios grupos, que parten desde nenas e nenos con oito anos ata adultos en idade de xubilarse e unha embarazada! Traballamos en función do que queremos presentar ante o público, adaptándonos uns aos outros e tentando sempre dar un pasiño máis en cada proxecto.

WhatsApp Image 2024-02-20 at 10.22.06
Agustín Bolaños, no auditorio Alovi. M.M.

Na mostra tamén dirixe a Quemaistén con Terapia de grupo. Que hai detrás deste traballo?
Quemaistén é o grupo que levou durante moitos anos a organización da mostra de teatro con moito éxito e traendo moitas das compañías máis coñecidas do teatro amador de Galicia. Neste traballo poñeremos sobre as táboas unha obra sobre uns pacientes que coinciden ao mesmo tempo na consulta do seu médico. Esta comedia está sendo moi divertida de preparar e agardamos que sexa do agrado do público que acuda á estrea o 16 de marzo.

Que importancia teñen este tipo de eventos?
As mostras de teatro amador nunca sobran! Permiten aos grupos ter un escaparate onde presentar os seus traballos máis aló dos lugares onde se crean. Poder levalas ante outros públicos é moi estimulante e permite a cohesión dos grupos, dándolle a importancia que merece ao traballo que se fai durante meses. Tamén vemos outro tipo de ensinanzas, como é que as veteranas axudan ás novatas a sentirse máis cómodas e a que confíen en si mesmas, xa que elas xa estiveron nesas circunstancias.

As mostran son un escaparate. Poder levar os traballos ante outros públicos é moi estimulante

Cal é o estado de saúde do teatro afeccionado?
En Galicia temos moito e moi bo teatro amador. O que máis me importa é que hai grupos de persoas en moitos sitios que se reúnen para ensaiar, fóra dos horarios de traballo e de estudo, usando ese tempo en preparar da mellor maneira posible unha obra coa que sorprender o seu público e que todo ese tempo, enerxía e diñeiro ten dous obxectivos claros: agradas a quen o fai, a compañía, e a quen a ve, o público.

Comentarios