Agustín Baamonde: "O voto do PP en Vilalba está moi asentado e non é fácil modificalo"

O alcalde da capital da Terra Chá volve enfrontarse ás urnas logo da saída de Gerardo Criado

Agustín Baamonde. EP
photo_camera Agustín Baamonde. EP

AOS SEUS 69 anos, preséntase por quinta vez como candidato do PP en Vilalba. Sempre gañou, pero ocupou o sillón incluso máis veces. En 1991 asumiu o cargo en substitución de Xosé María García Leira —un ano antes de estrearse como cabeza de lista— e en 2005 renunciou para saltar ao Parlamento Autonómico. Retornou en 2016, cando Gerardo Criado voou ao Senado. E agora volve enfrontarse ás urnas. Bo analista, sabe que as cousas non son tan fáciles coma antes, pero sae a gañar.

Quedan moitas máis?

Síntome con capacidade, ganas e forza agora, pero a previsión do tempo é imposible, ‘carpe diem’.

Foi moi diferente o regreso que os primeiros 15 anos como alcalde?

A esencia é exactamente a mesma, o que si se modifica moito é o contorno do propio concello: hai máis formalismos legais, que crean unha selva burocrática, e hai máis presión da xente, que é máis esixente e reivindicativa.

Cal é o reto para Vilalba?

Afirmarse como capital de referencia da Terra Chá e fixar poboación no rural.

"Recupero osíxeno sentándome a ler e gústame andar e correr un pouco, aínda que sexa detrás dos cans"

Como afronta as eleccións despois dos resultados das xerais? A xente vota diferente nas municipais?

É diferente. Nunha xerais pesa o compoñente ideolóxico e nas municipais está o compoñente persoal e a relación directa. O efecto dunhas eleccións tan inmediatas é difícil medilo. Pode ter efectos de arrastre da forza máis votada, pero tamén o contrario, e equilibrar e non poñer todos os ovos no mesmo cesto.

Houbo intentos de crear listas na dereita, pero finalmente non se presentaron. A que se debe?

Ata o momento actual, polo menos, o votante da dereita en Vilalba ten moi definido o seu criterio. E Fraga conseguiu acuñar esa maioría natural da dereita. A división non conduce a nada positivo. E o voto do PP é de convicción. Hai un sector volátil, pero o elenco fundamental está moi asentado e non é fácil modificalo.

Houbo unha gran renovación na lista. Purga ou aposta de cambio?

Pode parecer o que queira dende fóra, pero sempre que estiven na alcaldía fixemos algo parecido, un cambio na corporación de polo menos o 50%. As caras vanse gastando e a xente nova dá aire fresco. E agora nos concellos, non só por parte do alcalde, necesítase unha dedicación intensísima.

Como ve a oposición?

Non me corresponde a min valoralo, vai ser a propia cidadanía a que o faga. Pero fago unha valoración positiva. A oposición en Vilalba sempre cumpriu un papel de estabilización e o nivel de entendemento, fóra das discusións no pleno, é correcto. Jorquera, Modesto e Elba parécenme persoas que desenvolveron ben a súa función e co nivel político que o pobo necesita.

Ningún pero?

Fixeron unha política de desgaste persoal do alcalde máis que de propostas concretas para solucionar problemas.

Gústanlle as citas. Unha para o momento político actual?

‘Todo flúe, todo cambia e nada permanece’, de Heráclito.

Bota de menos a avogacía?

Gustábame, era a miña profesión e defendíame bastante ben. Pero hai que cubrir etapas e como consecuencia da política non podía prestarlle toda a dedicación.

Recorda algún caso concreto?

Non hai casos mellores nin peores, como na alcaldía, onde as obras pequenas e as grandes son igual de importantes. Pero se teño que destacar algún, o primeiro caso que se fixo con xurado popular en Lugo tocoume defendelo a min.

E na alcaldía. Algo que o marcou?

Marcoume moito a morte de Maruchi, foi un momento moi difícil, e outro no que houbo que batallar bastante foi para construír o centro ocupacional.

Como toma osíxeno?

A alcaldía non deixa moito tempo, pero eu recupéroo sentándome a ler e gústame andar e correr un pouco, aínda que sexa detrás dos cans. Toda a vida fixen deporte.

Cantos quilómetros fai ao día?

Cinco ou seis. A clave non é andar moito, senón continuamente.

Recomende un libro.

Leo case todo o que me cae nas mans, pero quizais A Ilíada. Sabíaa de memoria.

Comentarios