"Africor Lugo é un referente a nivel estatal polos servizos que dá e traballaremos por manter isto"

Manuel Sandamil Cabana, gandeiro chairego, responsable da SAT A Vereda de Castro de Rei, acaba de poñerse á fronte da xunta directiva da entidade, cun equipo renovado e cheo de xuventude
Manuel Sandamil. AEP
photo_camera Manuel Sandamil. AEP

Os socios de Africor Lugo veñen de elexir por votación aos sete membros da nova xunta directiva, que nos vindeiros catro anos presidirá o chairego Manuel Sandamil Cabana. O responsable da SAT A Vereda de Castro de Rei era o tesoureiro na anterior e aportará a súa experiencia nun equipo no que tamén repite, de novo como segundo vogal, José Manuel Castro Núñez, da gandería Matías de Lugo. Ao seu carón, estarán José Alberto Iglesia Vila, de Rei de Miñotelo (A Pastoriza), como vicepresidente; María Castro López, de Portalousa (Xermade), como secretaria; Gonzalo Balea Vázquez, de Callobro (Trabada), como tesoureiro; Julio López Fernandez, de Quintián (O Páramo), como interventor, e Fernando López Fernández, de Tío Andrés (Sarria), como primeiro vogal.

Como afronta o seu nomeamento como presidente de Africor Lugo?
Cunha miguiña de sorpresa. Si que imaxinaba estar na directiva, despois de estar na anterior e tras a renuncia dos socios que estaban nos cargos altos, pero non contaba con ter tantos votos e asumir a presidencia, algo co que todos os elixidos estiveron de acordo. Pero afróntoo con ganas e tratando de darlle a máxima dedicación.

Hai unha renovación importante na xunta directiva, tanto en persoas como na idade destas...
Julio e máis eu somos os máis veteranos e o resto é xente xove, o cal é bo porque aportan ideas novas. Tamén é importante que por primeira vez hai unha muller na xunta directiva. Temos un equipo interesante, con ilusión e ganas de facelo ben e mirar polo noso sector, pese aos tempos que corren e as dificultades que nos imos atopar.

Que obxectivos ou retos teñen en mente?
É demasiado cedo para facer unha valoración ou para dicir cal vai ser o noso libro de ruta, porque de momento só tivemos unha reunión esta semana enfocada a repartir os cargos. Pero si que hai algunhas cousas que están pendentes, que xa empezaron a mirar as anteriores directivas, e que nos gustaría continuar.

Algún proxecto do que se poida falar?
Hai un enriba da mesa desde hai tempo, que é a unificación dos catro Africor de Galicia, de forma que quedara un control leiteiro a nivel autonómico, máis rendible e económico que os que hai. Pero é un proceso laborioso de tratar e de levar a cabo, porque cada un conta con actividades, estatutos, contas e funcionamento diferentes. Pero cremos no beneficioso desa fusión.

En que situación se atopa actualmente Africor Lugo?
As ganderías cada vez somos un pouco máis grandes, pero imos a menos. O número de animais non baixa, pero o de explotacións si. Isto, unido a que as subvencións se van recortando, fai complicado manter unha estrutura de 50 traballadores e na que a maior parte dos fondos veñen polas cotas de socio. Pero estamos para o servizo dos socios e hai que ir pouco a pouco. Sabemos que a situación é moi difícil e imos poñer todo da nosa parte para seguir para adiante e que Africor Lugo manteña o prestixio que lle deron outros, xa que é un referente a nivel estatal polos servizos que dá. E tendo en conta que Lugo é a provincia con máis produción leiteira de España, tamén tiñamos que ser un referente en Galicia e a nivel nacional para ter máis forza en canto á negociación de prezos.

E o sector lácteo?
Con bastante incerteza, despois de que nos últimos meses as empresas andiveran renovando os contratos á baixa e coa situación do Covid-19. Isto é unha cadea e todo vai repercutir no sector, tarde máis ou menos tempo. O 2020 era un ano bastante esperanzador polos movementos que había en marzo e abril, nos que as empresas collían ganderías e había un pequeno incremento no prezo do leite, sen ser nada do outro mundo, pero quedouse a cousa así. Ao final vai ser un ano normaliño, e non moi prometedor.

Comentarios