jueves. 24.09.2020 |
El tiempo
jueves. 24.09.2020
El tiempo

Agustín Baamonde: "O SAF é un servizo de carácter superlativo que se adapta moi ben á realidade social"

Agustín Baamonde Díaz. EP
Agustín Baamonde Díaz. EP

Este avogado encabezará a lista do PP á alcaldía de Vilalba logo de retomar en 2016 o bastón de mando trala marcha de Gerardo Criado ao Senado. Séntese con forzas para asumir o reto de manter a maioría absoluta que os populares ostentan no Concello dende o inicio da democracia

Agustín Baamonde, xa confirmado como candidato do PP en Vilalba, conta cunha dilatada carreira política. Entraba na corporación en 1987 e tres anos despois convertíase en alcalde ao marchar a Santiago Xosé María García Leira. Ese baile de cargos acompañouno sempre, pois en 2005 sería el o que lle cedería o sillón a Gerardo Criado para seguir o mesmo camiño que García Leira e desenvolver un "intenso labor" no Parlamento. En novembro de 2016 pechaba o círculo e volvía á alcaldía, que agora quere conservar, asumindo o reto de "conducir o partido nun momento complicado". 

Que balance fai do seu mandato?

Positivo, dadas as circunstancias en que tivemos que desenvolvernos. O nivel de actuacións foi alto e deuse resposta a dous problemas graves que había ao chegar á alcaldía, abrir a nova gardería municipal e solucionar o problema co centro de día do Hospital Asilo, creando a Unidade de Alzhéimer con 15 prazas. Tamén tivemos que abordar outro problema, a adecuación das instalacións municipais. Ofrécese un volume moi alto de servizos a nivel deportivo e cultural, cun uso intensivo das instalacións, e iso esixe ter dotacións en condicións. 

Que proxectos ten pendentes?

Hai dúas cousas fundamentais. Unha é rematar o PXOM, é unha esixencia inescusable, Vilalba ten que telo e levamos demasiados anos sen acabalo. Despois dun ano de negociacións, imos levar a pleno a modificación do contrato para adxudicar a redacción e no novo mandato hai que darlle solución, porque é unha ferramenta imprescindible. O segundo punto é a ampliación do polígono, que ten un altísimo nivel de ocupación e segue a haber demanda. É o pulmón económico de Vilalba, pero non hai solo. Temos unha reserva de 700.000 metros cadrados de solo rústico, que hai que cualificar, pero só 300.000 están na área de expansión comercial, o que simplifica os trámites, porque o proceso é complicado. 

Unha das súas apostas é o SAF, o servizo de axuda no fogar.

Apostamos por incrementar un servizo de carácter superlativo porque se adapta moi ben á realidade social de Vilalba, cunha poboación envellecida e dispersa. A xente prefire a asistencia na casa antes que despazarse. Nós temos 370 usuarios, 130 traballadoras e un volume de gasto de 1,9 millóns, dos que a Xunta pon unha parte importante. Agora temos que adaptar o contrato aos prezos do convenio, o que suporá un incremento duns 500.000 euros, e a maior parte terá que achegalos o Concello. 

Entre os proxectos hai dúas cousas fundamentais: rematar o PXOM e a ampliación do polígono

O abastecemento de auga e a depuración xeraron moitos problemas nos últimos anos, como está a situación?

Levamos dous anos de trámites coa Confederación Hidrográfica Miño Sil para legalizar a auga e o proceso por fin está rematado, a piques de publicarse. Hoxe o abastecemento está garantido coas dúas captacións, mesmo cando hai seca, pero o consumo industrial aumenta, polo que nos gustaría amplialo. No tocante á depuración, houbo un tempo que foi un problema grave, pero hoxe hai capacidade suficiente. O problema é a situación da depuradora. Ao aumentar o caudal desvía os excedentes cara ao río e o impacto visual é grande. A solución, a longo prazo e cun investimento custoso, é separar a rede residual da pluvial, con dobre tubaxe en todas as rúas, para que a depuradora só chegue a primeira. A curto prazo hai que colocar un tanque de tormentas na depuradora que faga que o exceso de caudal reciba un pretratamento. Agora estase traballando nisto con Augas de Galicia e Espina e Delfín, a concesionaria.

Tamén se deixa falado moito de peonalización e aparcamento, hai algún plan ao respecto?

Vilalba necesita espazos amplos de aparcamento porque hai un nivel altísimo de vehículos circulando. Vive da xente de paso, dos veciños das 30 parroquias que se acercan a diario polo comercio e os servizos. Eu non son un entusiasta da peonalización, creo que ten que responder a un interese xeral, coma na Praza de Santa María, que ten un alto valor patrimonial. Pero antes de peonalizala, hai que ofrecer unha alternativa e nós estamos tentando crear un aparcadoiro próximo para regular o tráfico, facilitando os accesos.

Que cambios notou da súa anterior etapa a esta?

Hai problemas que antes non había, o bosque normativo cada vez é máis forte, cunha burocracia asfixiante, o que complica calquera trámite. E o nivel de esixencia da cidadanía aumenta. 

Que similitudes e diferenzas ve entre a política autonómica e a municipal?

Coinciden en que o nivel de actividade política é intenso, pero a forma de exercicio é diferente. A relación directísima e de inmediatez coa veciñanza obriga a un exercicio político as 24 horas do día. No Parlamento é máis repousado, cunha análise máis profunda. 

Aproveito os paseos que dou con Yoko para reflexionar

Como se descansa da política?

É imposible, salvo a capacidade de abstracción de cada un. Eu teño a virtude de durmir con tranquilidade, aínda que sexa pouco, e sempre estiven moi ligado a actividades física, antes practicaba todo tipo de deportes e agora paseo. 

Co can...

Si, os paseos co pequeno, Yoko, aproveitoos para reflexionar, o que non podo facer co grande. Con Toby saio correr. 

Sacará o carné de conducir?

Vivo de marabilla sen el. Sempre digo que o hei sacar cando o necesite e nunca o necesitei. Veume moi ben estar sen el, porque as viaxes permítenme desconectar, repasar cousas, ver a paisaxe... 

Bota de menos a avogacía?

Sempre me gustou moito e ao principio si que me costaba, pero hoxe vou afeito. Volver agora esixiríame un esforzo de actualización, porque cambiaron as leis e a realidade social.

Un concello con máis de 1.600 empresas
Segundo os datos do Ige do ano 2017, Vilalba conta con 1.654 empresas, das que máis de 1.200 se corresponden con persoas físicas e só tres son sociedades anónimas. Por número de empregados, hai dúas que superan as 100 persoas en plantilla e outras tantas con máis de 50. En máis de 1.400 hai dous ou menos traballadores. 

Emprego
A decembro de 2018, as afiliacións na seguridade social rondaban as 5.500, das que unhas 3.500 pertencen ao sector servizos. A industria xera case 900 empregos e o sector primario, máis de 600. 

Poboación
O municipio, que se reparte nun total de 30 parroquias, ten 14.226 veciños censados, cunha idade media de 49,57 anos. 

379,4
Son os quilómetros cadrados que ten Vilalba, que o converten no segundo máis grande de Galicia, só superado por A Fonsagrada.

Agustín Baamonde: "O SAF é un servizo de carácter superlativo que...
Comentarios